A Veiga
| A Veiga | |
|---|---|
| Casa do Concello. | |
| Situación | |
| Xentilicio[1] | veiguense |
| Xeografía | |
| Provincia | Provincia de Ourense |
| Comarca | Comarca de Valdeorras |
| Poboación | 1036 hab. (2012) |
| Área | 290,5 km² |
| Densidade | 3,57 hab./km² |
| Entidades de poboación | Lugares da Veiga |
| Capital do concello | A Veiga |
| Política (2011) | |
| Alcalde | Edesio Yáñez Gómez (PPdeG) |
| Concelleiros | BNG: 0 PPdeG: 5 PSdeG-PSOE: 4 Outros: - |
| Eleccións municipais na Veiga | |
| Uso do galego[2] (2001) | |
| Galegofalantes | 97,85% |
| Páxina web oficial | |
| http://www.aveiga.es/ | |
A Veiga é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca de Valdeorras.
Segundo o IGE no ano 2010 tiña 1.075 habitantes (558 homes e 548 mulleres), 24 menos que no 2008 (1.341 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «veiguense».
| Evolución da poboación de A Veiga (desde 1900 ata 2012) | |||||||
| 1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 | 2012 |
| 6.977 | 6.742 | 6.357 | 3.513 | 1.318 | 1.075 | {{{7}}} | {{{8}}} |
| Fontes: INE e IGE
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
|||||||
| Censo Total | 1.036 |
| Menores de 15 anos | 51 (4,92%) |
| Entre 15 e 64 anos | 493 (47,58%) |
| Maiores de 65 anos | 492 (47,49%) |
Índice |
Xeografía [editar]
O concello pertence ó partido xudicial do Barco, e á diocese de Astorga, arciprestado da Veiga. Limita ao norte co Barco de Valdeorras, Carballeda de Valdeorras e Petín, ao sur con Viana do Bolo, ao leste coa provincia de Zamora e ao oeste co Bolo.
É o concello máis amplo da provincia, con 291 km², e unha altitude media de 1.024 metros. NO concello atópase a maior altitude de Galicia: o pico de Pena Trevinca, de 2.127 metros.
A súa xeografía pode dividirse en tres zonas diferenciadas:
As terras altas, de orixe cámbrica e precámbrica, son as situadas a máis de 1.200 metros de altitude. Abarcan a serra do Eixo (A Chaira, As Minas e Pena Cabrón), as serras do sueste (serra Calva, alto do Torno, alto do Turrideiro e alto da Corraliza) e os Montes de Ramilo.
As terras intermedias están compostas por rochas graníticas hercianas, de 1.000 a 1.200 metros de altitude. Nelas aséntanse a maior parte dos núcleos habitados, ademais da serra de San Lourenzo.
As terras baixas, con altitudes inferiores aos 1.000 metros, coinciden co leito do río Xares e a liña de falla que vai dende O Barco até Quintela de Edroso (Viana do Bolo). A rede hidrográfica é abundante, debido á copiosa pluviometría do municipio. Os principais cursos son os dos ríos Corzos, Xares e Requeixo, e os restantes son regatos con moita pendente, moi rápidos e de gran poder erosivo, dando lugar a estreitos e profundos vales e fervenzas.
A temperatura media anual é fresca, sen sobrepasar o conxunto os 8º C. A oscilación térmica é elevada, sobre todo nas terras situadas a máis de 1.300 metros. Os invernos son duros a causa das baixas temperaturas e da presenza da neve. As estacións intermedias son curtas e os veráns mornos con noites claras e frescas, sendo meses máis cálidos xullo e agosto, que alcanzan unha media de 15 ºC.
A lagoa da Serpe sitúase a 1.697 metros de altitude, no macizo de Pena Trevinca. Ten orixe glacial, e cóntase sobre ela a lenda de que todas as noites de San Xoán aparece sobre unha rocha á beira da lagoa unha fermosa princesa de cabelos negros, que durante o resto do ano permanece convertida en serpe.
