Glorieta de Compostela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°25′46″N 8°38′35″O / 42.429361111111, -8.643

Glorieta de Compostela
Glorieta de Compostela
Tipoloxíapraza
Dimensións
Lonxitude35 m
Largura40 m
Área1 000 m2
Localización
LocalidadePontevedra
Código postal36001
Construción
Comezoséculo XIX
Inauguración2002 (reforma)

A Glorieta de Compostela é unha praza situada na cidade de Pontevedra, no centro da cidade, no Ensanche.

Orixe do nome[editar | editar a fonte]

A praza recibiu o seu actual nome en 1950 en homenaxe ao Camiño de Santiago Portugués, que transcorre por ela.[1][2] A glorieta é coñecida de modo popular polos pontevedreses como Praza dos Nenos.[3]

Historia[editar | editar a fonte]

Este transitado espazo constituíu desde antigo un lugar de paso xa que nel localizábase o trazado da antiga vía romana XIX do itinerario de Antonino. Posteriormente, na Idade Media pasou a ser un punto do traxecto do Camiño Portugués, testemuña desde entón das peregrinacións xacobeas. Desde o século XIV esta área extra muros estivo delimitada no seu lado leste, no lugar que hoxe ocupa o tramo final da rúa Frei Xoán de Navarrete, pola antiga capela da nosa Señora do Camiño ou da Virxe do Camiño, reformada en varias ocasións ao longo dos séculos ata a súa demolición e desaparición.[4]

A principios do século XIX durante a ocupación francesa na cidade a capela da nosa Señora do Camiño foi arrasada polo lume e polo roubo de gran parte do seu patrimonio.[4] En 1856, segundo o plano de Pontevedra do Tenente Coronel de Enxeñeiros Francisco Coello de Portugal y Quesada este lugar no que se atopa a praza actualmente estaba configurado como unha praza semicircular pechada e xa dispoñía de construcións ao redor. Esta forma semicircular irregular coa capela no seu lado leste tamén quedou plasmada no plano do Instituto Xeográfico e Estatístico español de 1910.

En maio de 1936 a derriba da capela da nosa Señora do Camiño polo concello de Pontevedra, polo seu estado de ruína e porque interceptaba o tránsito nunha vía pública de grande importancia, facilitou o posterior desenvolvemento urbanístico do lugar xunto ao que se atopaba.[4][5] A praza que se configurara neste cruzamento de camiños foi atravesada na posguerra pola estrada N-550, incrementándose progresivamente a afluencia de tráfico, situándose no seu centro un farol de catro brazos como elemento distintivo, acollendo unha parada de taxis e deixando un pequeno espazo semicircular libre de coches no seu lado oeste que foi utilizado como aparcadoiro desde os anos 1960 e no que se instalou posteriormente unha das fontes de fundición de deseño francés de 1887 presentes na cidade, encargadas polo arquitecto Alejandro Sesmero.[2] Este pequeno espazo semicircular estaba separado nos anos 1980 da circulación rodada por unha balaustrada metálica de escasa altura que rodeaba unha pequena zona verde con vexetación e foi utilizado como terraza dunha cafetería próxima.

O Cinema Gónviz, un dos máis céntricos da cidade e punto de afluencia de moitos pontevedreses, inaugurouse en 1973 no edificio máis alto da praza, de 13 andares, e permaneceu aberto ata 2001.[6][2]

A finais de 2001 empezou unha profunda reforma da praza, deseñada polo arquitecto Jesús Fole Osorio, tras a cal a Glorieta de Compostela converteuse nun espazo case integramente peonil.[7] Instalouse unha fonte no seu centro dominando a praza e a inauguración da remodelación produciuse o 9 de agosto de 2002.[8] En 2019 dotouse á fonte dun sistema de iluminación multicolor.[9][10]

Desde a súa reforma a Glorieta de Compostela converteuse nun punto de encontro dos pontevedreses.[2]

