Monte Porreiro, Mourente, Pontevedra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Monte Porreiro

Entrada a Monte Porreiro
ParroquiaMourente
ConcelloPontevedra
Coordenadas42°26′47″N 8°37′25″O / 42.44638889, -8.62361111Coordenadas: 42°26′47″N 8°37′25″O / 42.44638889, -8.62361111
Poboación8.000 hab. (2022)
editar datos en Wikidata ]


Monte Porreiro é un lugar da parroquia de Mourente e un barrio residencial da cidade de Pontevedra. É a sede da Universidade Nacional de Educación a Distancia na provincia de Pontevedra. O barrio conta cun centro de saúde, un colexio e un instituto e unha igrexa parroquial desde finais do século XX, sendo o seu patrón o Bo Pastor. Tamén hai zonas verdes, entre as que destaca o Parque do Miradoiro.

Localización[editar | editar a fonte]

Monte Porreiro é un barrio situado no nordés da cidade. Limita ao norte e ao oeste co río Lérez, ao leste co lugar de Mourente e ao sur co barrio da Seca.

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O nome de Monte Porreiro ten a súa orixe nas pendentes do terreo do lugar. Porreiro ven de porro-porrera que significa costas abundantes e o nome do barrio de Monte Porreiro refírese a un "monte con costas abundantes".[1]

Historia[editar | editar a fonte]

A principios do século XX, en 1900, Casimiro Gómez, un adiñeirado terratenente, comprou en Monte Porreiro unha propiedade de 70 hectáreas, antiga leira de San Antonio Abad, á que chamou Villa Buenos Aires.[2] Chamouna así pola súa estreita relación coa Arxentina, onde fixera fortuna.[3] Converteuna nunha fermosa e rica explotación agropecuaria onde pasaba as súas vacacións. Cultivaba viñedos e froiteiras, reservando unha grande extensión de terreo para a cría de gando. Os produtos da leira recibiron importantes premios nas diferentes exposicións ás que concorreron.

Para rendibilizar ao máximo a riqueza dos mananciais mineromedicinais do contorno da leira, levou a cabo un proxecto de creación dun balneario.[4] A alta sociedade pontevedresa de principios do século XX asistiu á inauguración das Termas do Lérez o 22 de agosto de 1906.[5] O establecemento hostaleiro e termal creado en 1906 por Casimiro Gómez foi punto de encontro de influentes políticos, aristócratas e membros da realeza da época, que aproveitaban as augas medicinais (augas dos mananciais de Monte Porreiro e Aceñas) e os camiños que rodeaban esta leira hoxe desaparecida. Casimiro Gómez comercializaba as augas minerais baixo a marca Augas Lérez en botellas para consumo doméstico que se vendían en países como Estados Unidos, Inglaterra, Exipto, India e Australia. En 1907, a marca recibiu varios premios e o propio rei Afonso XIII felicitou a Casimiro Gómez pola súa gran calidade. Ese mesmo ano concedéuselle o título de provedor da Casa Real española.[6] A infanta Elena, que visitou o balneario en 1914, o marqués de Riestra, Eugenio Montero Ríos, Cobián Roffignac e o ministro José Canalejas, entre outros, foron visitantes ilustres do balneario.[7]

Vista parcial do barrio desde o parque do Miradoiro.

Cando estalou a primeira guerra mundial, Casimiro Gómez regresou a Arxentina para converterse en provedor dos países participantes na Gran Guerra. Regresou a Monte Porreiro ao termo da primeira guerra mundial, pero a moda dos balnearios pasara e a actividade da leira reorientouse cara a unha granxa experimental.[8] Na súa propiedade construíu un dos primeiros campos de tenis de Galicia.[9]

O barrio de Monte Porreiro foi desenvolvido con base nun Plano Parcial derivado do Plano Xeral de 1968, no cal a antiga gran propiedade Buenos Aires foi incluída como solo de reserva residencial. En 1969 presentouse unha maqueta do que entón se denominaba a xigantesca urbanización de Monte Porreiro, na que se proxectaban máis de 2.000 vivendas de distintos tipos nunha superficie de 68 hectáreas. Na década de 1970 comezou a ordenación e o desenvolvemento urbanístico de Monte Porreiro, coa construción de varios chalés na rúa Reino Unido, ós que seguiron modernas torres ladeira arriba .[10]

En 1973 inaugurouse en Pontevedra a sede do Centro Rexional da Universidade Nacional de Educación a Distancia, que en 1987 trasladouse ao barrio.[11]

En 20 anos os campos de cultivos e pastos convertéronse nun barrio dormitorio moi preto do núcleo urbano, construíndose unha gran parte dos edificios do barrio nos anos 80. En novembro de 1988 inaugurouse no barrio o IES Luís Seoane.[12]

En novembro de 1995, publicouse o anuncio para a construción do centro de saúde de Monte Porreiro, inaugurado en 1997.[13]

A igrexa parroquial católica do Bo Pastor inaugurouna Julián Barrio, arcebispo de Santiago de Compostela, o 9 de outubro de 2010. A súa planta ten forma de cuncha de vieira.[14]

En 2011 inaugurouse a nova ponte sobre o río Lérez, a ponte da Palabra, que une o barrio coa parroquia de Lérez e o mosteiro de San Salvador de Lérez.[15]

Desde 2020, o parque da praza de Europa conta cunha tirolesa de 20 metros de lonxitude.[16] En maio de 2020 o concello de Pontevedra creou un Metrominuto para o barrio.[17]

Plano de Monte Porreiro

Urbanismo[editar | editar a fonte]

Monte Porreiro é un barrio da periferia de Pontevedra, situado ao nordés do centro da cidade. Esténdese ao longo do río Lérez. As rúas do barrio levan nomes de países europeos: Francia, Suecia, Dinamarca, Países Baixos, Reino Unido, Portugal, Luxemburgo, Irlanda, Alemaña, Bélxica e Grecia. A praza central é a praza de Europa.

