Serpe mariña (mitoloxía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Unha serpe mariña ilustrada no libro de Olaus Magnus Historia dos pobos do norte (1555).

En mitoloxía e criptozooloxía unha serpe mariña ou dragón mariño é un tipo de criatura descrita en varias mitoloxías, notablemente na grega (Cetus, Equidna, Hidra, Escila), mesopotámica (Tiamat), hebrea (Leviatán), e nórdica (Jörmungandr).

Mitoloxía[editar | editar a fonte]

O mitema do Drachenkampf, o deus xefe que exerce o papel de heroe que mata unha serpe de mar, está moi estendido tanto nas relixións e mitoloxías do antigo Oriente Próximo coma nas indoeuropeas. Son exemplos: Lotan e Hadad, Leviatán e Yahweh, Tiamat e Marduk (ver tamén Labbu, Bašmu, Mušḫuššu), Illuyanka e Tarhunt, Yammu e Baal no ciclo de Baal, etc. A Biblia hebrea tamén ten descricións un tanto mitolóxicas de grandes criaturas mariñas como parte da creación baixo as ordes de Deus, como Tanninim mencionado no Libro do Xénese 1:21 e a "gran serpe" de Amos 9:3. Na Eneida, un par de serpes mariñas mataron a Laocoonte e os seus fillos cando Lacoonte argumentou en contra de traer o cabalo de Troia ao interior de Troia.

Na antigüidade e na Biblia, os dragóns eran descritos como enormes monstros serpentiformes, polo que non tiñan a imaxe dun dragón con dúas ou catro patas e ás que apareceu a finais da Idade Media. En moitos dos relatos se di que vivían no mar, como, por exemplo, nos mitos babilónicos de Tiamat, o mito de Hydra, Escila, Cetus e Equidna na mitoloxía grega e talvez o Leviatán.

Na mitoloxía nórdica, Jörmungandr (ou Midgarðsormr) era unha serpe mariña tan longa que circundaba o mundo enteiro (Midgard). Jörmungandr morreu a mans do deus Thor. Algunhas historias informan de mariñeiros que confundían o seu dorso cunha cadea de illas. As serpes mariñas tamén aparecen frecuentemente no folclore escandinavo posterior, especialmente na de Noruega.[1][2]

En 1028 d.C., dise que San Olaf matou unha serpe mariña en Valldal, Noruega, lanzando o seu corpo sobre a montaña Syltefjellet. As marcas que presenta esa montaña asócianse con esa lenda.[3][4] Na Carta marina do eclesiástico e escritor sueco Olaus Magnus, aparecen moitos monstros mariños de variadas formas, incluíndo unha inmensa serpe mariña. Na súa obra de 1555 Historia dos pobos do norte (Historia de Gentibus Septentrionalibus), Magnus dá a seguinte descrición dunha serpe mariña norueguesa:

Os que navegan ao longo da costa de Noruega para comerciar ou pescar, todos contan a salientable historia de como unha serpe de impoñente tamaño, de 200 pés de longo e 20 pés de largo, vive en cantís e covas fóra de Bergen. Nas noitas claras do verán esta serpe abandona as covas para comer cuxos, años e porcos, ou aliméntase no mar e come augamares, cangrexos e animais mariños similares. Ten pelo da lonxitude dunha anguía que colga do seu pescozo, escamas negras agudas e ollos vermellos flameantes. Ataca os barcos, atrapa e engole persoas, xa que se ergue da auga como unha columna.[5][6]

Lendas notables[editar | editar a fonte]

Un aparente relato dunha testemuña encóntrase na obra de Aristóteles Historia Animalium. Estrabón fai referencia a un relato dunha testemuña que viu unha criatura mariña morta avistada por Poseidonio na costa do nore de Levante. Informa do seguinte: "En canto ás chairas, a primeira, que empeza no mar, chámase Macras, ou chaira de Macra. Aquí, como informou Poseidonio, foi visto o dragón caído, cuxo corpo morto era de aproximadamente un pletro [30 m] de longo, e tan voluminoso que uns xinetes de pé ao seu carón situados a cada lado non podían verse un a outro; e as súas mandíbulas eran grandes dabondo como para admitir un home montado a cabalo, e cada lámina das súas escamas córneas superaba en lonxitude un escudo oblongo." (Xeografía, libro 16, capítulo 2, parágrafo 17). A criatura foi vista por Poseidonio, un filósofo, nalgún momento no período entre o 130 e o 51 a.C.

Hans Egede, o santo nacional de Groenlandia, deu unha descrición no século XVIII dunha serpe mariña. O 6 de xullo de 1734 o seu barco pasou navegando pola costa de Groenlandia cando de repente os que estaban abordo "viron a máis terible criatura, que non lles lembraba a nada que viran antes. O monstro ergueu a cabeza tan alto que semellaba ser máis alto que a cofa do pau maior. A cabeza era pequena e o corpo curto e engurrado. A descoñecida criatura utilizaba aletas xigantes que a propulsaban pola auga. Posteriormente, os mariñeiros viron tamén a súa cola. O monstro era máis longo que todo o noso barco", escribiu Egede. (Mareš, 1997)

Ademais, hai diversos testemuños modernos de persoas que afirman que viron criaturas mariñas que interpretaron como serpes mariñas, o que deu pé en criptozooloxía a pensar que eses animais podían realmente existir, pero non hai probas contrastadas de que esas interpretacións sexan correctas.

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Sea Serpent?". de Ask.com. Arquivado dende o orixinal o 25 de outubro de 2013. Consultado o 21 de agosto de 2013. 
  2. "The Unexplained Mystery of the Sea Serpent". Crypted Chronicles (18 de marxo de 2012). Consultado o 21 de agosto de 2013. 
  3. "Ormen i Syltefjellet". Arquivado dende o orixinal o 2011-07-24. 
  4. "Galleri NOR". Nb.no. Consultado o 2014-07-10. 
  5. "Norse Mythology - Jormungandr". de Oracle Thinkquest. Consultado o 21 de agosto de 2013. 
  6. Water Monsters. Gail B. Stewart (autor do libro) de Google Books. Consultado o 21 de agosto de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]