Saltar ao contido

Home peixe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O home peixe é un ser da mitoloxía galega que cruza a diario as correntes do río Miño por onda Lugo, montado nunha arca e vestido cun gorro vermello na cabeza. Crese que ten relación cos xacios ou os xenios de auga e comparten con eles algunhas características.[1]

O párroco de Vilar de Ortelle (en Pantón, Lugo) escribiu en 1929 que os homes peixe eran xacios e xacias do Miño, e recolleu dos vellos de Sernande (outro lugar de Pantón) xuraban telos vistos no porto.

Noutras culturas

[editar | editar a fonte]

Os homes peixe teñen parentesco cos tritóns da mitoloxía clásica, os mer-men británicos (que son de mar), os merrows irlandeses (de dentes verdes e os brazos curtos como aletas), os neckers neerlandeses, os daione-mara escoceses, os havman escandinavos e os nökke nórdicos (de sombreiro verde).

Homes mariños

[editar | editar a fonte]
Furna de Osmo, en Corme

Existen tamén uns homes mariños que son similares ós anteriores pero que viven no mar. De cando en vez suben a terra e violan as mulleres, que dan a luz uns meniños coma humanos pero con escamas e unha evidente tendencia a ir ás augas. Contan os mariñeiros de Corme (en Ponteceso, A Coruña) que hai covas ou furnas, como as de Osmo ou a da Anca (esta en Sada), nas que se poden escoitar tristes lamentos. Din que ninguén se debe achegar a elas porque podería perder a alma.

Cuba engade que o mesmísimo Padre Feijoo (no século XVIII) admitía a existencia desta caste de homes, de río e mariños; e recolle que Jerónimo del Hoyo escribira no século XVII que nas praias da Coruña se viron estes seres, a modo de peixes con figura humana, espiñas negras e delgadas na cabeza, peito e costas e as mans e os pés un pouco tortos de tanto nadar. Tanto asemellaban ser un home que houbo quen, pensando que se trataba dun afogado ó velo flotando na auga, quixo subilo a bordo, pero o corpo mergullouse ó achegarse a el. Crían os mariñeiros que a súa presenza agoiraba abundancia de sardiña. E contaban que algún destes seres intentou subirse a algún barco, aínda que volveu a mergullarse ó ver os xestos de medo que mostraban os tripulantes. Pérez Constanti non creu nesta identificación e aseguraba que se trataba de focas comúns ou algún tipo de peixe.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]