Illa de Tambo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°24′41″N 8°42′32″O / 42.41139, -8.70889

Illa de Tambo (Balea Varada) vista dende Marín, co faro da punta de Tenlo en primeiro termo.

A illa de Tambo atópase no fondo da ría de Pontevedra, e pertence ao concello de Poio do que esta separado por unha canle de 1,1 km pero de pouca profundidade. A súa superficie é de 1,5 km², cunha altura máxima de 80 m, aínda que toda a súa parte central sobrepasa os 50 metros de altitude. O seu perímetro acada os 4 km.

Historia[editar | editar a fonte]

No século VI construíuse unha capela, fundada por Martiño de Dumio. Froitoso de Braga converteuna en mosteiro, vinculado ao convento de San Xoán de Poio. Despois transformouse en priorado, baixo a advocación de Santa María de Graza.

No século XII a illa de Tambo pertencía á raíña Dona Urraca e foi doada ao convento de San Xoán de Poio. Os veciños de Combarro usaron a illa durante séculos, onde traballaban as súas terras e celebraban romarías. En 1589 a capela foi vítima do saqueo do corsario Francis Drake, o cal botou a figura de Santa María de Graza ao mar.

En 1846, coa desamortización de Mendizábal, deixa de pertencer aos monxes de Poio e anos despois é mercada polo ministro de Xustiza, Montero Ríos. Nese mesmo século contrúese un lazareto na illa, que entre os anos 1865 e 1879 foi usado para poñer en corentena aos mariñeiros que chegaban ao porto de Marín con enfermidades. Debido ás protestas dos cidadáns de Pontevedra, o lazareto foi trasladado á illa de San Simón, na ría de Vigo, e en 1889 a illa converteríase en penitenciaría militar.

Coa creación da Escola Naval Militar de Marín, en 1943 a illa militarízase e pasa a ser utilizada como arsenal. Foi nese ano cando os herdeiros de Montero Ríos vendéronlle a illa á Armada. Ata o ano 2005, os herdeiros seguiron figurando coma propietarios dunha quinta parte da illa.

A Armada deixou de cualificar a illa como enclave estratéxico no ano 2002, o que disparou as expectativas de que a illa puidese ser cedida á Xunta e incorporada ao Parque nacional das Illas Atlánticas, para o que antes debería ser declarada parque natural.[1]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Faro da Illa de Tambo. 
Escultura no paseo do porto coa illa de Tambo ao fondo (Marín). 
Illa de Tambo 
Illa de Tambo 

Notas[editar | editar a fonte]

  1. La Voz de Galicia, ed. (01-09-2007). "Tambo opta a parque natural al no poder integrarse en Illas Atlánticas". Consultado o 01-09-2007. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]