Monte Xalo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°13′56.13″N 8°24′31.05″O / 43.2322583, -8.4086250

Égoas no monte Xalo.

O monte Xalo é un dos cumios máis altos da zona litoral coruñesa, cunha altitude de 514 metros sobre o nivel do mar, que está no leste e aliñado coa meseta de Santa Comba.[1]

Localización[editar | editar a fonte]

Neve en Monte Xalo.

Está situado entre os concellos de Culleredo, Carral, Cerceda e A Laracha. Dende "O Petón", que son unhas rochas en forma de balcón nunha das zonas máis altas da montaña, pódese observar unha panorámica da comarca, e albiscar Arteixo, A Coruña, Culleredo ou Cambre, amais doutros lugares recoñecibles, como a central eléctrica de Sabón, a construción do novo porto exterior da Coruña, a Torre de Hércules ou mesmo o Aeroporto de Alvedro, alén de todo o val de Veiga, que está ó pé do monte. O cumio do monte emprégase como emprazamento de antenas de radio, televisión, telefonía móbil e telecomunicacións en xeral.

Deporte[editar | editar a fonte]

No monte hai varias rotas de sendeirismo sinalizadas. As pistas forestais son empregadas para deportes como ciclismo de montaña e carreiras. No alto do Petón as rochas teñen equipamento para facer prácticas de escalada.

Arqueoloxía[editar | editar a fonte]

Medoña do Chan de Castelo no Monte Xalo, Culleredo.

En 1950 o arqueólogo Luís Monteagudo atopou varias mámoas de gran tamaño, que foron destruídas ó longo dos anos posteriores, e en 1973 outras máis pequenas que aínda se conservan.[2]

Aproveitamento do monte[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Parques eólicos en Galicia.

Ademais do aproveitamento forestal que se está a a facer do monte, polas súas inmediacións pasa un oleoduto cara Cerceda e liñas eléctricas de alta tensión da subestación eléctrica das Travesas. Tamén está en estudo o proxecto para construír un parque eólico no monte Xalo.

Parque eólico en proxecto, estudo ou construción
Nome do Parque Eólico Concello Muíños Data Empresa Potencia
kW
Parque eólico Monte Xalo[3] Culleredo e Cerceda 10 - Aldesa Energías Renovables de Galicia, S.L. 45.000

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Valcarlos, Pagés; L, J.; Romaní, Vidal; Ramón, Juan (1997). "La extremidad occidental de la superficie fundamental de Galicia: La Meseta de Santa Comba". ISSN 0213-4497. Consultado o 2017-08-13. 
  2. Concello de Culleredo (eds.). "Monte Xalo". 
  3. La Voz de Galicia, eds. (11 de outubro de 2012). "El parque eólico del Xalo será el de mayor potencia de Galicia". 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]