Vákner

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Estatua do Vákner en Dumbría

O Vákner é unha figura mitolóxica galega que designa o ser que o peregrino armenio Mártir (ou Mártiros), bispo de Arzendjan, atopou no seu camiño a Fisterra (1491), e que se converteu nun símbolo da peregrinación Xacobea a Fisterra, Galicia.[1] Trátase dun animal fantástico que adoita adoptar a forma dun enorme lobishome.

Lenda e características[editar | editar a fonte]

En outubro de 1485 un bispo armenio chamado Mártir peregrinou a Roma desde a cidade armenia de Erzincan, actualmente pertencente a Turquía, e logo continuou viaxe por Europa, chegando a Santiago de Compostela, e desde aquí a Fisterra. Pasou en Galicia 84 días do ano 1492, e durante os máis de seis anos da súa peregrinación, deixou memoria nun breve escrito que se traduciu ao español en 1898.

O bispo conta como nos Montes de Buxantes, concello de Dumbría, despois de recibir a bendición de Santiago, “púxenme en camiño e cheguei á extremidade do mundo, á praia da Santa Virxe, a un edificio que foi construído pola propia man do apóstolo san Paulo (sic) e que os francos chaman Santa María de Fisterra. Padecín moitos traballos e fatigas nesta viaxe, na cal topei con gran cantidade de bestas moi perigosas. Encontramos o vakner, animal grande e moi daniño.”

Segundo J. l. Pensado o Vákner tería que ser un animal fabuloso creado pola igrexa para desterrar un culto pagán. Aurora Lestón Mayo considérao un dragón como o 'fáfner' da Biblia. É evidente que se parece a seres salvaxes da mitoloxía popular como o busgoso asturiano, o basajaun vasco e o rabeno e o lobishome galegos.[1]

No Dicionario dos seres míticos galegos engádese “Os habitantes dalgún lugar próximo que el (bispo Mártir) chama País dos Holani, comedores de peixe e falantes dunha lingua que o bispo non entende, marabillábanse de que o armenio puidese zafarse do Vákner cando grupos de vinte persoas non puideran pasar”.[1]

Escultura[editar | editar a fonte]

O concello de Dumbría inaugurou o 5 de maio de 2022 unha escultura de 5 metros do monstro, creada polo artista Cándido Pazos.[2] Trátase dunha iniciativa que puxo en marcha o ente público, dentro do proxecto Territorio Vákner, para potenciar o interese do Camiño a Fisterra e Muxía.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 (Cuba, Miranda & Reigosa 2022, pp. 247)
  2. Lestón, Antón (3 de xuño de 2022). "Cándido Pazos: «O Vákner é un dos símbolos con máis percorrido de todo o Camiño»". La Voz de Galicia. Consultado o 3 de xuño de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]