Clara de Asís

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Clara de Asís, nada como Chiara Offreduccio en Asís (Umbría) o 16 de xullo de 1194 e finada o 11 de agosto de 1253, foi unha santa italiana, seguidora fiel de Francisco de Asís e fundadora da Orde de Santa Clara, referente feminino da vida franciscana.

Índice

[editar] Biografía

Clara de Asís, fresco de Giotto, Basilica Santa Croce, Firenze, Italia

Clara de Asís naceu froito do matrimonio formado por Favorino Scifi, Conde de Sasso-Rosso e Ortolana. Ortolana era unha grande devota e xa emprendera peregrinaxes aos santos lugares de Roma, Santiago de Compostela e Xerusalén. En 1210, Clara de Asís establece o seu primeiro contacto coas novas achegas franciscanas (orde relixiosa entón recén aprobada polo papa Inocencio III) acolléndoas con grande agarimo e entusiasmo. O 20 de marzo de 1212, a familia decide casala con Paolo Di Gandria, cabaleiro cruzado, nado en Perugia. Na súa desesperación, Clara renunciou á súa condición e fuxiu da casa paterna atopando acubillo no mosteiro de San Damiano onde permaneceu até a súa morte. Vestía túnicas grosas e rudas e lucía o cabelo rapado para indicar a súa aceptación dos votos de pobreza, castidade e obediencia.

Nun primeiro intre, refuxiouse no mosteiro benedictino de San Paolo delle Abadesse, para posteriormente ingresar en Sant'Angelo in Panza na localidade de Mont Subasio. A súa irmá máis nova Agnese tamén fuxiría da casa paterna para seguila até Sant'Angelo. Finalmente Santa Clara e a súa irmá trasladaríanse a San Damiano, onde fundarían a Orde das Damas Pobres (tamén coñecida como Orde de San Damiano) primeiro vestixio da futura Orde de Santa Clara.

A diferenza da Orde Franciscana, cuxos membros predicaban por todo o país, as irmás de Santa Clara víronse relegadas á máis absoluta vida monacal, xa que un plan de vida itinerante era inimaxinable para a muller daquel tempo. Deste xeito as súas vidas circunscribíanse á oración e aos traballos manuais no mosteiro.

Nos seus comezos a orde foi dirixida por Francisco de Asís, porén, en 1216, Santa Clara convértese na abadesa de San Damiano, defendendo a súa orde das tentativas de prelados de imporlles unha régula que máis se semellaba á Régula de San Benedito que aos estritos votos da vida franciscana. Santa Clara tamén xogou un papel significativo na vida de Francisco de Asís, téndoo como pai espiritual e prestándolle diversos coidados durante as súas enfermidades até a súa morte en 1226.

Logo da morte de San Francisco, Clara de Asís promoveu aínda máis a súa orde, frustrando cada tentativa papal de imporlles unha régula ás irmás clarisas. Este feito amoleceu o compromiso radical ao que se abrazara un tempo.

Foi coñecida pola súa lealdade a San Francisco, polo que se lle chegou a coñecer como alter Franciscus, outro Francisco".

O 9 de agosto de 1253, a bula papal Solet annure promulgada polo papa Inocencio IV confirmou a Orde de Santa Clara como herdeira de Orde das Damas Pobres. Dous días despois, o 11 de agosto, Santa Clara morrería á idade de 59 anos .

O 15 de agosto de 1255, o papa Alexandre IV canonizou a Clara de Asís. En 1263, o papa Urbano IV oficialmente muda o nome de "Orde das Damas Pobres" por Orde de Santa Clara. O 17 de febreiro de 1958, o papa Pío XII nomeouna patroa da televisión tendo en conta que supostamente a santa experimentara con todos os seus sentidos as exequias fúnebres de San Francisco estando fisicamente no súa alcoba monacal.

As súas reliquias poden ser contempladas na cidade italiana de Asís.

[editar] En Galicia

En Galicia, o Mosteiro de Santa Clara de Allariz e dous lugares levan o nome de Santa Clara, Santa Clara de Novás en San Pedro de Muro, Porto do Son, e Santa Clara en Xanza, Valga.

Santa Clara é avogosa para o bo tempo. Por iso, para asegura-lo sol no día da voda, é costume en Santiago e Pontevedra levar ovos a Santa Clara. Tamén en Santiago, desde hai pouco, pídeselle que interceda para conseguir boas notas nos exames.

[editar] Véxase tamén

[editar] Ligazóns externas

Ferramentas persoais
Espazos de nomes

Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas
Outras linguas