Verea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°5′56.6″N 07°57′03.8″O / 42.099056, -7.951056

Verea
Bandeira de Verea
Escudo de Verea
Fonte no Alto do Vieiro.
Situación
Xentilicio[1]vereense
Xeografía
ProvinciaProvincia de Ourense
ComarcaComarca da Terra de Celanova
Poboación964 hab. (2023)[2][3]
Área94,2 km²[3]
Densidade10,23 hab./km²
Entidades de poboación11 parroquias[4]
Política (2023[5])
AlcaldeXosé Antonio Pérez Valado (BNG[6])
ConcelleirosBNG: 7


Eleccións municipais en Verea
Uso do galego[7] (2011)
Galegofalantes91,03%
Na rede
https://www.concellodeverea.gal/
Facebook: vereagz Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Verea (do latín veredam, verea[8] ou camiño estreito)[9] é un concello da provincia de Ourense, pertencente á comarca da Terra de Celanova. Segundo o IGE en 2020 tiña 912 habitantes (1.387 en 2003). O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «vereense». A súa capital é Carballo.

Demografía[editar | editar a fonte]

Censo Total 1059 (2014)
Menores de 15 anos 41 (3.87%)
Entre 15 e 64 anos 492 (46.46%)
Maiores de 65 anos 526 (49.67%)
Evolución da poboación de Verea   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023
3.677 3.632 3.641 3.171 1.398 1.269 1.222 1.150 1.112 1.059 1042 983 956 933 943 912 {{{17}}} {{{18}}} {{{19}}}
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Xeografía[editar | editar a fonte]

Descrición xeral[editar | editar a fonte]

O concello ten unha superficie de 94,6 km², e abrangue 11 parroquias e 40 entidades de poboación. A súa capital é Carballo. Está situado a 32 km da capital, Ourense, á que se chega pola estrada OU-540.

O territorio, eminentemente rural, está atravesado por unha falla en diagonal do noroeste ao sueste, ao leste do río Grande. O extremo sueste da falla divide as vertentes do río Limia e do río Arnoia. Os seus principais cursos fluviais son o Grande, o Cexo e o Orille, afluentes do Arnoia. Neles practícase a pesca da troita.

O cumio máis elevado é o Outeiro de Ferro (1.268 m) o cal fai de linde entre Galicia e Portugal. Outros cumios son o Froufe (1.245 m), Penagache (1.226 m) e o Lobaqueiros. Entre estes dous últimos hai un abrupto canón.

Cursos fluviais[editar | editar a fonte]

Verea é terra abundante en auga, por iso son numerosos os accidentes fluviais recollidos dentro dos lindes do concello.

Ríos[editar | editar a fonte]

Regatos[editar | editar a fonte]

Corgas[editar | editar a fonte]

Historia[editar | editar a fonte]

Na serra do Leboreiro, na fronteira con Portugal, consérvanse restos megalíticos, destacando unha necrópole de mámoas con cámara funeraria. Nas ladeiras do monte Penagache estanse a realizar unha serie de escavacións arqueolóxicas na procura de restos anteriores á romanización.

A etimoloxía do topónimo Verea indica que é un lugar de paso. O concello estaba atravesado por unha antiga vía romana de carácter secundario, que saía de Aquis Querquennis cara ao norte, entrando polo alto do Vieiro. Porén, para outros autores o topónimo procede de Venoriu, relacionado coas minas localizadas probablemente no Outeiro de Ferro. Outros restos romanos atópanse nun campamento romano coñecido como A Cividá.

Preto do campamento atópase a ermida de San Trocado. Segundo a lenda, recollida por Ambrosio de Morales na súa obra Viaxe Santo, uns portugueses que roubaran as reliquias de Celanova quedaron paralizados no lugar onde hoxe se levanta a ermida por mor dun milagre de Rosendo de Celanova. Esta ermida, durante moito tempo esquecida, encóntrase hoxe en vías de restauración.

Por riba da vía romana, pasa o camiño portugués da ruta Xacobea que vai por Celanova. A comezos do século XII o abade de Celanova e o prior dos Templarios de Veiga proxectaron a construción conxunta dun hospital para peregrinos.

Durante a Idade Media, debido aos continuos conflitos entre a Coroa de Portugal e a Coroa de Castela, o lugar tivo o carácter de marca.

Na época de posguerra foros moitos os veciños adicados ao estraperlo que, aproveitando a súa proximidade coa Raia Seca, atravesaban a Serra do Laboreiro (por sitios como o Outeiro da Auga, Penagache ou o monte Lobaqueiros) para chegar a Castro Laboreiro. Estas viaxes facíanse pola noite, moitas veces con condicións climatolóxicas adversas, tales como neve, choiva, vento e frío de montaña. Os produtos cos que máis se comerciaba eran o café, as pedras de chisqueiro e o bacallau salgado (demominado na zona como bacalao). Debido a isto, construiríase máis tarde un cuartel da Garda Civil na zona. Antes da inclusión de España na Unión Europea, todos os anos, acudían ao Concello alcaldes e diversos funcionarios dos concellos da raia galego-portuguesa para revisar os lindes entre Galiza e Portugal.

Patrimonio[editar | editar a fonte]

No municipio atópase unha das mámoas máis grandes descubertas en Galicia: a mámoa Mota Grande con interesantes pinturas e gravados. Da época castrexa e a romanización o que mellor se conserva é o castro de Ourille e a máis a vía romana. Non obstante, os sinais de romanización non se limitan exclusivamente á vía, senón que quedan restos dun campamento romano, coñecido como A Cividá. Na serra do Leboreiro, que marca a fronteira con Portugal e onde se atopan as cotas máximas, atopamos algúns restos megalíticos, entre os que destaca unha necrópole de mámoas cunha cámara funeraria. Así mesmo, estanse levando a cabo unha serie de escavacións arqueolóxicas nas ladeiras do Penagache.[10]

Na igrexa de Albos destacan tres cruces antigas. Unha delas, de finais do século XII ou principios do XIII, é de cobre esmaltado cun Cristo en maxestade. As outras dúas son procesionais, unha delas chapada en cobre, flordelisada e cun Cristo de tres cravos, datada na segunda metade do século XIV.

