ANC ten como obxectivo a independencia das Illas Canarias e a construción dunha orde económica e social que consideran máis xusta e equitativa, baseada na teoría socialista. Tamén apostan pola sostibilidade ambiental, as enerxías renovables, o feminismo e a ampliación dos dereitos sociais e individuais.[1]
O partido formouse en 2006 por militantes de Alternativa Popular Canaria contrarios á súa integración en Alternativa Sí Se Puede. Comezaron presentando candidaturas para as eleccións autonómicas, insulares e municipais de 2007. Nas autonómicas e insulares lograron 2.500 votos, mentres que nas municipais conseguiron só 1.100 votos, presentándose en moitos sitios con agrupacións locais, e fixéronse con catro concelleiras. En 2008 obtiveron apenas un milleiro votos nas eleccións xerais.[2]
En 2011, en cambio, o partido experimentou un certo crecemento. Nas eleccións autonómicas do mesmo ano superaron os 6.400 votos en todo o arquipélago, e tamén rozaron os 7.000 votos nas eleccións a cabidos, presentándose en case todas as illas. Tamén melloraron os resultados nas municipais, subindo a 5.000 votos, pero sen lograr concelleiro ningún. Nas eleccións xerais quedaron en 3.100 votos, tamén duplicando os seus resultados.
Alternativa Nacionalista Canaria non se presentou ás eleccións xerais de España de 2015, recomendando aos seus votantes que fosen votar pero suxerindo que votasen grupos afíns á ideoloxía do partido.
ANC organízase nunha asemblea nacional, que é o máximo órgano de dirección do partido. Subordinados a este atópase a executiva nacional, órgano de traballo permanente encargado de áreas concretas, as asembleas insulares e os comités locais.