Carballo común

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Quercus robur»)
Carballo común
Quercus robur

Follas e landras do carballo
Estado de conservación
Pouco preocupante (LC)
Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Plantae
Filo: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Fagales
Familia: Fagaceae
Xénero: Quercus
Especie: Q. robur
Nome binomial
Quercus robur
L.
Distribución do carballo bravo
Distribución do carballo bravo

Distribución do carballo bravo
Landra
Quercus robur

Para consultar o xénero Quercus, ver o artigo carballo.

O Quercus robur L. (ás veces considerado Quercus pedunculata) coñécese normalmente como carballo común[1], carballo veriño,[2] carballo bravo ou simplemente carballo.

O carballo é unha árbore anxiosperma da familia das fagáceas, caducifolia, que pode chegar aos 15-20 metros de altura. Esténdese por zonas de clima atlántico en calquera tipo de terreo, tanto en chairas como en ladeiras rochosas, desde o nivel do mar ata os 1 000 metros de altitude. É unha árbore robusta, que pode vivir varios séculos e acadar os 40 metros de altura con pólas que comezan xa desde a parte inferior.

Cando a formación é monoespecífica, só de carballos, o bosque é denoninado carballeira. Se se mesturan outras especies de clima atlántico chamámolo fraga. Foi a especie máis abundante e dominante na Europa atlántica e segue a ser predominante no interior de Galicia.

A madeira do carballo é de excelente calidade e foi moi empregada na construción de embarcacións, trabes e estruturas das casas (cubertas, forxados), travesas do camiño de ferro etc., así como na fabricación de mobles e toneis. Tamén foi e segue a ser o principal combustíbel das lareiras e cociñas galegas. O carballo tamén tivo uso ornamental nos lugares públicos de Galicia (parques, feiras, arboredas). Algúns exemplares moi vellos (carballas) acadan dimensións importantes.

É a árbore por excelencia de Galicia. A toponimia galega está chea de referencias a esta árbore (fitotoponimia): Carballal, Carballedo, O Carballiño, A Carballa etc. Aparece tamén en moitos apelidos: Carballo, Carballedo, Carbajal etc. Ademais, a cultura e as lendas galegas artéllanse arredor desta árbore, chea de espiritualidade e pasado sagrado, sempre vencellado á forza (rexo ou forte coma un carballo). Tamén é a árbore sagrada do País Vasco, de Alemaña e, en xeral, da cultura celta.[Cómpre referencia]

O termo carballo en Galicia acolle outras especies ademais do Quercus robur L., como o carballo branco ou albar (Quercus petraea), o carballo cerquiño (Quercus pyrenaica), en menor medida a aciñeira (Quercus ilex) ou a sobreira (Quercus suber) e, máis recentemente, o carballo americano (Quercus rubra).

Taxonomía[editar | editar a fonte]

Quercus robur (do latín quercus 'carballo' + robur 'forte, de madeira resistente'). Comparte xénero coas sobreiras e aciñeiras, entre outras especies.

A especie máis achegada é o carballo albar (Quercus petraea), moi semellante, que tamén atopamos no leste de Galicia. Q. robur distínguese deste por ter un pecíolo máis curto e un porte máis torto. Ás veces hibrídanse e dan o Quercus × rosacea.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

A orixe da verba carballo é incerta. O que está claro é que é anterior ao latín. Podería ser de orixe celta pola raíz kar- (pedra), ou dunha orixe preindoeuropea. En asturiano denomínase carbayu, en portugués carvalho, ambas as dúas coa mesma orixe. En castelán non ten un nome xeneralizado, polo que se lle chama roble común, roble inglés, roble pedunculado, carvajo ou roble carvallo. En inglés chámanlle English oak (carballo inglés).

