Consorcio da Zona Franca de Vigo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Zona Franca de Vigo")
Vista da Zona Franca e sede central do Consorcio na ría de Vigo.

O Consorcio da Zona Franca de Vigo é unha institución pública creada en 1947 para potenciar o comercio internacional e o desenvolvemento económico desde o sur de Galicia. Na súa área loxística de Bouzas, situada no porto de Vigo, xestiona unha zona franca con todas as súas vantaxes para a importación e a exportación.

O Consorcio está integrado polo Concello de Vigo, a Deputación de Pontevedra, a Cámara de Comercio, a Autoridade Portuaria e o Goberno de España, quen nomea o Delegado/a Especial do Estado en Consello de Ministros e segundo a proposta do Ministerio de Facenda.

A actual delegada do Estado é a pontevedresa Teresa Pedrosa, que preside as reunións mensuais do Comité Executivo, órgano encargado da xestión, administración e dirección desta institución pública. A Presidencia do Consorcio correspóndelle á Alcaldía de Vigo, sendo actualmente ocupada por Abel Caballero.

Relevancia[editar | editar a fonte]

Como axencia de desenvolvemento económico, non só é o principal promotor de parques empresariais na súa área de influencia, senón que proporciona ás empresas unha plataforma de servizos que van desde o financiamento —a través da empresa de capital risco Vigo Activo—, ata a axuda a emprendedores —a través dos Centros de Iniciativas Empresariais e das colaboracións coa Universidade de Vigo en capital semente— e a información económica para a toma de decisións —a través do servizo de información empresarial Ardán.

Existen ao redor de 350 empresas instaladas en diferentes parques promovidos polo Consorcio. No ano 2010, a Rede de Parques Zona Franca xerou o 26,57 % da riqueza da área de Vigo e o 25,56 % dos empregos da comarca. Actualmente trabállase para ampliar a oferta dos case 5 millóns de metros cadrados que se xestionan nos parques empresariais de Balaídos, Bouzas, A Granxa (O Porriño), o Parque Tecnolóxico e Loxístico (PTL) e Porto do Molle, coa posta en marcha da Plataforma Loxística e Industrial de Salvaterra-As Neves (PLISAN) e dun novo parque empresarial no municipio de Vigo.

Delegados do Estado[editar | editar a fonte]

Nomes e datas de nomeamento dos Delegados do Estado no Consorcio da Zona Franca de Vigo:

Historia[editar | editar a fonte]

Unha grande parte do desenvolvemento de Vigo debeuse á actividade da súa Zona Franca. O Consorcio foi o promotor do Polígono de Balaídos, onde a finais da década dos 50 se instalou a factoría de Citroën Hispania (actual Centro de Vigo de PSA Peugeot Citroën), ao redor da cal se desenvolveu en Vigo un importante sector da automoción, do Parque Tecnolóxico de Valadares e das principais actuacións de solo industrial na área de influencia da cidade, ben como da grande operación de recuperación urbana Abrir Vigo ao Mar. O Consorcio é a institución que conseguiu pór en marcha o Museo do Mar de Galicia para posteriormente devolvelo, completamente terminado, ao Goberno Galego. En máis de medio século de existencia, foi tendo un papel cada vez máis destacado non só nos engrenaxes económicos da cidade, senón tamén nas infraestruturas, no urbanismo e no apoio a todo o proceso empresarial, desde os emprendedores ata a industria madura.

Orixes[editar | editar a fonte]

Primeiro almacén do Consorcio no Porto de Vigo.

En 1947, cando o BOE publicou o decreto polo que o goberno concedía ao porto de Vigo a terceira zona franca de España (as outras dúas eran as de Barcelona e Cádiz), a noticia foi celebrada con grande entusiasmo polas autoridades e organizacións empresariais locais, que intuíron que esta vantaxe diferencial fronte a outras cidades impulsaría o crecemento económico de Vigo.