Ao oeste do barrio atópase o Parque do Miradoiro e ao leste o Parque da UNED, que formaban parte da vila "Buenos Aires", cuxo propietario era Casimiro Gómez.[18]

Moi preto do barrio, río abaixo, atópase a praia do Lérez.

Instalacións[editar | editar a fonte]

A sede do Centro Asociado da UNED de Pontevedra (creado en 1973) atópase no barrio desde 1987. Entre os centros educativos destacan o IES Luís Seoane, o Colexio Marcos Portela, a Escola Infantil Fina Casalderrey e a Gardería A Galiña Azul.

Tamén hai un centro de saúde e unha igrexa parroquial, e as instalacións deportivas inclúen un campo de fútbol e rugby.

Preto do barrio atópase o apeadoiro de Pontevedra-Universidade.

Festividades e actos culturais[editar | editar a fonte]

As festas do barrio teñen lugar todos os anos ao redor dos días 4 e 5 de maio e dedícanse ao santo patrón de Monte Porreiro, o Bo Pastor.[19][20][21]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Mateo Sanz 2020, p. 12
  2. "El pasado olvidado de Monte Porreiro". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de xullo de 2021. 
  3. "La Granja de Casimiro Gómez". Diario de Pontevedra (en castelán). 8 de xuño de 2016. 
  4. "La aventura termal de Casimiro Gómez". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de febreiro de 2010. 
  5. "Siglo y medio de turismo termal". Diario de Pontevedra (en castelán). 22 de setembro de 2022. 
  6. "La imparable decadencia del balneario pontevedrés que llegó a servir agua a la Casa Real". Pontevedra Viva (en castelán). 19 de febreiro de 2022. 
  7. "Así eran las botellas de agua mineral-medicinal del Balneario del Lérez". Pontevedra Viva (en castelán). 4 de abril de 2021. 
  8. "El Concello se hace cargo de los jardines de la Uned para su apertura al público". Faro (en castelán). 23 de outubro de 2021. 
  9. "Un fastuoso complejo del que un siglo después solo sobrevive parte del templete". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de xaneiro de 2010. 
  10. "La época de mayor auge urbanístico de la ciudad fueron los años 80". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de xuño de 2017. 
  11. "UNED Pontevedra 45 años de historia" (PDF). UNED (en castelán). 2 de outubro de 2018. 
  12. "Inauguración del nuevo Instituto de Monte Porreiro". La Voz de Galicia (en castelán). 3 de novembro de 2017. 
  13. "RESOLUCIÓN de 15 de noviembre de 1995, de la Dirección General de Recursos Económicos, por la que se anuncia contratación, por el sistema de concurso público y procedimiento abierto, de la obra de construcción de un centro de salud en Monteporreiro (Pontevedra).". Diario Oficial de Galicia (en castelán). 29 de novembro de 1995. 
  14. "Monte Porreiro estrena iglesia después de veinte años de espera" (en castelán). 9 de outubro de 2010. 
  15. "El puente de Monte Porreiro supera la prueba de carga de 400 toneladas" (en castelán). 24 de decembro de 2012. 
  16. "Monte Porreiro contará con una tirolina de 20 metros de largo" (en castelán). 2 de xaneiro de 2020. 
  17. "El barrio de Monte Porreiro estrena su propio Metrominuto" (en castelán). 30 de maio de 2020. 
  18. "El Concello se hace cargo de los jardines de la Uned para su apertura al público". Faro (en castelán). 23 de outubro de 2021. 
  19. "Fiestas del Buen Pastor". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de maio de 2007. 
  20. "Monte Porreiro rescata sus fiestas patronales tras un parón de siete años". Diario de Pontevedra (en castelán). 29 de abril de 2019. 
  21. "Monte Porreiro recupera sus fiestas tras dos años de pandemia". Diario de Pontevedra (en castelán). 30 de abril de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Lugares e parroquias[editar | editar a fonte]

Lugares de Mourente[editar | editar a fonte]

Lugares da parroquia de Mourente no concello de Pontevedra

Areás | A Bouza | Os Campos | Carabelos | Casas Novas | Condesa | Cons | Eirós | Freixeiro | A Laxe | Moldes | Monte Porreiro | O Monte | Mourente | O Outeiro | O Pazo | A Raxeira | San Amaro | Santa Margarida | Vilaverde

Parroquias de Pontevedra[editar | editar a fonte]

Galicia | Provincia de Pontevedra | Parroquias de Pontevedra

Alba (Santa María) | Bora (Santa Mariña) | Campañó (San Pedro) | A Canicouva (Santo Estevo) | Cerponzóns (San Vicente) | Lérez (San Salvador) | Lourizán (Santo André) | Marcón (San Miguel) | Mourente (Santa María) | Ponte Sampaio (Santa María) | Pontevedra | Salcedo (San Martiño) | San Xosé (San Xosé) | Santa María de Xeve (Santa María) | Tomeza (San Pedro) | Verducido (San Martiño) | A Virxe do Camiño de Pontevedra | Xeve (Santo André)