Descrición[editar | editar a fonte]

A praza atópase en pleno centro urbano e comercial de Pontevedra e nela conflúen as rúas Peregrina, que a atravesa de noroeste a sueste e Frei Xoán de Naverrete.[11]

É unha praza semicircular e semipeonil, circundada no seu lado leste por un pequeno carril de circulación que canaliza o restrinxido tráfico das rúas Peregrina e Frei Xoán de Navarrete e está rodeada de edificios de distintos estilos, os máis antigos de 1928 e 1950 e outros máis modernos dos anos 1970 a 1990. O elemento máis destacado da praza é a fonte denominada Fonte dos Nenos situada no seu centro, que está rodeada no seu lado sur por un banco corrido semicircular.[2] A iluminación pública de todo o espazo realízase por medio de dúas columnas de iluminación con proxectores.[12]

A Fonte dos Nenos é unha fonte plana con vinte metros de diámetro e setenta bocas de auga, as centrais dispostas en columna de potentes chorros e as de ao redor en nebulización, alternadas con puntos de luz. Un sensor rebaixa automaticamente a forza e altura da auga para evitar molladuras aos transeúntes. O centro da fonte está empedrado e o seu perímetro de granito negro leva a inscrición da canción popular galega "Pontevedra é boa vila, dá de beber a quen pasa. 2002".[8] Un elemento destacado da fonte é o grupo escultórico de pedra que está na súa beira formado por tres figuras, dúas nenas e un neno, que pon de relevo tres surtidores de auga dos que bebe. As figuras son obra de Sebastián Casalderrey e Manuel Collazo Torres.[13] A figura da nena sentada foi instalada con posterioridade á inauguración do conxunto, o 22 de outubro de 2002.[14] O grupo escultórico é a representación de dúas nenas esperando mentres xogan a que un neno termine de beber na fonte para beber elas, unha sentada e a outra de pé cun aro metálico debaixo do brazo.[15]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Juega Puig 2000, p. 71.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "La fuente de los niños y de los mayores". La Voz de Galicia (en castelán). 14 de xaneiro de 2024. 
  3. "Calles con tantos nombres como vidas". Diario de Pontevedra (en castelán). 19 de febreiro de 2012. 
  4. 4,0 4,1 4,2 "La leprosería del Gafos". Diario de Pontevedra (en castelán). 8 de xuño de 2015. 
  5. "El derribo de la capilla de la Virgen del Camino". Faro (en castelán). 11 de setembro de 2016. 
  6. "Cuando la oscuridad era un paraíso". Diario de Pontevedra (en castelán). 4 de decembro de 2022. 
  7. "La adjudicataria de la fuente de la glorieta de Compostela renuncia a la obra". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de marzo de 2002. 
  8. 8,0 8,1 "Otra fuente para la Boa Vila". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de xullo de 2022. 
  9. "La fuente de los niños va a ser multicolor". Cadena SER (en castelán). 11 de marzo de 2019. 
  10. "Luces de colores para la fuente "de los niños"". Pontevedra Viva (en castelán). 11 de marzo de 2019. 
  11. "El Concello estudia ampliar la peatonalización desde Daniel de la Sota hasta la Glorieta de Compostela". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de maio de 2001. 
  12. "Deciden acondicionar la glorieta de Eduardo Pondal tras 7 años con la rotonda de plástico". 29 de marzo de 2007. 
  13. "Esculturas en lista de espera". La Voz de Galicia (en castelán). 9 de febreiro de 2006. 
  14. "Una nueva figura para la glorieta de Compostela". La Voz de Galicia (en castelán). 29 de outubro de 2016. 
  15. "Destrozan el conjunto escultórico de la Fuente de los Niños de la Boa Vila". Diario de Pontevedra (en castelán). 22 de agosto de 2022. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Juega Puig, Juan (2000). As rúas de Pontevedra. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. p. 71. ISBN 84-8457-044-4. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]