Bandua

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ara de Eiras. Á dereita, foto manipulada para facilitar a lectura

Bandua foi un dos principais deuses dos galaicos e lusitanos, considerado o deus da guerra e vinculado á tradición céltica centroeuropea. Está encadrado polos investigadores como un deus indoeuropeo da primeira función (segundo estudos de Georges Dumézil). Estes deuses caracterízanse por usar a "maxia dos lazos", pola cal ataban aos seus inimigos ou vinculaban maxicamente aos seus seguidores.[1] A estrutura social de confrarías de guerreiros que vivían no monte adicados ao oficio da guerra e a caza xerou o culto, adoptando actitudes e maneiras que reproducen aspectos da divindade á que se vinculaban maxicamente.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

Bhend, a raíz deste nome, significa 'atar'. Bandua sería 'o que ata', o que une aos que van combater xuntos. A idea dos lazos aparece de forma reiterada na iconografía galaica e irlandesa. Cando Cuchúlainn, o heroe mitolóxico máis famoso do Ciclo do Ulster, é ferido de morte se ata a unha pedrafita para morrer de pé. De Bandua derivan as voces “banda”, grupo organizado de xente armada, “bandidos”, grupo organizado de xente armada con fines delictivos; “bandeira”, estandarte con enorme poder vinculante; e o vocábulo “venda”, que non por casualidade serve para atar as feridas.[2]

Descrición[editar | editar a fonte]

Segundo Marco Virgilio García Quintela, Catedrático de Historia Antiga da USC, «debemos interpretar a Bandua coma un deus da primeira función, pero ao modo do Odín xermánico. Isto é, a súa supremacía está fóra de toda dúbida nos epítetos que se lle atribúen, pero algúns tamén reflicten o seu carácter guerreiro. Nas sociedades indoeuropeas onde os guerreiros ostentaron certa hexemonía, como entre os xermanos, os deuses da Primeira Función 'invadiron' competencias dos deuses da guerra. Este pode moi ben ser o caso de Bandua. Ademais, Odín ten unha confraría de guerreiros especializados, os berserker. O grupo de indíxenas que fai a súa dedicatoria a Bandua desde as filas romanas pode ser un grupo equivalente entre os castrexos».[3]

Estas divindades escuras vinculábanse aos camiños, polo peregrinar dos guerreiros tralo seu deus. A divindade da primeira función no seu aspecto sombrío ten connotacións "escuras" tanto no aspecto físico, coma social ou relixioso: fealdade, vellez e deformidade física, que se unen ó grotesco das posturas máxicas (cando Lugh encanta os inimigos danzando arredor do seu exército cun só pé, pechando un ollo e abrindo moito o outro, típico xesto para efectuar, na cultura galega rural, o "mal de ollo").

Xeralmente aparece con diferentes epítetos, Bandua aposolego, Bandua cadogus, Bandua aetobrigus, Bandua roudeacus, Bandua isibraiegus que fan referencia ó seu carácter militar. Nas fontes romanas aparece asociado con Marte. Apareceron mencións en gravados en numerosos lugares do noroeste peninsular, con menor frecuencia no resto da península, en Francia etc.

Segundo outras interpretacións, Bandua era un termo do vocabulario relixioso da Lusitania[4] que significaría divindade, porén, Untermann di que Bandua sería unha divindade menor dentro dun panteón primitivo. Autores coma Cocco (1957) afirman que Bandua era unha divindade acuática de orixe céltica, porque unha das súas aras apareceu preto das termas e dun río, e mesmo chega a afirmar que se trata dunha palabra traída polos campaniformes. Con todo o estudo máis serio pertence a Blanca García Fernández-Albalat, que interpreta a Bandua como unha divindade masculina da guerra, protectora e que ten a facultade de atar ou ligar cos seus lazos máxicos que paralizan, e por iso relacionada coa cohesión, interpretada ademais como divindade de bandas ou fratrías de guerreiros (Almagro-Gorbea), da vinculación destas ó seu xefe ou "devotio" e propulsora de toda a comunidade[5]; mentres Tranoy apunta que Bandua puido xogar un papel federador entre os grupos étnicos dos Bracarr cun carácter centralizador.[6] Para Javier Gómez Vila, Doutor en Arqueoloxía e Historia Antiga pola USC, "Bandua máis ca un deus da guerra propiamente dito sería o garante dos pactos ou da paz xurdida a raíz da contenda, sendo posible que aquelas comunidades envoltas nun proceso pacificador deste tipo realizaran esta clase de dedicatorias".[7]

