Inconformismo galés

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Capela inconformista en Y Gyffin, preto de Conwy, no norte de Gales

O inconformismo[1] galés (en lingua galesa Ymneilltuaeth yng Nghymru) foi unha tendencia relixiosa de grande influencia na vida do país de Gales desde o século XVI. Ten as súas raíces na Reforma Protestante, cando varios países do norte de Europa se desligaron da autoridade da Igrexa Católica.

O primeiro galés inconformista foi John Penry, martirizado en 1593. A primeira igrexa inconformista do país foi establecida en Llanfaches (Monmouthshire / Sir Fynwy) fundada en 1639.

En política, os primeiros inconformistas tendían a evitar a interferencia directa cos asuntos mundanos (excepto nos relacionados coa igrexa). Durante un tempo pódese dicir que a disidencia galesa foi conservadora, pero no século XIX os inconformistas comezaron a xogar un papel cada vez máis importante na política do país e na segunda metade dese século a causa inconformista tendeu a asociarse co radicalismo e o chamamento ao autogoberno (ou autonomía) para Gales. Unha das consecuencias disto foi a formación de organizacións radicais como Cymru Fydd e o apoio crecente ao liberalismo ou socialismo liberal.

O dominio do inconformismo tivo un impacto de grande alcance en Gales. A contribución dos escritores inconformistas á literatura galesa, por exemplo, foi moi considerábel, influíndo nalgúns dos escritores máis importantes en galés, como Morgan Llwyd, Ann Griffiths, William Williams Pantycelyn, Daniel Owen e Owen Morgan Edwards. Porén, algúns autores do século XX, como Saunders Lewis e John Rowlands, foron moi críticos co impacto do inconformismo na cultura galesa, argumentando que o conservadorismo artístico da denominación tivo un efecto opresivo sobre a cultura galesa (no ámbito da novela, por exemplo).[2][3]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "bUSCatermos". aplicacions.usc.es. Consultado o 2022-06-08. [Ligazón morta]
  2. OpenLibrary.org. "Daniel Owen. (1936 edition)". Open Library (en inglés). Consultado o 2022-06-08. 
  3. Rowlands, John (1992). Ysgrifau ar y nofel. Caerdydd : Gwasg Prifysgol Cymru. ISBN 978-0-7083-1149-3. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • T. Rees, History of Protestant Nonconformity in Wales (1861)
  • James Evans (gol.), Dylanwad Ymneilltuaeth ar Fywyd y Genedl (1913)
  • Saunders Lewis, Daniel Owen (1936)
  • R.I. Parry, Ymneilltuaeth (1962)
  • R.M. Jones, Llên Cymru a Chrefydd (1977)
  • John Rowlands, Ysgrifau ar y Nofel (1992)