Sisnando II de Iria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Sisnando Menéndez")
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Sisnando II de Iria
Falecemento29 de marzo de 968
Ocupaciónmilitar
PaiHermenexildo Aloitez
NaiPaterna Gundesindez
editar datos en Wikidata ]

Sisnando Méndez (m. 29 de marzo de 968), máis coñecido como Sisnando II de Iria, nobre e bispo galego da Idade Media, fillo dos condes de Présaras Hermenexildo Aloitez e Paterna Gundesindez (fundadores do mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes). Fíxose cargo dos enclaves militares para a defensa da costa galega contra os ataques de piratas viquingos e sarracenos. Sobre o ano 960 levantou un castelo sobre o castro de Cedofeita, restaurou as torres da Lanzada (O Grove) e San Sadurniño en Cambados, que, xunto con outros puntos coma o miradoiro de Lobeira, o Facho de Donón (Cangas) e o campanario de San Cibrán de Cálago (Vilanova de Arousa) compoñían un sistema de vixilancia e defensa costeira contra ataques tanto por mar coma polo interior.

O bispo Sisnando conseguiu do rei Sancho I de León o Craso permiso para amurallar a cidade de Compostela, á que dotou de novas torres grandes e fosos reforzando a catedral, pero finalmente Sisnando se rebelou contra o rei e se encarcerou. No seu lugar foi nomeado san Rosendo como bispo de Iria Flavia, pero á morte de Sancho I fuxiu do cárcere e expulsou a san Rosendo pola forza de Compostela, que lle profetizou «Aquel que a espada fere, a espada morrerá» cando o deposto Rosendo foi violentado no seu apousento a noite de Nadal do ano 966.

No ano 968 entran en Galiza os viquingos de Gunrod e aproveitando a desorde avanzan por estes territorios sen apenas resistencia; Ramiro III sucedera a Sancho I no trono de León con tan só cinco anos e parte da nobreza galega, inimiga de Ramiro III, non apoiou as mulleres rexentes (a súa nai Tareixa e a súa tía Elvira) que non puideron organizar un exército para facer fronte aos escandinavos. Os campesiños fuxiron dos campos e os viquingos cometeron todo tipo de desmandos, o exército de Gunrod arrasou as igrexas de Boente, Santa Olalla de Curtis e os seus monxes foron feitos prisioneiros.

En marzo de 968 Gunrod chega ás portas de Compostela, onde acampa á espera de poder entrar con promesas que logo non cumprían ou para buscar o mellor modo de entrar a saquear, pero Sisnando II encargárase da súa fortificación e organizou un exército que o 29 de marzo do ano 968 se enfrontou aos viquingos na batalla de Fornelos, parroquia de Rarís. En terras de Teo, o bispo Sisnando púxose á fronte das súas tropas de cabalaría en Fornelos, pero a súa temeridade levouno ao medio do campo de batalla sen maior defensa que o seu valor e morreu dun frechazo inimigo, quedando derrotadas as súas tropas e os viquingos entraron en Compostela.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Eduardo Morales Romero (1997). Os vikingos en Galicia. A Coruña. ISBN 9788481216615.