Unha ara dedicada a este deus atopouse en Eiras, nas proximidades do castro de San Cibrao de Las, no concello de San Amaro, ara especialmente importante xa que parece conter o nome do castro, sendo deste xeito un dos poucos castros dos que coñecemos o seu nome, Lambrica, Lanobrica ou Lansbrica, dependendo das diferentes lecturas que se realizaron da inscrición. A única imaxe de Bandua é a da pátera da colección Calzadilla, que talvez proceda de Cáceres, datable na época dos Antoninos (S I-II D. de C.) e que amosa unha deusa en pé vestida cun manto e unha coroa mural, na man dereita sostén unha pátera e na esquerda unha cornucopia, nun dos flancos da "deusa" (na relixión céltica había deuses masculinos con desdobramentos femininos) aparecen unha árbore perdendo follas e noutro dúas aras acesas e no segundo plano uns penedos e outra ara e no terceiro plano outra ara acesa. No borde do medallón atópase a inscrición :BAND(Hédera)ARAUGEL(punto), tratándose da deusa Fortuna asimilada a unha divindade prerromana.

Extensión do seu culto[editar | editar a fonte]

Atopáronse na península ibérica arredor de trinta altares que presentan un teónimo coa raíz Band. A maior concentración de aras romanas adicadas a esta divindade atópase en Castelo Branco (Portugal) e Brozas, Cáceres, que conta con catro inscricións relativas a Bandua, na provincia de Ourense cinco (Eiras-San Amaro, dúas en Rairiz de Veiga, Retorta-Laza e Mixós-Verín), unha en Catoira e Palas de Rei. En Portugal, nove inscricións repartidas por Castelo Branco (Penamaor, Fundão, Covilhã (outras dúas en Bragança, dúas en Arlindo de Sousa (Aveiro), tamén en Ribeira da Pena (Vilareal), Torrao (Mêda), outras dúas en Aveiro, en Portalegre, Coímbra, Évora e Alenquer (Lisboa).

Na actualidade, a Bandua réndeselle culto dentro do neodruidismo. A Irmandade Druídica Galaica, recoñecida como relixión oficial desde 2015, descríbeo como «o que ata, o que une, pois cos seus lazos máxicos o Deus Bandua sela as promesas e une aos clans e ás persoas. A través deses lazos formalízanse os pactos pero establécese tamén a intercomunicación, os vínculos, sendo todo isto fundamental para a prosperidade de calquera grupo. El fai a chamada ante unha causa común, convocando a todos e todas baixo a súa bandeira. Bandua é o patrón da elocuencia e domina a maxia, facendo cumprir o dito ben apelando aos principios fundamentais da ética céltica (Honra, Responsabilidade e Compromiso) coa súa convincente palabra, ou ben forzando coa súa atadura. Ou ambas cousas. Pero coidado, pois cando falemos de conflito toma o nome de Cosso, o Deus a quen teñen como patrón os guerreiros e guerreiras. Entón, El percorre sen parar os camiños, vixilante na noite, preparado para a caza de cabezas se fose preciso… En calquera caso, é o máis formidable e temido guerreiro e na batalla inmobilizará aos seus inimigos coa súa atadura invisible. Bandua-Cosso é unha Deidade dual, tanto que por veces pode presentarse como home e outras como muller. No pan-celtismo é considerado irmán de Larouco. Recibe o nome de Ogma en Irlanda e Ogmios na Galia».[8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Las rutas sagradas de Galicia, perduración de la religión celta de la Galicia Antigua en el folclore actual" Blanca García Fernández-Albalat, ed Deputación da A Coruña1999
  2. Pena, André. "Nosas Tradicións Celtas do Ciclo de Inverno". www.oarqueologodenaron.wordpress.com. Consultado o 3 de marzo de 2017. 
  3. García Quintela, Marco Virgilio (1999). Mitología y mitos de la Hispania Prerromana. Akal. ISBN 84-460-1015-1. 
  4. J. de Hoz
  5. García Fernández-Albalat, Blanca (1990). Guerra y religión en la Gallaecia y la Lusitania Antiguas. Ediciós do Castro. ISBN 9788474924756. 
  6. "Trocado de Bande" Ladislao Castro Pérez,Vía Láctea editorial 1996.
  7. Gómez Vila, Javier (2009). Epigrafía romana de la provincia de Lugo. Lulu.com. ISBN 978-1445226095. 
  8. "As Deidades Galaicas". Consultado o 5 de marzo de 2017. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]