Hábitat[editar | editar a fonte]

É autóctono da Europa atlántica e continental; aparece tamén na Anatolia, no Cáucaso e nalgunhas partes do norte de África. Na Península Ibérica esténdese desde o norte de Portugal ata os Pireneos. En Galicia foi a especie principal durante séculos. A súa extensión viuse en regresión por mor da actividade humana e a substitución das zonas onde había carballeiras por especies alóctonas, principalmente piñeiros, mimosas e eucaliptos; con todo, a extensión das carballeiras incrementouse nos últimos anos, especialmente no interior do país a causa da perda de poboación, o que provocou a recolonización de terreo agrícola. Segundo un estudo realizado en 2003, esta especie é dominante en 195 028 hectáreas no territorio galego.[3]

Descrición[editar | editar a fonte]

O Quercus robur é unha árbore monoica de grande envergadura e folla caduca (ás veces, no sur de Galicia, marcescente) duns 15-20 metros de alto (excepcionalmente acada os 40 m). A circunferencia vai dos 4 aos 12 m nas carballas máis vellas de Galicia, Asturias ou das Illas Británicas. O carballo de Kaive, na Letonia, cunha circunferencia de 10,2 m, é a árbore máis grosa de Europa. O tronco é groso e curto; a casca, cincenta ou acastañada, crebada. A copa é ampla, ovada ou irregular. Adoitan darse as formas tortas e bugallos.

Follas: o Q. robur ten follas de 7–14 cm de longo, alternas, simples, caedizas, cun pecíolo curto de 2–7 mm de longo, e lámina obovada, glabra, pinnatilobada, con 4-6 pares de lóbulos desiguais, anchos, ovado-oblongos, redondeados no ápice. Nalgúns exemplares, especialmente no sur de Galicia, onde o clima é máis temperado, a folla non chega a caer no inverno, aínda que si cambia a cor (marcescencia).

Flores: unisexuais, as masculinas en candeas penduradas e amarelas, pequenas, con cálice 5-7 lobado e 5-10 estames. Flores femininas subsésiles, en grupos de 2(3) penduradas no extremo dun longo pedúnculo, cada unha con invólucro basal ou cúpula formada por numerosas brácteas escuamiformes soldadas entre si, cálice moi reducido e un xineceo tricarpelar sincárpico de ovario ínfero e 3 estilos.

Froito: de tipo noz (landra) oblongo, duns 2 cm de longo, de pericarpo liso, verde-pardo, apiculado, con cúpula endurecida a xeito de carapucho, pouco áspera, denominada cascabullo.

Floración: florece na primavera, ao mesmo tempo que agroman as follas (rebentos vermellos); as landras maduran a finais do verán e caen a principios do outono.

É unha árbore moi lonxeva. Crese que o carballo de Stelmužė, na Lituania, ten uns 1 500 anos, o que o converte na árbore máis vella de Europa; doutro exemplar, ao que lle chaman Kongeegen ('Carballo dos Reis'), pénsase que ten 1 200 anos e fica en Jaegerspris, Dinamarca. Tamén hai bos exemplares en Alemaña e nas Illas Británicas.

En España hai bos exemplares no País Vasco; a venerada árbore de Gernika pertence a esta especie. En Asturias, na Reserva Natural Integral de Muniellos, atópase o Carballo de San Valentín, de 11 m de circunferencia. Ten uns 750-850 anos.

En Galicia atopamos exemplares salientábeis en todos os concellos. Na entrada da vila de Taboada existe o Carballo de Ramos, que lle dá nome á parroquia San Tomé do Carballo. En Silleda hai un bo exemplar a carón do Pazo de Taboada. No Incio tamén hai bos exemplares de castiñeiros e carballos na parroquia de San Pedro e, na parroquia de Val de Mao, hai unha vella carballa catalogada entre as de maior porte de Galicia.

