Comarca do Salnés

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Comarca do Salnés
Comarca Salnés.png
Provincia Provincia de Pontevedra
Capital Vilagarcía de Arousa
Área 275 km²
Poboación 111.541 hab. (2012)
Densidade 405,6 hab./km²
Concellos Cambados
O Grove
A Illa de Arousa
Meaño
Meis
Ribadumia
Sanxenxo
Vilagarcía de Arousa
Vilanova de Arousa

A Comarca do Salnés é unha comarca galega situada na provincia de Pontevedra e a súa capital é Vilagarcía de Arousa. A cal pertencen os concellos de Cambados, O Grove, A Illa de Arousa, Meaño, Meis, Ribadumia, Sanxenxo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

Constitúe un dos máis importantes enclaves turísticos de Galiza. A grandes trazos, está comprendido entre a ría de Arousa polo norte e a ría de Pontevedra polo sur, formando parte das denominadas Rías Baixas.

Recibe este nome polas antigas salinas que existían na desembocadura do río Umia. No Parochiale suevorum do século VI faise mención á Comarca Saliniense.

Descrición[editar | editar a fonte]

A comarca do Salnés ten unha poboación de 104.139 habitantes, que se reparten nunha extensión de 265,81 km². A media anual de temperatura máxima é de 20°C e a temperatura mínima de 5°C.

Vilagarcía é o seu principal núcleo de poboación e económico, se ben toda a súa costa presenta un elevado dinamismo económico e demográfico con importantes núcleos como Cambados, O Grove, Portonovo e Sanxenxo, que duplican a súa poboación durante os meses de verán.

Desde o punto de vista topográfico, o amplo e fértil val do río Umia ocupa boa parte da comarca, delimitada por unha serie de rebordes montañosos de suaves pendentes e escasa altitude, entre os que destacan o Monte Xiabre ó norte e os Montes de Castrove no sueste, que constitúen excelentes miradoiros. Aínda que as especies arbóreas autóctonas desapareceron en grande medida, a repoboación forestal ten cubertos estes montes case na súa totalidade con piñeiros e eucaliptos. As “carballeiras, castiñeiros, ameneiros, bidueiros” e outros aparecen moi illados nos vales das terras baixas, entre as terras de labranza, viñedos e prados. O Val do Salnés ten a forma dun triángulo co vértice na vila de Caldas de Reis e a base nunha liña que iría de Carril á Lanzada. Nesta base asentan os centros de poboación máis importantes: Vilagarcía de Arousa, Cambados, O Grove e Sanxenxo, que están comunicados por unha rede de estradas.

Este Val do Salnés caracterízase por ter un relevo suave derivado do seu proceso de formación, no que o seu principal axente foi a acción erosionada do río Umia.

A súa costa é baixa e areosa, de apacibles e resgardadas praias, relacionadas na súa maioría con complexos dunares de grande desenvolvemento coma os da Lanzada.

Tamén se abren extensas enseadas que polas súas condicións de abrigo favoreceron a localización de varios portos.

Outro risco da paisaxe costeiro é a presenza de numerosas illas: A Illa, A Toxa, Cortegada e outras de menor extensión.

A Comarca é berce de numerosos persoeiros entre os que cabe mencionar a Valle-Inclán, Francisco Asorey, Ramón Cabanillas, os irmáns Camba ou Herminia Fariña Cobián.

A importante actividade pesqueira, industrial e turística constitúen os piares da súa economía, ó que haberá que engadi-la súa riqueza agrícola, que acada o seu máximo expoñente no cultivo da vide, da que se elabora o prestixioso e afamado viño albariño baixo a Denominación de Orixe Rías Baixas.

Ademais da vide, tamén son importantes os cultivos en invernadoiro de flores e produtos hortícolas, que contan cunha lonxa en Ribadumia. Desde o punto de vista turístico, O Salnés é un dos lugares máis frecuentados polos turistas estivais de dentro e fóra de Galiza. As paisaxes, as praias, os monumentos, os viños e mariscos, o clima... son aspectos moi característicos e importantes nesta comarca.

Concellos do Salnés[editar | editar a fonte]

O Salnés
Concello Poboación Extensión (km²) Imaxe da comarca
Vilagarcía de Arousa 37.903 47,14 Salnes County in Pontevedra Province-gl.svg
Sanxenxo 17.586 44,00
Cambados 13.946 23,44
O Grove 11.241 21,89
Vilanova de Arousa 10.614 35,84
Meaño 5.444 28,00
Ribadumia 5.107 19,70
Illa de Arousa 5.020 7,00
Meis 4.988 51,90
O Salnés 111.763 275,2

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Vexa o artigo principal en Galería de imaxes da comarca do Salnés

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]


Concellos da Comarca do Salnés Comarca do Salnés
Cambados
Cambados
O Grove
O Grove
A Illa de Arousa
A Illa de Arousa
Meaño
Meaño
Meis
Meis
Ribadumia
Ribadumia
Sanxenxo
Sanxenxo
Vilagarcía de Arousa
Vilagarcía de Arousa
Vilanova de Arousa
Vilanova de Arousa