Como explicaba Francisco López Peña, Delegado do Estado en dúas ocasións, ao alumnado da Universidade de Vigo, «No momento da creación da Zona Franca, España atopábase en plena autarquía e o peche económico era absoluto. Prohibir as importacións fora un erro radical, pois lonxe de protexer a industria do país, encarecía os procesos industriais e impedía á economía especializarse e facerse competitiva. A Zona Franca, con todo, permitía a instalación de empresas que aproveitasen as vantaxes de importacións máis baratas e as facilidades para a exportación. Foi un paso importante para a cidade, unha vantaxe comparativa que fixo posible o seu despegue económico».

Con todo, aínda tardarían uns anos, en facerse realidade as prometedoras perspectivas creadas polo decreto de concesión da Zona Franca. O Consorcio encargado da súa administración e explotación, presidido polo Alcalde de Vigo e integrado por un Delegado do Estado e varios concelleiros e representantes do Estado en entidades cidadás, debía presentar ao Consello de Ministros un plan de delimitación da Zona Franca e estivo debatendo durante un tempo que orientación darlle ao proxecto: industrial ou comercial. Rafael Portanet, primeiro Delegado do Estado no Consorcio, inclinábase pola primeira, dado que a promoción do desenvolvemento industrial era entón unha necesidade perentoria.

Como sinala Juan José Vázquez-Portomeñe no libro Los consorcios administradores de zonas francas. El Consorcio de la Zona Franca de Vigo: «O debate finalizou cunha aparente solución de compromiso, pois o proxecto elevado polo Consorcio á aprobación do Goberno comprendía tanto unha zona industrial como outra comercial, mais a longo prazo a opción industrial terminou prevalecendo, pois a Zona Franca comercial inicialmente perfilada non chegou a constituírse».

O proxecto inicial contemplaba a construción en Alcabre dun porto propio sobre terreos gañados ao mar, que contaría mesmo con instalacións de refinado de petróleo. Pero segundo se foron constatando as enormes esixencias técnicas e financeiras que implicaría a súa execución, tívose que restrinxir o proxecto a unha extensión de 650.000 metros cadrados en Balaídos, espazo suficiente para atender as solicitudes de instalación que xa formularan varias empresas. Escolleuse esta opción dado que pendía a ameaza de caducidade da concesión, pois os prazos estaban a piques de expirar.

Para adquirir os terreos de Balaídos, tivéronse que comprar preto de dúas mil pequenas leiras e utilizar procedementos expropiatorios para conseguir as parcelas. Ademais, naquel momento o Consorcio só dispuña dunha subvención estatal de un millón e medio de pesetas, insuficiente para afrontar o custo financeiro das adquisicións. Finalmente, foi un crédito de trece millóns outorgado pola Caixa de Aforros de Vigo o que permitiu á Zona Franca pórse a funcionar.

Aluminios de Vigo, Ferroaleaciones de Vigo e, principalmente, Citroën Hispania, foron as empresas que primeiro aproveitaron as vantaxes fiscais da Zona Franca e consolidaron a súa orientación industrial. En 1956, a decisión da firma automobilística francesa de instalarse en Vigo foi un momento crucial. Por unha banda, porque a súa actividade chegaría a ser a fonte primordial dos recursos financeiros que permitiron ao Consorcio dotarse do perfil de institución de fomento económico que actualmente a caracteriza. Por outra banda, porque con ela naceu na cidade un novo sector industrial que, co tempo, impulsou a creación dun importante tecido de empresas auxiliares da industria do automóbil. Hoxe, o chamado clúster do automóbil, ademais de fornecer á factoría viguesa de pezas e compoñentes, prové a outras marcas automobilísticas e atrae a Vigo outras firmas multinacionais.

Normativa Europea[editar | editar a fonte]

A entrada de España na Comunidade Económica Europea en 1986 supuxo un cambio radical na configuración da Zona Franca. Por unha banda, España tivo que someterse á lexislación comunitaria, que non concibe as zonas francas como lugares industriais senón como puntos de entrada de produtos de países terceiros, sen impostos nin aranceis e, doutra banda, a economía pasaba a ser absolutamente aberta e a funcionar con outros parámetros.

