Diaño (mitoloxía)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Rótulo sobre o "Diañu" en castelán e en asturiano, en Ribadesella.

O diaño (en asturiano: diañu), ás veces chamado diantre, é un espírito ou trasgo burlón da mitoloxía galega e asturiana, parecido pero non igual que o martinico castelán.

Características[editar | editar a fonte]

Adopta a figura de cabalo, de vaca, de carneiro ou de calquera outro animal, mesmo de bebé humano, e desprega a súa actividade durante a noite, asustando o camiñante desnortado ou sorprendido pola noite que anda a deshora, e desorienta o campesiño que busca o gando perdido, molesta o muiñeiro que traballa á luz da lúa ou búrlase dos mozos que regresan tarde da festa. Entre as súas travesuras máis comúns cabe citar a do burro branco que se ofrece como montura ao camiñante e que unha vez montado crece e crece sen cesar, o cabalo que despois dunha galopada infernal devolve o xinete ao mesmo lugar de onde partiu, bótao de cabeza ao río ou lle queima os pantalóns; o cabritiño aterecido de frío que unha vez levado a casa e secado á beira do lume se burla do seu benfeitor; o can negro que persegue ao camiñante; o sapo que corre máis que o cabalo e o seu xinete; o bebé que xoga espido sobre a neve... e unha infinidade de ruídos, luces misteriosas e outros fenómenos inquietantes que atemorizan o camiñante nocturno.