Illa Coelleira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A illa desde a parroquia de Bares no concello de Mañón.
Illa Coelleira (2).JPG

A Illa da Coelleira ou Colleira pertence ó concello do Vicedo, na provincia de Lugo. Está situada na boca oriental da ría do Barqueiro, que separa a costa das provincias da Coruña e Lugo.

Na Illa da Coelleira estivo antigamente un mosteiro, do cal non fican xa restos.

Descrición física[editar | editar a fonte]

A illa está situada a 600 m do punto máis próximo da costa, a punta Canteiro. O pequeno estreito que a separa de terra firme, denomínase O Carreiro. O seu perímetro é de 1.852 metros, cunha superficie de 0,27 km², estando o punto máis alto a 82 m sobre o nivel do mar. Está rodeada de varios illotes ou cons, algún deles unido á illa, como o do Cabaliño, sito no NE; outros son Percebellosa e Carabelas.

Historia[editar | editar a fonte]

A mención máis antiga da illa é do ano 1095, data na que Vimara Menendiz, fai unha doazón ao mosteiro de San Miguel "in locum Quonicularia, intus mare, in face Saure" (no lugar da Coelleira, dentro do mar, na foz do río Sor), pero que fai supor que estaba ocupado por monxes desde un tempo anterior. Tense suposto que este primeiro cenobio estaría rexido pola orde de San Bieito.

O certo é que falta documentación entre os séculos XI e inicios do XV. Cando reaparecen as noticias en 1420, a comunidade pertencía ao Coengos Regulares de Santo Agostiño.

A renuncia do prior Lopo Dourado aos seus dereitos como tal, en 1485, en favor de Ares Pérez de Viladonga, ao tempo prior de San Martiño de Mondoñedo, nos anos finais do XV, leva á unión do mosteiro da Coelleira con ese centro, tamén submetido á regra de Santo Agostiño. Posteriores dificultades, especialmente económicas, deses cenobios, e outros de agostiños na diocese mindoniense, fixeron que por bula papal de 11 de novembro de 1534, o mosteiro da Colleira e a illa, pasase a ser anexado pola Catedral de Mondoñedo. Mais todas as referencias incidían que xa non había monxes alí, dando fe outro documento de 1595 que o edificio monacal estaba derruído.

No século XVII, unha denuncia do deán de Mondoñedo, en 1628, poñen de manifesto que a illa era ocupada, en ocasións, por mariñeiros vascos - denominados vizcaínos nas fontes -, para usala como atalaia na pesca de baleas. No ano seguinte a illa foi aforada a unha familia. No século XIX, a illa foi desamortizada, deixando de pertencer ao cabido de Mondoñedo, e pasando á propiedade da Mariña española, que instalou un faro para axuda da navegación.

Toponimia[editar | editar a fonte]

Aínda que hai diversas teorías sobre o nome, a máis aceptada, é que alude á abundancia de coellos. Existen outras illas co alcume de Coelleira noutros lugares, se ben non en Galiza. Un exemplo é nas illas Baleares, onde se sitúa a illa Conillera.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Lence Santar, Enrique, La isla Colleira, Boletín Comisión Provincial de Monumentos históricos y artísticos de Lugo, t. I, nº 7, 1941.
  • Fariñas, J., La isla Coelleira, in La Voz de Galicia, 1-VII-1982.
  • Cal Pardo, Enrique, El monasterio de San Miguel de la isla de la Colleira. Historia y Leyenda. Colección documental. Madrid. 1983 - ISBN 8430095853