CB Dorna

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
CB Dorna
Información xeral
Fundación 1985
Cores                Verde, branco, negro
Localización
Cidade Galiza Illa de Arousa, Galiza
Pavillón Pavillón do Pombal, Illa de Arousa
Capacidade 300
Campionatos
Varios

O Club de Baloncesto Dorna ou CB Dorna é un club deportivo de baloncesto base e sénior, fundado na década de 1980. É unha sección da Asociación Cultural e Deportiva Dorna, e un dos referentes deportivos na Illa de Arousa.

Historia[editar | editar a fonte]

Anos 80[editar | editar a fonte]

A historia do club comezou en 1985, no mesmo ano en que se inaugurou a ponte da illa de Arousa. A mediados desa década dos 80, os partidos xogábanse ao aire libre, incluso nos meses de inverno, nunha pista situada na praza do Regueiro arousá.[1]

Anos 1990[editar | editar a fonte]

Na década de 1990, o club trasladouse ao Pavillón de O Pombal, permitindo un contorno máis estábel para adestrar e competir. O equipo cadete logrou por primeira vez a clasificación para a Liga Galega en 1992. Durante este período, o equipo sénior gañou renome e foi alcumado "a Cibona da Arousa",[2] con figuras destacadas como Manel Vázquez e o adestrador Ramón Suárez, médico e antigo xogador do CB Zaragoza.

Década de 2000[editar | editar a fonte]

Despois dunha caída no número de xogadores en todas as categorías desde o ano 1998, o número de federados volveu medrar a partir do 2004. Durante a década de 2000, o club continuou consolidando a súa participación no baloncesto galego con máis de cen xogadores e xogadoras nas distintas categorías.[1]

Década de 2010[editar | editar a fonte]

No ano 2018, o CB Dorna celebrou o debut e o éxito do equipo sénior feminino, que gañou o campionato da liga na súa primeira tempada, ascendendo á Primeira División Autonómica. Este equipo estaba adestrado por Nacho Rebollo, sobriño de Alberto Blanco (adestrador da selección de baloncesto de Mozambique na década de 2000, e tamén xogador do CB Dorna nos anos 90).[3]

Entre os xogadores da historia do club destacan entre outros Eloy Poza, que gañou co CB Dorna a Copa Deputación[4] e participou tanto nas categorías base da Selección Galega como na Selección Española de xogadores con discapacidade auditiva. Eloy é fillo de Víctor Poza, un dos referentes do Dorna nos anos 90 e anos 2000, década na que tamén foi directivo do club.[5]

Década de 2020[editar | editar a fonte]

Desde mediados da década de 2010, o Dorna comparte o pavillón e a categoría co C.B. Illa de Arousa, outro equipo arousán que foi formado por algúns xogadores locais, pero con maioría de xogadores de fóra da illa.[6] Durante a tempada 2020-2021, o club decidiu non participar nas competicións oficiais debido á pandemia de Covid. Na tempada 2021-2022, comezaron xogando con máscaras.[7]

O club organiza tamén distintos campus, encontros e convivencias con outros equipos, e unha 'training week' no verán.[8][9]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Club de Baloncesto DORNA". www.revistaesmas.com. Consultado o 2024-04-13. 
  2. "«O recoñecemento da Fundación da Illa é un orgullo»". La Voz de Galicia (en castelán). 2014-08-28. Consultado o 2024-04-13. 
  3. "Un tándem entre educación y entrega". La Voz de Galicia (en castelán). 2020-08-31. Consultado o 2024-04-13. 
  4. User, Super (2013-06-17). "Soleira Cortegada e C.B. Dorna, campións da Copa Deputación de Pontevedra Infantil". Federación Galega de Baloncesto. Consultado o 2024-04-13. 
  5. Doval, Diego (2021-10-21). "Viviendo el sueño de ser internacional". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2024-04-13. 
  6. "Arousabasket". www.facebook.com. Consultado o 2024-04-13. 
  7. "El CB Riveira sufre su primera Derrota en casa ante el A.C.D. Dorna.". Web del Club Baloncesto Riveira (en castelán). Consultado o 2024-04-13. 
  8. "Convivencia C.B. Dorna na Illa de Arousa – Club Baloncesto Noia". Consultado o 2024-04-13. 
  9. "El Dorna pone en marcha la "Training Week"". Faro de Vigo (en castelán). 2018-08-26. Consultado o 2024-04-13. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]