A igrexa de San Pedro de Ourille consta de tres corpos. A fachada dianteira é moi sinxela, sen apenas motivos decorativos o que reforza o carácter neoclásico típico das construcións ruiras de fins do século XVIII e principios do XIX en Galicia.[11] No primeiro corpo, o único elemento ornamental é a arquitrabe da porta, lisa e decorada con motivos xeométricos. O segundo corpo, separado do primeiro por un friso liso, é elíptico nos seus extremos, sobre os que se erguen uns pináculos puntiagudos. O terceiro corpo constitúeo un campanario de dobre corpo; no primeiro atopámonos con dous arcos romanos e ás campás, no segundo hai un arco de menor tamaño sobre o cal érguese un último arco aínda máis pequeno e o pararaios. Posúe un nicho con figura sobre o rosetón. No interior as bóvedas son de canón, e no altar maior hai un retablo barroco decorado, restaurado no 2006.[12]

Plano do forte de Penafroufe, 1649.

A igrexa de Sanguñedo foi construída a principios do século XVIII. Segundo a inscrición do canteiro situada na fachada posterior, a obra foi rematada no ano 1707. A fachada ten unha porta de lintel sinxela e remata cunha cornixa curva.[13] Nos extremos da cornixa érguense dous pináculos puntiagudos rematados en esfera. O campanario está conformado por dous arcos romanos, nos cales ubícanse dúas campás, unha por arco. Por riba deste corpo atopámonos con outros dous pináculos, similares aos situados na cornixa, e máis unha estrutura triangular sobre a cal está un pararaios ornamental con forma de cruz grega.

A ermida da Ascensión ten un atrio con cuberta a catro augas, no que destaca o seu campanario, rematado con dous pináculos nos extremos e unha cruz sobre base curva na parte central.[14] O campo que rodea a ermida está adornado cunha obra do pintor ourensán Virxilio. O primeiro xoves de xuño ten lugar a festa en honra desta Virxe, sendo trasladada en procesión dende a igrexa de Gontán até a capela, poxando os fieis por levala a ombros en cumprimento dunha promesa por algún favor concedido.

O cruceiro do Vieiro posúe un Cristo cunha expresión de dor de gran patetismo.

Na parroquia de Bangueses áchanse os restos do Forte do Teso ou Penafroufe, unha fortificación do século XVII.[15]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Galería de imaxes de Verea.

Parroquias[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Ourense | Parroquias de Verea

Albos (San Mamede) | Bangueses (San Miguel) | Cexo (Santo Adrao) | Domés (San Martiño) | Gontán (Santo André) | Ourille (San Pedro) | Pitelos (Santa María) | Portela (Santa Baia) | Sanguñedo (San Salvador) | Santa María de Cexo (Santa María) | Verea (Santiago)


Lugares de Verea[editar | editar a fonte]

Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Verea vexa: Lugares de Verea.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Véxase no Galizionario.
  2. Instituto Nacional de Estadística, ed. (27 de decembro de 2019). "Cifras oficiales de población resultantes de la revisión del Padrón municipal a 1 de enero". Consultado o 2 de xuño de 2020. (en castelán).
  3. 3,0 3,1 Instituto Galego de Estatística. (2023) "Verea".Información municipal. Sociedade e poboación. Xunta de Galicia.
  4. Nomenclátor de Galicia. Busca directa. Xunta de Galicia
  5. "Resultado eleccións 2023". Consultado o 21 de xuño de 2023. 
  6. Federación Galega de Municipios e Provincias (ed.). "Verea". www.fegamp.gal. Consultado o 15 de setembro de 2019. 
  7. Neira, Carlos. "Evolución do uso do galego por concellos". Arquivado dende o orixinal o 5 de decembro de 2019. Consultado o 14 de outubro de 2014. Fonte: IGE. Datos dispoñibles nas Táboas Dinámicas de Google 
  8. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Verea.
  9. Real Academia Galega (Antón Palacio) (25/11/2021). O Seminario de Onomástica responde: Sober (Youtube). 
  10. "Ayuntamiento de Verea - Mancomunidad Terra de Celanova". www.terradecelanova.es. Consultado o 2021-01-29. 
  11. "Historia, patrimonio, arquitectura y recursos turísticos de Verea". www.terradecelanova.es. Consultado o 2021-01-29. 
  12. Ourense, Sofía López / (2006-12-18). "Los feligreses de Ourille estrenan el retablo de su iglesia parroquial". Faro de Vigo (en castelán). Consultado o 2021-01-29. 
  13. "Iglesia de San Salvador de Sanguñedo – Terra de Celanova — Serra do Xurés" (en castelán). Consultado o 2021-01-29. 
  14. "Ermida da Ascensión de Gontán". Patrimonio Galego. Consultado o 2021-01-29. 
  15. Nieto Muñiz, Eduardo-Breogán (2013). "Penafroufe, un reducto defensivo do século XVII na raia de Bangueses (Verea, Ourense)" (PDF). Lethes. Cadernos culturais do Limia (Xinzo de Limia: Centro de Cultura Popular do Limia) (11): 58–71. ISBN 978-84-937158-5-4. Arquivado (PDF) dende o orixinal o 23 de xullo de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]