Ante este novo escenario que lle facía perder o seu carácter industrial, o Consorcio tivo que reformular a función da Zona Franca. Foi entón cando se decidiu crear no porto una área comercial destinada a servizos, loxística, almacenamento e apoio ao tráfico internacional. Pero tamén chegara o momento de utilizar o patrimonio acumulado para seguir potenciando o crecemento económico de Vigo e iniciar outro tipo de actividades. O Consorcio da Zona Franca non tardaría en converterse nunha axencia de desenvolvemento local.

Axencia de desenvolvemento económico[editar | editar a fonte]

Entrada ó Parque Tecnolóxico de Vigo.

A partir de 1989, as actividades estritamente comerciais da Zona Franca comezaron a desprazarse cara ao novo enclave portuario de Bouzas, onde o Consorcio obtivera da Autoridade Portuaria a concesión dunha superficie de 144.352 metros cadrados a cambio de comprometerse a realizar as infraestruturas necesarias para terminar o espazo gañado ao mar. Ao longo da década seguinte serían ocupadas todas as instalacións e, chegado o ano 2000, houbo que ampliar a superficie ata os 200.000 metros cadrados actuais onde as mercancías dispoñen de almacenaxe cuberta e descuberta con despacho de alfándega propio. A Bouzas trasladáronse tamén as oficinas centrais do Consorcio.

Hoxe este espazo acolle unhas corenta empresas que se benefician das infraestruturas, das prestacións e das vantaxes fiscais que se lles ofrecen para o almacenamento e distribución de mercancías. Tal como afirman as publicacións de promoción do Consorcio, a área Comercial de Bouzas converteuse na porta atlántica do sur de Europa.

Porén, máis que a actividade comercial, foi a súa función de axencia de desenvolvemento o que transformou o Consorcio da Zona Franca en verdadeiro motor de Vigo e a súa área metropolitana. Neste sentido, construír parques empresariais e facilitar solo industrial a todo tipo de empresas chegou a ser a primeira das súas actividades xa que en Vigo había unha demanda enorme de solo que impedía o progreso da cidade. Vendo que o crecemento económico de Vigo era menor que o seu potencial, o Consorcio pensou que era moi importante prover as empresas de solo de promoción pública e con todos os servizos.

O primeiro polígono creado polo Consorcio sen estar considerado zona franca foi o da Granxa, no Porriño. Inaugurado en 1996, esta actuación supuxo tres mil novos postos de traballo na comarca de Vigo. Desde entón e ata hoxe, o Consorcio promove, en colaboración cos concellos onde se sitúen os terreos, millóns de metros cadrados de solo empresarial perfectamente equipados e estratexicamente situados na área metropolitana.

A seguinte actuación foi o Parque Tecnolóxico e Loxístico de Vigo, que albergou iniciativas tan interesantes como TexVigo, unha cooperativa de microempresas téxtiles que comparten o seu I+D e os seus procesos de comercialización. Hoxe as sesenta empresas instaladas, entre as que se atopan a multinacional xaponesa Denso e a alemá Benteler, proporcionan aproximadamente tres mil cincocentos empregos.

Naves bioclimáticas no parque empresarial Porto do Molle.

No municipio de Nigrán, o parque empresarial de Porto do Molle, cunha superficie de máis dun millón de metros cadrados, está desenvolvendo máis se cabe o concepto de solo para as empresas. Porto do Molle concibiuse como unha cidade do traballo onde unha persoa poderá traballar, practicar deporte, realizar as súas compras, pasear ou levar os seus fillos ao colexio.

Ademais, entre as localidades de Salvaterra e As Neves, na fronteira con Portugal, está proxectada unha plataforma loxística e industrial destinada a ser o maior parque empresarial da Eurorrexión, aínda que a súa posta en funcionamento tropeza de momento con dificultades polas demandas xurídicas dos anteriores propietarios dos terreos. Entre as parroquias de Matamá, Valadares e Comesaña, o Consorcio está deseñando o que será o último parque empresarial que se constrúa dentro do termo municipal de Vigo.

En canto aos parques empresariais de Zona Franca, non hai que esquecer o primeiro deles, a área Industrial de Balaídos, que, cun millón de metros cadrados, é o maior polígono industrial da cidade. Ao redor da planta de PSA Peugeot-Citroën instalada en Balaídos creouse un puxante clúster do automóbil de Galicia que emprega a máis de corenta mil persoas.