Entre as máis lonxevas de Galicia encóntranse árbores como a Carballa da Rocha, en Rairiz de Veiga, de 34 m de altura e até 11,5 m de perímetro no seu tronco. Unha das súas pólas, arrincada polo furacán Hortensia en 1984, foi datada en 835 anos.[4] Outro exemplar que segundo algunhas estimacións pode ser milenario é o Carballo Grande de Cartelos, situado no Pazo de Cartelos, na parroquia de Cartelos no concello de Carballedo. En 1967, técnicos do Instituto de Investigaciones Forestales de Madrid practicaron un pequeno orificio no tronco e extraeron unha mostra transversal na que contabilizaron até 2.000 aneis de crecemento anual.[5] Hai máis carballos con centos de anos ao longo do país, como o Carballo de Santa Margarida, na cidade de Pontevedra, que foi cualificado polo padre Sarmiento como o "maiore do reino" de Galicia xa na primeira metade do século XVIII.[6]

Subespecies[editar | editar a fonte]

Fálase de cinco subespecies:

  • Q. robur subsp. broteroana Schwarz 1936, podería ser un híbrido entre o carballo común Quercus robur e a carbia Quercus petraea. É principalmente o que aparece en Galicia, norte de Portugal e noroeste de España en xeral, cos lóbulos das follas menos profundos, face das follas lustrosa e cúpulas maiores (18–23 mm).
  • Q. robur subsp. robur, que comprendería as poboacións orientais, chegando por occidente até a raia de Galicia.
  • Q. robur subsp. estremadurensis (O. Schwarz) Camus, 1950, do norte e centro de Portugal, chegando ó extremo occidental de Serra Morena, con follas máis delgadas, lustrosas pola face, as de primavera, de nerviación secundaria regular, desprovista de nervios intercalares.
  • Q. robur subsp. brutia (Ten.) O.Schwarz 1936 = ver Quercus brutia.
  • Q. robur subsp. imeretina (Stev. ex Woronow) Menitsky 1968 = ver Quercus imeretina.
  • Q. robur subsp. pedunculifolia (K.Koch) Menitsky 1967 = ver Quercus pedunculiflora.

Importancia ecolóxica[editar | editar a fonte]

No seu hábitat é de salientar a importancia ecolóxica do carballo pola cantidade de especies asociadas ao mesmo, especialmente insectos. Numerosas especias moran nas follas, gromos, bugallos e landras. O carballo comporta máis biodiversidade de insectos herbívoros que ningunha outra especie en Galicia, máis de 400 especies. As landras son unha boa fonte de alimento para moitos mamíferos pequenos e paxaros. Os mamíferos, especialmente os esquíos, que tenden a apañar landras e outras noces e agochalas, soterrándoas, acotío favorecen a reprodución do carballo.

Moitas carballeiras foron substituídas, especialmente na costa galega, por especies alóctonas (eucaliptos, piñeiros e acacias). Isto diminuíu moito a biodiversidade, ademais de aumentar o risco de incendios, e polo tanto a erosión e a perda dos solos.

Nos últimos anos a perda de poboación nas zonas interiores de Galicia, especialmente das provincias de Lugo e Ourense fixo que as carballeiras recuperaran moito solo agrícola. Outras veces os carballos fican relegados a un estrato inferior, case arbustivo, en piñeirais e eucaliptais. Co tempo o carballo remata por dominar a piñeiros e eucaliptos, xa que está máis adaptado.

Industria forestal[editar | editar a fonte]

O Quercus robur plántase tamén cun fin forestal pola súa madeira resistente e de alta calidade, especialmente a cerna, moi demandado para a industria do moble e da fabricación de bocois. Cando se fala de carballo francés trátase da mesma especie. As quendas son moi longas (uns 80 anos), polo que en Galicia o aproveitamento industrial da madeira de carballo é mínimo e foi totalmente substituído polo de eucalipto e piñeiro. A silvicultura require de podas para enderezar o tronco e evitar árbores tortas, deformidades, forquillas etc. A madeira de Quercus robur identifícase grazas a un exame detallado da sección transversal, perpendicular ás fibras. A madeira caracterízase polos aneis de crecemento, anchos e marróns escuros e claros. A madeira de primavera amosa un gran número de vasos(~ 0,5 mm de diámetro). Tamén son moi visíbeis os raios leñosos (~ 0,1 mm) que atravesan os aneis de crecemento. Ten unha densidade arredor de 720 kg por metro cúbico.

