Antonio Cubillo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaAntonio de León Cubillo Ferreira
Biografía
Nacemento3 de xuño de 1930 Editar o valor em Wikidata
San Cristóbal de La Laguna, Tenerife
Morte10 de decembro de 2012 Editar o valor em Wikidata (82 anos)
Santa Cruz de Tenerife, Tenerife
Causa da morteAneurisma Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeEspaña Editar o valor em Wikidata
Actividade
OcupaciónAvogado e político
Partido políticoMovemento Autonomista Canario.
Canarias Libre.
Movemento pola Autodeterminación e Independencia do Arquipélago Canario (MPAIAC).
Forzas Armadas Guanches (FAG).
Congreso Nacional de Canarias (CNC).
LinguaLingua castelá Editar o valor em Wikidata

Antonio de León Cubillo Ferreira, nado en San Cristóbal de la Laguna (na provincia de Santa Cruz de Tenerife) o 3 de xullo de 1930 e finado na cidade de Santa Cruz de Tenerife o 10 de decembro de 2012, foi un avogado, político e terrorista español.[1][2] Foi o fundador do Movemento pola Autodeterminación e Independencia do Arquipélago Canario (MPAIAC). En 1978, sufriu un intento de asasinato en Alxer que a Audiencia Nacional considerou fora encargado por persoas non identificadas «mais si pertencentes aos servizos policiais»,[3] atentado polo cal foi condenado pola Audiencia Nacional o confidente policial José Luis Espinosa Pardo.[4]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Inicios[editar | editar a fonte]

Antonio Cubillo era fillo dunha mestra de escola e viviu durante a súa infancia no barrio de Buen Paso, na localidade de Icod de los Vinos, ao norte da illa de Tenerife.

En 1956 coléxiase como avogado penalista.

Tras conformar o Movemento Autonomista Canario, foi cofundador do movemento Canarias Libre, organización nacionalista vinculada con algúns sectores do PCE nas illas Canarias. A maioría dos membros de Canarias Libre foron detidos, pero Cubillo logrou fuxir e acudiu a reunirse co daquela secretario xeral do PCE, Santiago Carrillo, para debater a creación dun partido comunista nas illas Canarias independente do PCE. Tras o enfrontamento con Carrillo, Cubillo desvinculouse totalmente dos comunistas españois.

Exilio en Alxeria e creación do MPAIAC[editar | editar a fonte]

A bandeira tricolor canaria, cuxa creación se lle atribúe a Cubillo. O seu deseño está baseado na bandeira creada por Canarias Libre.

En 1960 Cubillo parte cara ao exilio; trasládase inicialmente a París e logo a Alxer en 1963, onde obtén unha praza de profesor de Lingua Castelá.[5] Na capital francesa o exespía dos servizos de informacíon do franquismo Luís Manuel González-Mata afirma que o recrutou para o introducir no Goberno republicano no exilio como representante do movemento autonomista canario.[6] Na edición francesa dun libro de González-Mata afírmase: "en realidade este Cubillo actuaba para min sen coñecerme, manipulado por un "officier traitant" dos servizos secretos españois que lle transmitían as miñas ordes e que me daban as súas informacións".[7]

En 1964 funda o Movemento pola Autodeterminación e Independencia do Arquipélago Canario (MPAIAC), organización da que se converte no seu máximo dirixente. Crea tamén a bandeira tricolor con sete estrelas verdes como bandeira da "loita pola independencia e o socialismo para Canarias". O MPAIAC opta estratexicamente por unha liña africanista, recorrendo á exaltación dos antigos aborixes das Canarias. Con iso chegou a conseguir o apoio dun comité de liberación ad hoc da extinta Organización da Unidade Africana dirixido por Alxeria, que nunha reunión secreta declarou as illas como xeograficamente africanas en 1968.[8]

En 1975, o MPAIAC inicia as emisións de radio desde Alxer do programa "La Voz de Canarias Libre", dirixidas ao territorio canario. Para iso contaba coa axuda de Alxeria, que podía así favorecer os seus intereses xeopolíticos na zona aproveitando a crise do Sáhara Occidental.[9][10] A emisora pechou en 1978, tras a visita dunha delegación da Xunta Democrática de España a Alxer e por presións da diplomacia española.

Vinculacións co terrorismo[editar | editar a fonte]

En 1976, o MPAIAC crea as Forzas Armadas Guanches (FAG) e emprende unha serie de actos de terrorismo. Un destes actos consistiu na explosión dunha bomba no Aeroporto de Gando, en 1977, que provocou feridas a unha dependenta, e ameazou con máis explosións.[11] Debido a iso, o Goberno español decidiu desviar todos os voos que ían a Gran Canaria cara ao Aeroporto de Los Rodeos. Ese día produciríase un accidente aéreo neste aeroporto, onde morreron 583 persoas. Este foi o accidente aéreo máis grave da historia da aviación. As súas causas atribuíronse ás malas condicións meteorolóxicas e a un fallo humano; con todo, sen o atentado do MPAIAC, o tráfico aéreo en Los Rodeos non tería sido tan intenso e o accidente non se tería producido.

O 23 de febreiro de 1978, as FAG colocan na Universidade de La Laguna un artefacto explosivo. Durante o intento de desactivación falece un axente dos TEDAX. O artefacto estaba composto por unha caixa de zapatos envolta en plástico e depositada sobre unha fiestra, que contiña no seu interior dous quilos de material explosivo e un sistema de activación por temporizador mecánico.

En abril de 1978 Cubillo será vítima dun intento de asasinato que se lle imputará ás forzas policiais españolas e ao seu entón ministro da Gobernación, Rodolfo Martín Villa, demostrado posteriormente en 1990. Cubillo sobreviviu e quedou cunha discapacidade motora permanente, polo que necesitou de muletas para andar.