Flora e Fauna [editar]
| Faltan ligazóns internas neste artigo ou sección. Por favor, axude wikificándoo. |
Dentro da flora atopamos extensas formación de prados silíceos con Festuca indigesta e manchas en pendentes rochosas de vexetación casmofítica. Xusto en rochais silíceos existe vexetación pioneira do Sedo-Scleranthion e do Sedo albi- Veronicion dillenii, e tamén exemplos de mato mediterráneo. Entre os bosques, sobresaen o Teixedal de Casaio (Taxus baccata) e os de castiñeiros e rebolos, incluíndo carballeiras de Quercus orocantabrica.
E entre a fauna podemos destacar entre os invertebrados, o cervo Lucanus cervus e a babosa (Geomalacus maculosus). Entre os vertebrados atoparemos réptiles de grande interese como a lagartixa leonesa ou o lagarto verdinegro. Tamén atoparemos entre os peixes especies como a troita ou as bogas; entre as aves a perdiz pardilla ou rapaces como o falcón abelleiro, a aguia culebreira europea, o aguilucho pálido, etc.
Historia [editar]
No concello hai restos castrexos (testemuña dos cales son topónimos como Castromao, Castromarigo ou O Castro de Xares), e inscricións prerromanas na Casa dos Baqueiros en Ponte. Hai tamén constancia de asentamentos defensivos da época romana no Lombo e As Silviñas, preto de Vilaboa, onde se atoparon abundantes anacos de cerámica común romana e algún resto de tégulas.
A Veiga tivo unha intensa actividade política e económica durante os séculos XVI, XVII, XVIII e principios do XIX, ao ser un pobo de realengo, pagando impostos e dependendo directamente da coroa. Isto conlevaba unha división administrativa moi diferente á das localidades valdeorresas, que eran terras de señorío. Os veciños da Veiga, ao igual ca os residentes no limítrofe concello do Bolo, pertencían á xurisdición do Bolo.
Até 1835 as terras da Veiga pertencían aos concellos de Castromarigo e Espiño, no partido xudicial de Valdeorras. A comezos do século XX posuía unha cuantiosa cabana gandeira (10.000 cabezas de vacún, 60.000 ovino-caprino, 500 cabalar) que acreditou a categoría que posuían as súas feiras e constituía a principal riqueza do país.
O 27 de setembro de 2001 o concello da Veiga foi declarado Municipio Turístico Galego polo Consello da Xunta de Galicia. En 2003 foille concedido o premio Agader da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural ao embelecemento do medio rural pola súa rede etnográfica.
Patrimonio [editar]
A Cántara da Moura é un espazo natural ó pé do río Corzos, onde a auga, as covas, as pedras e a vexetación, conforman un dos recunchos máis especiais deste concello. As marmitas de xigante dan lugar a covas que forman un labirinto natural, e na cántara o río Corzos vai soterrado, formando unha piscina natural, sempre fresca, saíndo de novo ó exterior a través dunha porta, segundo contan, esculpida na rocha polos "mouros", en forma de cascada branca e ruidosa.
A cántara da Moura está situada nunha zona onde existen moitas covas, sendo a máis famosa a chamada "Cova dos escapados". Nesta cova refuxiáronse durante meses os escapados da Guerra Civil, pertencentes ó bando republicano, que foron moi perseguidos. A ela só se pode acceder por un pequeno burato, unicamente coñecido polos veciños da zona, ó que lle puñan unha escaleira para baixar, que quitaban unha vez que entraban. Conseguían sobrevivir semanas enteiras sen saír, grazas a que aquí o río vai soterrado e podían pescar as famosas troitas negras do río Corzos.
Galería de imaxes [editar]
- Artigo principal: Galería de imaxes da Veiga.
-
Vista de Requeixo.
Parroquias [editar]
Lugares da Veiga [editar]
Para unha lista completa de todos os lugares do concello da Veiga vexa: Lugares da Veiga.
Notas [editar]
- ↑ Véxase no Galizionario.
- ↑ Datos de 2001 publicados en 2004.
Véxase tamén [editar]
Ligazóns externas [editar]
- A web da Veiga (A Veiga)
- A web de Prada (A Veiga) - Asociacion Cultural
- Web de Prada e a súa contorna natura