Pepa a Loba

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Interpretación de Pepa a Loba.

Pepa a Loba é unha figura mítica de Galicia,[1] unha lendaria bandoleira galega de finais do século XIX.[1][2] Segundo a lenda, acadou a súa fama asaltando camiños e roubando a caciques e cregos.

Dúbidas sobre a súa existencia[editar | editar a fonte]

Moitos contos, espallados por toda Galicia, falan da existencia dunha bandida chamada "Pepa a Loba", quen dirixiría a súa propia gavela de ladróns. Todos eles fan referencia ao século XIX.

Ademais dos contos, existe unha referencia escrita que parece probar a existencia real de Pepa a Loba. Trátase dunha mención que a escritora e penalista Concepción Arenal fai dela logo dunha visita ao cárcere da Coruña.

O escritor Carlos Reigosa, autor dunha novela sobre a vida de Pepa a Loba, describe que, segundo as súas fontes, a bandida nacería no norte da provincia de Pontevedra contra a década de 1830. Actuaría nas terras do centro do país, desde Monterroso ata a costa occidental, e nos anos sesenta mudaría o seu ámbito de operación cara ao norte de Lugo. Segundo Reigosa, ademais, habería testemuñas populares que apuntarían á existencia dunha casa da súa propiedade na Terra Chá e que antes de estar presa na Coruña pasaría polo cárcere de Mondoñedo.

A teoría da autoría múltiple[editar | editar a fonte]

Por outra banda, tense contemplado a posibilidade de que houbese máis dunha "Pepa a Loba". Desta maneira, unha primeira bandida levaría este alcume, e outras mulleres que se dedicaron ao bandoleirismo adoptaríano, ou ben serían coñecidas pola mesma denominación. Iso podería explicar a cantidade de referencias que se dan por toda Galicia.

Mito galego[editar | editar a fonte]

Pepa a Loba é a muller arquetipo do bandoleirismo xeneroso moi espallado en Europa como Robin Hood en Inglaterra. Pode ter relación coa raíña Lupa e ten semellanzas coa Peeira dos Lobos.

Lenda de bandoleira[editar | editar a fonte]

Escritores galegos do século XIX como Emilia Pardo Bazán e Ramón María del Valle-Inclán, entre outros, déronlle vida a un bandoleirismo en Galicia imitado do bandoleirismo andaluz, pero sen realidade sociolóxica galega. É probable que a lectura popular desa literatura crease as lendas que dende finais do século XIX percorren toda Galicia coas aventuras extraordinarias da ladroa Pepa a Loba[2]. En 1918 Antonio Rey Soto publicou La Loba, unha versión novelesca da xuventude de Pepa a Loba.

No ano 1968 Aurelio Miras Azor publicou en español a novela Juventud de Pepa Loba; o como la sociedad creó una delincuente. Grazas a súa experiencia no exercicio da avogacía por terras galegas (A Estrada, Rodeiro, Lalín, A Bandeira) recolleu moita información para escribir o seu libro.[3]

A súa repercusión prolongouse até a música, da man do grupo Heredeiros da Crus, que titularon o seu primeiro álbum en 1994, A cuadrilla de Pepa a Loba. Inspirado en Pepa a Loba naceu no ano 2017 o grupo A banda da loba, integrado por cinco mulleres que reivindican o papel da muller loitadora como foi a mítica bandoleira a quen dedican a canción Pepa, na que contan a súa historia.[4]

Referencias literarias[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Xoán R. Cuba, Antonio Reigosa e Xosé Miranda (2022). Dicionario dos seres míticos galegos. Edicións Xerais de Galicia. ISBN 978-84-1110-072-4. ~ páxina 204-206
  2. 2,0 2,1 Beatriz López Morán (1984). El bandolerismo gallego. Edicións Xerais de Galicia. ISBN 84-7507-135-X. ~ capitulo 1 El bandolerismo gallego en la historiografía
  3. "La obra que inició la reivindicación de Pepa Loba cumple medio siglo". La Voz de Galicia (en castelán). 2018-09-23. Consultado o 2018-10-21. 
  4. "A Banda da Loba: “As mulleres temos que conquistar novos territorios musicais” - Pincha". Pincha (en castelán). 2017-11-06. Consultado o 2018-10-21. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]