Mapa sobre a lenda xacobea da translación en Historia del Apostol de Iesus Christo Sanctiago Zebedeo de Mauro Castellá Ferrer (1610).
Aparece no Códice Calixtino, no que se conta como en chegando os restos do apóstolo Santiago a Iria Flavia, son depositados na propiedade dunha señora chamada Lupa. Esta envíaos cabo do gobernador de Duio coa intención de que se desfaga deles, mais o gobernador non só non consegue tornalos de alí, senón que morre no intento.
Tempo despois volven os discípulos co corpo xunta de Lupa e esta, coa intención de enganalos por segunda vez, mándaos ó Monte Ilicino (o Pico Sacro) para que collan dous dos seus bois que lles carrexen o material necesario para o sepulcro. No Monte Ilicino hai unha cova que é a entrada do inferno e está custodiada por un dragón, mais a presenza da cruz fulmínao e os touros bravos que levaban os discípulos amansan milagrosamente[1].
Lupa, ó coñecer que o seu plan fracasara, convértese ó cristianismo e axuda na construción da morada do apóstolo no Libredón[2].
A súa figura esta suxeita a múltiplas interpretacións. Desde a que defende a creación do seu mito pola igrexa católica, até quen pensa que Lupa podería ser a representación dunha deusa precristiá, probablemente a versión feminina de Lug.[3] En calquera caso documéntase a súa presenza ao longo dos séculos, de tal xeito que no medievo boa parte da aristocracia galega afirmaba descender dela.[4]
↑Eladio Rodríguez atribúe a esta lenda a orixe do dito popular "Boi bravo, vente ó carro, que o manda o Señor Santiago" (Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961, s. v. boi).