Para entón, os gobernos de Marrocos e Mauritania retiráranlle xa o seu apoio e só mantiña os de Alxeria, Libia, Benín, Guinea Ecuatorial, Tanzania e Zambia.[12] Con todo, pretendía o apoio alxerino para se presentar na ONU e explicar o que el consideraba o "problema colonial canario".

Expulsión do MPAIAC e regreso a Canarias[editar | editar a fonte]

En 1979 o MPAIAC abandona a loita armada. Un sector do MPAIAC expulsa a Cubillo aludindo a supostas actitudes "caudillistas".[13]

O 18 de agosto de 1985[14], Antonio Cubillo, xa sen apoios internacionais, regresa a Canarias desde o seu exilio en Alxer, despois de pactar co Goberno de Felipe González o seu regreso. Xura a Constitución española e funda o Congreso Nacional de Canarias (CNC), partido político do que será principal dirixente e cabeza visible.[15] O CNC será un partido minoritario, con só certa presenza salientable na illa de Lanzarote.

Dentro do CNC produciranse tamén disensións pola repartición de 25.000 dólares e posteriores axudas económicas que supostamente foron a contas particulares en Francia, o que terminará con intentos de agresión entre os seus membros.

Tras o fracaso da coalición Canarias pola Independencia (formada polo CNC e o Frepic-Awañak) nas eleccións municipais de 1991, o CNC caerá en picado. Hoxe conserva unha presenza simplemente testemuñal.

Derradeiros anos[editar | editar a fonte]

En 2003 a Audiencia Nacional condenou o Ministerio do Interior a pagar unha indemnización de 150.000 euros a Antonio Cubillo polo atentado que este sufriu en 1978.[3]

Cubillo continuou exercendo como avogado. É autor de varios libros sobre lingüística guanche, entre eles Nuevo análisis de algunhas palabras guanches. Tamén ten editados dous volumes das súas memorias titulados Trópico gris e Semimemorias.

En 2007 volveu á actualidade, ao publicar un anteproxecto de Constitución da República Federal Canaria no diario tinerfeño El Día, no que, entre outras cousas, propugna que o bérber ou tamazight sería idioma oficial xunto co castelán, o árabe e o francés, o cal se ensinaría nas universidades por decreto; o servizo militar sería obrigatorio a partir dos 17 anos, tanto para homes como para mulleres, e crearíanse as forzas regulares de defensa, as Forzas Armadas Guanches. A moeda desta república federal chamaríase "áfrico". 

En 2012, pouco antes da súa morte, anunciou a súa intención de sabotar a volta ciclista a España, como xa fixera en 1988.[16]

Faleceu na madrugada do 10 de decembro de 2012, aos 82 anos, na súa casa de Santa Cruz de Tenerife.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Muere Antonio Cubillo, líder independentista de Canarias". Público. 10 de decembro de 2012. (En castelán)
  2. Sagastume, Bernardo. "El Cabildo de Lanzarote iza la bandera separatista canaria de Antonio Cubillo". En ABC Canarias. 21 de outubro de 2015. (En castelán)
  3. 3,0 3,1 "Interior indemnizará con 150.253 euros a Antonio Cubillo por asesinato frustrado". En ABC, 22 de outubro de 2003. (En castelán)
  4. «Antonio Cubillo, protagonista del independentismo canario», El País, 10 de decembro de 2012.
  5. Cola Alberich, Julio. "Las Islas Canarias y los acuerdos de la OUA". En Revista de Política Internacional. Nº 156. Marzo-abril 1978. (En castelán)
  6. Luis M. González-Mata. Cisne. Librería Editorial Argos, 1977. Páxinas 185 e 186. (En castelán)
  7. Luis M. González-Mata. Cigne. Bernard Grasset, 1976. Páxina 185. (En francés)
  8. De la Torre, Servando. "Algunos aspectos del Comité de Liberación de la OUA". Centro de Estudios Políticos y Constitucionales. 1980. (En castelán)
  9. Algueró Cuervo, José Ignacio. El Conflicto del Sahara Occidental, desde una perspectiva canaria. Viceconsejería de Acción Exterior y Relaciones Institucionales. Goberno de Canarias. Tenerife, 2003. Páxinas 301 e seguintes. [ISBN 978-84-609-0431-1] (En castelán)
  10. Vidal Guardiola, Lorenzo M. Ifni, la prensa y la guerra que nunca existió. Almena. Madrid, 2006. [ISBN 978-84-96170-28-5] (En castelán)
  11. Martín Alarcón, J. "Terrorismo. Los años de plomo. Todo un país sumido en la violencia". En El camino de la libertad (1978-2008). La democracia año a año. Tomo I. 1978. Los españoles consiguen poner en pie la Democracia. Madrid. Unidad Editorial. 2008. Páxina. 208. [ISBN 978-84-92540-01-3]
  12. Cola Alberich (1978). Páxinas 45 e seguintes. (En castelán)
  13. "Antonio Cubillo, expulsado del MPAIAC". En El País. 30 de agosto de 1979. (En castelán)
  14. "Cubillos regresó a Canarias tras veintitrés años en Argelia". En ABC. 19 de agosto de 1985. (En castelán)
  15. Pomares, Francisco. "El asesor que vino de Argel". En La Provincia. 11 de febreiro de 2008. (En castelán)
  16. García, Carlos. "Un líder nacionalista canario afirma que saboteará el paso de la Vuelta". Levante-El Mercantil Valenciano. 31 de xaneiro de 2012. (En castelán)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]