Instituto Galego de Formación en Acuicultura
Instituto Galego de Formación en Acuicultura | |
---|---|
O IGaFA na parte norte da illa de Arousa | |
Tipo | órgão público |
Propósito | Ensino |
Campo de traballo | Acuicultura, mergullo, investigación |
Área de operación | Formación, investigación |
Data de fundación | 1988 |
Fundador(es) | Xunta de Galicia |
Organización matriz | Consellería do Mar |
Sede | A Illa de Arousa |
Enderezo | 36626 |
País | Galicia |
Na rede | |
https://igafa.xunta.gal/gl | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Instituto Galego de Formación en Acuicultura (IGaFA ou IGAFA) é un organismo educativo dependente da Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento, da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos (Xunta de Galicia), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, onde se imparten os cursos para a obtención dos certificados de mariscador, acuicultor e especialista en cultivos mariños.
O centro está situado no concello da Illa de Arousa.
Historia
[editar | editar a fonte]As primeiras tentativas de fundar un centro de "Piscicultura" na Ría de Arousa débense a Antón Vila Nadal, a finais do século XIX, cando propuña a creación dunha única Estación biolóxica galega, situada en Carril. No folleto Objeto y descripción del Acuario Ambulante de la Estación Zoológica de Barcelona y Escuela de Piscicultura de Arosa (1892) [1] explicou os detalles e expuxo amplamente as súas ideas sobre a Estación. No ano 1900 foi posta en Carril a primeira pedra da Estación. Ao abeiro da reforma do Museo de Ciencias Naturais pretendía crearse o establecemento, dependente da universidade compostelá e ao cargo do catedrático de Historia Natural. Porén, non sería até 1952, que se creou o Instituto de Investigacións Mariñas en Vigo.[2]
Moi posteriormente creáronse entes públicos como o Centro de Control do Medio Mariño (CCMM), o CIMA ou o INTECMAR.
Na segunda metade da década dos 80, durante a presidencia da Xunta de González Laxe, o IGAFA foi licitado, a arquitecta principal foi Pascuala Campos de Michelena, e colaboraron outros como Rodríguez Abilleira e Teresa Táboas. Formalmente buscaron a continuidade coa gran cantidade de factorías conserveiras da illa,[3] e o Museo do Mar de Galicia, proxectado en Vigo por César Portela garda similitudes co edificio do IGAFA. Foi inaugurado no ano 1992, baixo a presidencia de Fraga Iribarne.
Desde 2005 o IGaFA é o "Centro nacional de formación profesional ocupacional na área formativa de Acuicultura" e dispón da certificación ISO 9001:2000 do Sistema de Xestión de Calidade.
Oferta formativa
[editar | editar a fonte]Inicialmente celebráronse no centro cursos de formación ocupacional en acuicultura até o ano 1994.
No centro é posíbel estudar cursos de mergullo e acuicultura.
Está integrado na organización Erasmus + .[4]
A oferta de cursos non regrados inclúe os de marisqueo e mergullo profesional, desde 1999, sendo o único centro de Galicia que imparte esa formación.
A oferta de cursos de formación regrada desde 1994 son os Ciclos Formativos de Formación Profesional Específica :
- Técnico en Operacións de Cultivo Acuícola (Grao Medio)
- Técnico Superior en Produción Acuícola" (Grao Superior)
- No ano 2000 comezou a impartirse o ciclo de grao medio de acuicultura en réxime de adultos (ou Modular) e o Programa de Garantía Social "Operario Acuicultor".
- No ano 2001 implantouse o ciclo medio "Técnico en Mergullo a Media Profundidade".
- No curso 2003-2004, impartiuse o "Master en Innovación, Tecnoloxía da Produción e Xestión Acuícola" (MITGA).
- Técnico en operacións subacuáticas e hiperbáricas.
Instalacións
[editar | editar a fonte]O centro conta con instalacións comúns para o ensino de acuicultura e mergullo, con 11 aulas para impartir clases teóricas, biblioteca, salón de actos, laboratorios de ciencias e de bioloxía, aula de audiovisuais e aula de informática.
Para o ensino específico de acuicultura conta con instalacións de cultivo de 1.175 m2 coas seccións necesarias para o acondicionamento dos reprodutores, incubación, cultivo larvario, alimentación larvaria (fitoplancto e zooplancto) e preengorde das especies cultivadas, nas áreas de cultivos auxiliares, cultivo de peixes, cultivo de moluscos e cultivo de crustáceos.
Ademais, ten catro laboratorios dotados con material óptico para as prácticas dos ciclos de acuicultura, así como un obradoiro de instalacións de cultivos mariños.
Ademais conta cunha batea para o cultivo de moluscos, dúas gaiolas para o engorde de peixes e crustáceos e un parque intermareal cedido pola Confraría de Pescadores de A Illa de Arousa.
No recinto exterior localízanse dous minicriadoiros de moluscos, un invernadoiro para piscicultura continental e instalacións do "Plan de Repoboación de Especies Mariñas do Litoral Galego".
Para as ensinanzas de mergullo profesional conta con salas equipadas, piscina interior, foxo-piscina exterior, cámara hiperbárica, estación de carga de gases, unha sala de acuarioloxía, un obradoiro de soldadura, outro de mecánica e varias embarcacións.[5]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Vila Nadal, Antonio (1892). Objeto y descripción del Acuario Ambulante de la Estación Zoológica de Barcelona y Escuela de Piscicultura de Arosa. Santiago: [s. n.]
- ↑ "Historia". Instituto de Investigacións Mariñas (en castelán). Arquivado dende o orixinal o 03 de febreiro de 2022. Consultado o 2022-01-24.
- ↑ "IGAFA" (PDF). Cultura Galega.gal. Álbum na revista Obradoiro. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 09-02-2022. Consultado o 9-2-2022.
- ↑ DosEspacios.com. "Oferta formativa IGaFA". www.igafa.es. Consultado o 2022-02-09.
- ↑ "Páxina oficial do IGaFA".
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Instituto Galego de Formación en Acuicultura |