Rede de parques Zona Franca[editar | editar a fonte]

Para potenciar o crecemento económico da cidade, o Consorcio creou a Rede de Parques Zona Franca mediante a que se proporciona a todas as empresas que traballan baixo o paraugas do Consorcio infraestruturas, formación, información e capital. Este conxunto de servizos proporciónase a través de distintas sociedades que colaboran coas empresas viguesas.


O Centro de Iniciativas Empresariais (CIE), é unha incubadora de empresas e un animador de novos proxectos. Emprazado no polígono da Granxa, o CIE conta cunha estrutura física onde os emprendedores dispoñen durante un tempo limitado de todas as facilidades para o establecemento de novas empresas, tanto en espazo de oficinas como de naves. O CIE coopera cos emprendedores analizando o seu plan de empresa, asesorando na procura de mercados, ofrecendo cursos de formación continua e axudando na procura de axudas oficiais. Debido ao éxito de supervivencia entre as empresas que nacen no CIE, que é dun 90 por cento, actualmente estase construíndo outro CIE no parque empresarial de Porto do Molle.

Canto á política levada a cabo polo Consorcio en apoio á creación de novas empresas, é interesante mencionar tamén a súa participación en Vigo Activo, unha sociedade de capital risco que ten como obxectivo o fomento daquelas PEMES que non cotizan na bolsa e que non teñen natureza nin financeira nin inmobiliaria. Deben ser empresas galegas que conten cun produto ou servizo innovador ou que teñan un grande potencial de crecemento e altas expectativas de rendibilidade.

Ademais, baixo a marca ARDÁN, sustentada na maior base de datos empresarial de Galicia, o Consorcio ofrece servizos de información económica que permite aos responsables dunha empresa coñecer a fondo o seu medio, vixiar os seus competidores e situarse adecuadamente no seu sector de actividade.

Este anel de servizos ao empresariado está composto por proxectos de valor engadido que supoñen un elemento diferenciador da economía viguesa respecto de outras cidades.

Outras actuacións[editar | editar a fonte]

Nos anos 90 o Consorcio quixo aproveitar a súa experiencia na compra de solo e a dispoñibilidade de importantes fondos e estableceu acordos co Concello, coa Autoridade Portuaria e coa Xunta para realizar un programa de recuperación urbana da área central do porto de Vigo, coñecido como «Abrir Vigo ao mar». A área portuaria era entón unha zona degradada e marxinal que interpuña unha barreira entre a cidade e o mar. Para modificar esta situación, era necesario eliminar o tráfico da superficie mediante túneles e crear zonas de xardíns, de lecer e comerciais. O proxecto de recuperación da fronte marítima foi encargado a prestixiosos arquitectos e recibiu varios premios internacionais de deseño urbano.

Outras intervencións da Zona Franca foron a construción do Paseo Marítimo de Bouzas e dos aparcadoiros públicos das prazas da Estrela e do Berbés e o centro comercial da Laxe. Para xestionar este centro comercial e os aparcadoiros, créase a sociedade Aparcamientos Subterráneos de Vigo S.L., cun 100% de capital do Consorcio. Ademais, o Consorcio participou no proxecto de recuperación do centro histórico da cidade.

O Museo do Mar é a intervención que menos parece encaixar no marco dun organismo que depende do Ministerio de Economía. O proxecto foi encargado aos arquitectos Aldo Rossi e César Portela. Inaugurado en 2002 cunha exposición sobre a batalla de Rande, o Consorcio retirouse da súa xestión unha vez terminada a obra e posto en marcha o Museo e negociou a súa transferencia á Xunta de Galicia.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • J.J. Vázquez-Portomeñe. Os consorcios administradores de zonas francas. O Consorcio da Zona Franca de Vigo. ISBN 84-95458-96-9
  • J. Lebracón Nieto. O Consorcio da Zona Franca de Vigo. Industria, comercio e desenvolvemento urbano. ISBN 978-84-87887-81-9

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]