Charolesa (vaca)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Un exemplar de boi de charolesa nunha feira de gando de Dunblane.

A charolesa é unha raza de vaca produtora de carne e orixinaria da rexión do Charolés, no sur de Borgoña (Francia).

Características[editar | editar a fonte]

A charolesa é unha vaca branca, ás veces crema, de cor uniforme, e de gran tamaño. Os bois móvense entre os 1.000 e os 1.400 kg e as vacas adultas entre 710 e 900 kg. É unha vaca seleccionada especialmente para a produción de carne, con altas taxas de fertilidade e de embarazos múltiples, de crecemento rápido (2,5 kg por día), e que é capaz de pacer tamén sobre pastos mediocres.

Historia[editar | editar a fonte]

Charrolaise.jpg

A raza é orixinaria das contornas de Charolles (a capital do Charolés, en Saône-et-Loire) e de Nevers (capital do Nivernais, en Nièvre). Como moitas outras razas de vacún, historicamente foi concibido como un animal de tiro, do que tamén se lle aproveitaba, en menor medida, o leite e a produción de becerros.

O 1 de abril de 1884 crease o primeiro libro de rexistro da raza charolesa, que considera 146 exemplares mellorados na zona de Nevers e dos que un 20% non son brancos, senón rubios ou de cor crema. Tres anos máis tarde aparece o libro de rexistro da "raza charolesa pura", que se basea unicamente en bois e vacas brancos. Ata 1920 non se fusionarán os dous libros de rexistro.

Durante o século XIX tentarase o cruzamento coa raza inglesa durham, pero o resultado serán animais menos resistentes, con menos capacidade para o traballo e cunha carne bastante graxenta. Así pois, os gandeiros mudaron a táctica e optaron por unha mellora xenética por selección, primando os animais máis aptos ara a produción cárnica.

A raza charolesa está ben espallada por todo o mundo. Ademais dos dous millóns de cabezas que se estiman no seu berce francés, atópanse exemplares nuns setenta países. As exportacións comezaron xa no século XIX (a América do Sur en 1879), e de posteriores cruzamentos naceron dúas razas distintas: a charbray, cruzada nos Estados Unidos cun cebú de raza brahmana, e o canchín, resultado de cruzala cun cebú de raza indubrazil no Brasil.

Rendibilidade[editar | editar a fonte]

A carne ten pouca graxa no seu conxunto, pero si que a presenta entre as febras, o que a fai especialmente aprezada en gastronomía.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Charolesa

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]