Salceda de Caselas
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia de Pontevedra | ||||
Capital | A Esfarrapada | ||||
Poboación | |||||
Poboación | 9.421 (2023) (261,69 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 36 km² | ||||
Altitude | 55 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Organización política | |||||
• Alcalde | Marcos Besada | ||||
Eleccións municipais en Salceda de Caselas | |||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 36470 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 36049 | ||||
Páxina web | salcedadecaselas.es |
Salceda de Caselas é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca de Vigo.[1][2] A súa poboación en 2015 era de 8873 persoas, segundo o Padrón municipal de habitantes. 2007, 7686 persoas. O xentilicio é «salcedán» ou «caseleiro».[3]
Localización
[editar | editar a fonte]O territorio organízase en torno ao río Caselas, afluente do Miño, e está flanqueado polas depresións dos ríos Louro e Tea. A parte setentrional, na que remata a Dorsal Galega, é a de maiores alturas, cos montes de San Cibrán (430 m), Chan de Mielo (402 m), O Curuncho (400 m), monte Faro (396 m). No sur atópanse socalcos aluviais, de entre as que destacan as Gándaras de Budiño. Predominan as rochas metamórficas, que deron orixe a unha das principais actividades económicas, a explotación do granito.
Goza dun clima lene con temperaturas medias de 14 °C (8° de media no inverno e 20 °C no verán). As xeadas son infrecuentes e chove bastante no inverno, se ben os veráns son secos.
A excepción dalgúns soutos e carballeiras pequenas, a vexetación primitiva desapareceu e predominan os piñeiros e eucaliptos. O 30% das terras dedícanse á agricultura, que produce millo, patacas, hortalizas e uvas; nas zonas de ribeira hai prados.
Demografía
[editar | editar a fonte]Censo total | 9.249 (2021) |
---|---|
Menores de 16 anos | 1.683 (18,20 %) |
Entre 16 e 64 anos | 6.123 (66,20 %) |
Maiores de 64 anos | 1.443 (15,60 %) |
Evolución da poboación de Salceda de Caselas Fontes: INE e IGE. | ||||||||||||||||||
1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 | 2012 | 2013 | 2014 | 2015 | 2016 | 2017 | 2018 | 2019 | 2020 | 2021 | 2022 | 2023 |
4.408 | 4.011 | 4.791 | 5.618 | 6.835 | 8.289 | 8.665 | 8.835 | 8.887 | 8.890 | 8.873 | 8.914 | 9.017 | 9.146 | 9.164 | 9.173 | 9.249 | ||
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
Historia
[editar | editar a fonte]O nome de Salceda débese ao desaparecido mosteiro beneditino de Santa María de Saliceta, arredor do cal se creou a capital municipal actual. Este mosteiro fundouno no ano 914 a raíña Aragonta González, esposa do rei de Galiza Ordoño II e parenta de San Rosendo. Era dúplice, de monxes e monxas, e a el se retirou a vivir a súa creadora ao ser repudiada polo seu marido. Os terreos que circundan a igrexa do convento, reconstruída en 1769, denomínanse, precisamente, "do mosteiro" e a súa porta norte "da Raíña".
O Castelo de Toroña, en Entenza, xogou un papel importante nas guerras contra Portugal, aínda que del hoxe só fiquen algúns restos, pois foi derrubado no século XV por Isabel a Católica.
En Salceda de Caselas naceu Santo Toribio de Toroña, que chegou a ser bispo de Astorga.
Durante a Guerra de Independencia española, as tropas españolas ao mando do Abade de Couto, Mauricio Troncoso de Lira, asentáronse na ermida da Ascensión antes de partir do monte das Penizas, en Soutelo, baixo o mando de Felipe Concha para reconquistar Tui.
Até 1916 recibía simplemente o nome de Salceda, pero nese ano pasou a ser chamado Salceda de Caselas para distinguilo doutros concellos de España (La Salceda, en Segovia, que desapareceu despois de 1960 ao integrarse en Torre Val de San Pedro).[4].
Patrimonio natural
[editar | editar a fonte]No ano 2008 tiña sete montes veciñais en mancomún[5], que ocupaban unha superficie de 931,57 ha[6].
Economía
[editar | editar a fonte]O concello de Salceda de Caselas é dos que non minguaron de poboación nas últimas décadas. A agricultura, a gandería e a explotación forestal, afectadas polo minifundismo, foron sendo desprazadas pola industria, centrada no polígono industrial de O Cerquido, que continúa o eixo Vigo-Porriño. Moitos veciños van traballar a Vigo ou ás empresas situadas en Porriño diariamente. As industrias máis importantes están relacionadas coa transformación do granito, os accesorios para a industria da automoción, os plásticos, as construcións metálicas e a cerámica.
Cultura
[editar | editar a fonte]No concello érguense numerosos pazos e casas señoriais. Destaca a casa grande da Picoña, que data de 1543; foi propiedade dos señores de Troncoso de Lira e Soutomaior. Outros son o pazo de Pegullal, o pazo de Aballe, o pazo da Corisca, a casa da Marquesa de Atalaia e o pazo de Budiño.
Pódense ver tres cruceiros notábeis: o cruceiro da Esfarrapada, o do Cristo e outro en Entenza.
As Penas de San Cibrán e as Gándaras de Budiño son dous espazos naturais destacados.
A festa de seu que acada maior sona é a Festa dos callos.
O Concello conta cunha gran tradición musical, que na actualidade se reflicte na Banda de Música Cultural de Salceda de Caselas e na Escola de Música de Salceda de Caselas.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Vexa o artigo principal en: Galería de imaxes de Salceda de Caselas
-
Igrexa de Parderrubias.
-
Galescola de Salceda de Caselas.
-
Placa altimétrica do concello.
Parroquias
[editar | editar a fonte]
Lugares de Salceda de Caselas
[editar | editar a fonte]Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Salceda de Caselas vexa: Lugares de Salceda de Caselas.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ Atlas comarcal Arquivado 26 de xullo de 2014 en Wayback Machine. Instituto Galego de Estatística.
- ↑ Artigo "COMARCA" da Gran Enciclopedia Galega Silverio Cañada.
- ↑ Costas González, Xosé-Henrique (2016). Os xentilicios de Galicia e dos outros territorios de lingua galega (PDF). Vigo: Universidade de Vigo. p. 56. ISBN 978-84-8158-706-7.
- ↑ Méndez Fernández, Luz (2016). Real Academia Galega, ed. "Galicia no Decreto de 1916". Boletín da Real Academia Galega (377): 365–383. ISSN 1576-8767.
- ↑ "Montes veciñais en mancomún.". Arquivado dende o orixinal o 15 de setembro de 2019. Consultado o 21 de outubro de 2010.
- ↑ Montes veciñais en man común 2008[Ligazón morta]. Consellaría do Medio Rural.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Salceda de Caselas |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Mosquera, Javier; Franco, Fernando (2002). Guía cidadá de Vigo y su área metropolitana (en castelán). Fundación Caixa Galicia, Faro de Vigo.