Cultivo[editar | editar a fonte]

O Quercus robur tamén aparece como árbore ornamental nas rexións temperadas de todos os continentes. Un gran número de cultivares e híbridos medran en xardíns, parques, arboredos e xardíns botánicos. Hai subespecies de follas douradas ou encarnadas, porte columnar etc. O uso ornamental do carballo en Galicia tampouco é novo. Os campos de feira adoitaban sombrearse con carballos. Atopamos bos exemplos en Caldas de Reis ou Lugo.

Cultivares[editar | editar a fonte]

  • Quercus robur 'Fastigiata' (carballo cipreste), o máis común, árbore alta e estreita con porte columnar.
  • Quercus robur 'Concordia' (carballo dourado), carballo pequeno de lento crecemento coas follas douradas e brillantes durante a primavera e o verán. Conseguiuse por vez primeira no viveiro de Van Geert (Ghent) en 1843.
  • Quercus robur 'Pendula' (carballo chorón), un carballo de talle medio coas pólas penduradas. Quercus robur 'Purpurea' outro cultivar duns 10 m de altura mais coas follas encarnadas.
  • Quercus robur 'Filicifolia' (carballo de follas cortadas), cultivar coas follas máis lobuladas.

Doenzas[editar | editar a fonte]

  • Oídio, especificamente o oídio do carballo, moi común en Galicia. A superficie das follas cóbrese cunha peluxe de cor cincenta (mofo ou balor) que torna amarelas ou grises as follas e provoca que caian antes do outono. Vén producida por un fungo hóspede nas follas chamado Microsphaera alphitoides (ou Erysiphe alphitoides) na súa fase teleomorfa e coma Oidium quercinum na súa fase anamorfa.
  • Phytophthora ramorum. É un protista da clase dos oomicetos que produce unha infección denominada morte repentina do carballo.
  • Antracnose.
  • Cancro.
  • Outras enfermidades causadas por bacterias e fungos.

Pragas[editar | editar a fonte]

  • Lepidópteros. Moitas larvas de bolboretas aliméntanse dos gromos ou xemas desta árbore.
  • Avespa de bugallos. Os bugallos dos carballos, tamén chamados carrabouxos, cocas ou, tecnicamente, cecidios, son unha reacción de defensa da árbore fronte a determinados insectos véspidos que depositan os seus ovos baixo a casca nos gromos novos dos carballos.

Exemplares senlleiros en Galiza[editar | editar a fonte]

Coma árbore de Galiza, atopamos por toda a xeografía árbores monumentais, moitas delas incluídas no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, elaborado pola Xunta de Galiza:

Formacións senlleiras[editar | editar a fonte]

As seguintes formacións de carballos figuran no mesmo catálogo, na categoría de Formacións senlleiras:

Simbolismo e cultura popular[editar | editar a fonte]

Véxase a sección correspondente n'As árbores na cultura popular galega.

O carballo vén rodeado de lendas e considérase unha árbore sagrada en moitas zonas de Europa asociada aos mitos celtas. Acostuma ser a árbore por excelencia, a principal, a raíña e asociada á horizontalidade e á forza. O freixo simbolizaría a delicadeza e a verticalidade. Para Alemaña é todo un símbolo do romanticismo. Ademais é o símbolo da forza e a estabilidade do país. As follas e as landras do carballo aparecen na moeda de 5 céntimos de euro alemá. En Inglaterra o carballo é un dos emblemas do país. En Irlanda o carballo aparece como claro símbolo celta. No castelo de Birr Castle, un exemplar duns 400 anos acada 6,5m de circunferencia. Coñécese como o carballo de Carroll, referíndose ao alcalde ou xefe da vila Ely O'Carroll quen gobernou antes da ocupación normanda. No País Vasco a árbore de Gernika, coñecida en éuscaro como Gernikako Arbola é un carballo situado ante diante da Casa de Xuntas, na localidade biscaíña de Gernika. Simboliza as liberdades tradicionais de Biscaia e os biscaíños, e por extensión as dos vascos. O Señor de Biscaia e posteriormente os reis de Castela, xuraban respectar as liberdades biscaíñas baixo este carballo, e o lugar no cal se localiza é o lugar onde o Lehendakari do País Vasco promete cumprir co seu cargo ao comezo de cada novo mandato.

En Galicia existen numerosas lendas e carballos sagrados, moitas veces ritos pagáns e outras cristianizados. Xa para os celtas era unha árbore sagrada, polo que as súas follas non faltaban nas súas cerimonias. As follas de carballo empréganse acotío como herbas de San Xoán. Os romanos outorgábanlle tamén un valor sagrado pola súa fortaleza, e aqueles lugares onde existían grandes carballeiras eran nomeados como Lucus, o nome latino da cidade de Lugo, polo que se supón que Lugo era antes un bosque sagrado. O último representante do bosque sagrado lugués foi o chamado Carballo de San Vicente, talado en 1680 para facer as obras do claustro do convento de Santo Domingo.

Algúns carballos están consagrados a santos como é o caso do carballo de Santa Mariña de Augas Santas, Allariz ou o carballo de Santo Antonio no Pazo de Vilar de Francos en Carballo. Os dous teñen unha lenda en común que di que cando se lle produce unha ferida no tronco botan sangue. Nos dous casos atribúen este feito aos milagres dos respectivos santos. A Carballa da Rocha é un carballo situado no concello de Rairiz de Veiga (provincia de Ourense), Monumento Natural dende o ano 2007. Estímase que ten uns 500 anos; ten 8,2 m de perímetro e 33 m de altura. Na carballeira do pazo de Cartelos no concello de Carballedo (Lugo), subsiste un exemplar, pouco coñecido, que pode ser o máis vello do mundo desta especie. A súa idade non se coñece con exactitude, pero o feito de que unha das pólas derrubadas polo ciclón Hortensia en 1984 tivera 800 anos, danos unha estima da súa idade, que podería roldar os 1500. Todo nel é espectacular: 11,5 m de perímetro, 34 m de altura e 614 m2 de copa. O seu competidor inmediato é un carballo en Suíza de 930 anos. Todo isto fai que sexa o ser vivo máis vello de Galicia xunto co castiñeiro de Pumariños en Manzaneda (Ourense).

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Vexa o artigo principal en Galería de imaxes de carballos de Galicia

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Carballo". DIGALEGO. Arquivado dende o orixinal o 19 de outubro de 2016. Consultado o 15 de outubro de 2016. 
  2. Vocabulario forestal (galego-español-inglés) da USC
  3. "Reflexiones sobre el medio ambiente en Galicia" (PDF). Xunta. Consultado o 14 de setembro de 2016. 
  4. "Onde está o ser vivo máis antigo de Galicia e, se cadra, tamén de Europa?". Historia de Galicia. 2020-04-18. Consultado o 2021-02-26. 
  5. "Roble común 'Carballo Grande de Cartelos' en el Pazo de Cartelos, Cartelos, Galicia, España". www.monumentaltrees.com. Consultado o 2021-02-26. 
  6. "La agonía del árbol más hermoso de Galicia". La Voz de Galicia (en castelán). 2019-06-11. Consultado o 2021-02-26. 
  7. "San Fins, a pegada celta". La Voz de Galicia. Consultado o 12 de maio de 2023. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]