Muralla de Pontevedra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Pano da muralla medieval de Pontevedra coas súas ameas.

A muralla de Pontevedra foi unha fortificación da cidade de Pontevedra, que desapareceu na súa maior parte cara a finais do século XIX, aínda que no século XXI consérvanse algúns restos, sendo o maior o pano con ameas na rúa Arcebispo Malvar. Este pano completo ten aproximadamente 40 metros de lonxitude e pódese acceder a el desde os xardíns dos dous edificios do lado oeste da avenida de Santa María.

Existen, así mesmo, algunhas partes que forman parte de edificacións posteriores e que saíron á luz no decurso de traballos de rehabilitación dos inmobles, como o pano á beira da antiga porta de Trabancas, incorporado na rehabilitación do café Savoy.[1]

Orixe[editar | editar a fonte]

A primeira muralla da cidade foi construída no século XII. A construción da muralla definitiva de Pontevedra iniciouse no século XIII coa finalidade de servir de fortificación defensiva da cidade. A súa construción prolongouse durante o século XIV para se rematar finalmente no século XV. Non cambiou a súa forma e fisionomía até a súa demolición, catro séculos despois. Segundo o historiador Juega Puig a muralla de Pontevedra sufriu tres ampliacións, a primeira entre os anos 1300 e 1325 e a última efectuada nos anos 1450-1480.

Vestixios da muralla á beira da Basílica de Santa María A Maior

O primeiro recinto amurallado acollería os arredores da parroquia de Santa María. A segunda formulación da muralla daríase coa súa primeira ampliación, que podería ter que ver cunha xeneralizada fase de crecemento dos núcleos urbanos ligados ao mundo pesqueiro, xa que, a Pontevedra concedéuselle en 1229 o privilexio de secar pescadas e vendelas por mar e terra en todo o reino e fóra del e tamén en 1238 outorgóuselle á cidade a exclusividade da fabricación de aceite de peixe. Xurdirá unha nova parroquia, a de San Bertomeu, acollendo máis poboación e incrementando o territorio amurallado, transformándose o trazado inicial en forma de améndoa nunha planta case circular.

A segunda ampliación darase entre os anos 1300 e 1325. A cidade crecía, e esa puxanza levaba consigo, entre outras situacións, o asentamento de ordes relixiosas que fundaron os conventos de San Domingos, San Francisco e Santa Clara, e que aínda que estaban situadas extramuros, respondían o aumento de ánimas ás que espallar a fe.

A terceira ampliación darase a mediados do século XV, crecemento que xa englobaría o Convento de San Francisco e que respondería, a tres causas, a belicosidade do momento, que expuña maiores reforzos defensivos; o crecemento económico e de poboación, e a necesidade de novos espazos ante a concesión da Feira Franca por Henrique IV de Castela.

Características[editar | editar a fonte]

O recinto amurallado organizábase ao redor de dúas lombas, cuíñas ou castrelos: os ocupados pola Basílica de Santa María A Maior no oeste da cidade antiga e polo convento de San Francisco no leste. A muralla de cachotaría tiña unha altura de 7 metros e estaba rematada por unha fileira de ameas e un camiño de rolda ou adarve en todo o seu percorrido. Este adarve tiña dous metros de largo. A muralla estaba balizada por numerosas torres e defensas e o seu perímetro alcanzaba os 2.170 metros de lonxitude. A torre probabelmente máis coñecida fose a Torre da Bastida, situada no soar que ocupa hoxe o edificio decimonónico da Casa do Concello.[2] Na parte exterior atopábase un foso.

Portas[editar | editar a fonte]

Restos da muralla no norte da cidade vella, integrados no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.

A muralla tiña 4 grandes portas e 7 poxigos xunto as portas. As catro portas principais da cidade foron:

  • Porta de Santa María: Situábase á beira da Basílica de Santa María.
  • Porta de San Domingos: Estaba moi preto do convento dos dominicos, no século XXI, ruínas de San Domingos. Comunicaba co barrio de pescadores da Moureira.
  • Porta de Trabancas: Unía a praza da Ferrería coa praza da Peregrina.
  • Porta de Rocheforte: Abríase á rúa de Santa Clara na que se atopa o convento gótico das clarisas. Comunicaba co camiño de Castela.

A estas engadiríanse outras dúas portas (a porta Galera e porta do Ribeiro), a da ponte, á beira da ponte do Burgo e a do Barón, preto do actual parador de Turismo.

Este complexo defensivo completábase con torres fortificadas ao longo do seu perímetro. Estas eran:

  • As Torres Arcebispais. Estaban achegadas á Basílica de Santa María A Maior.
  • A Torre do Ouro. Na parte norte da muralla, na confluencia do que hoxe son as rúas Serra e Padre Amoedo. O seu nome deriva do feito de que ao parecer estaba feita á semellanza da Torre do Ouro de Sevilla.
  • A Torre Bastida. Unha torre defensiva que estaba no soar da actual casa consistorial de Pontevedra.
  • Dúas torres máis entre as portas de Trabancas e Rocheforte.
  • Outras dúas torres máis na beira do río Lérez.

Recréase a reconstrución das portas principais da muralla de Pontevedra durante a Feira Franca, festa medieval que se celebra todos os anos na primeira fin de semana de setembro e que conmemora a venda libre de impostos durante unha Feira Franca outorgada á cidade polo rei Henrique IV no século XV.

Influencia no urbanismo[editar | editar a fonte]

Tras a construción da muralla, o tecido urbano fica cinguido dentro da estrema da mesma, o cal marca o tamaño dos edificios e mesmo a súa altura, xa que os de máis de tres andares víanse como unha ameaza para o sistema defensivo. As principais portas da Muralla de Pontevedra marcan os eixos de comunicación da cidade cos catro puntos cardinais.

Funcións da muralla[editar | editar a fonte]

Placa que lembra o lugar no que estivo a Porta de Trabancas, pola que entraba o Camiño de Santiago Portugués na cidade amurallada.

As funcións da muralla eran diversas: protección fronte aos inimigos, pero tamén fronte ás epidemias non permitindo traspasar as portas aos infectados. Tamén posuía unha función moral, como a de dispor que as mulleres de partido exercesen a súa actividade fose do recinto intramuros: en Pontevedra localizábase no soar que, andando o tempo, empregarase para levantar o santuario da Peregrina.

Con todo, a función máis importante da muralla era a de protexer o tránsito de mercadorías, base da fiscalidade: os dous produtos básicos da economía pontevedresa, o viño do Ribeiro de Avia e a sardiña outoniza apañada polos cercos, debía suxeitarse a uns itinerarios inamovíbeis.

En Pontevedra o viño só podía introducirse pola porta de Santa Clara, que ligaba co Camiño Vella de Castela, por onde introducían os arrieros ao lombo das mulas e en pelellos adubados os caldos de Avia; a porta de Trabancas, que abría a praza da Ferrería ao camiño de Santiago Portugués, comunicaba cos viñedos do Baixo Miño; aproveitando as facilidades que ofrecía a Depresión Galega, os seus transportistas empregaban carros de dous bois e outras tantas rodas, que transportaba cada un unha pipa de viño.

Os tratantes de peixe tamén tiñan sinaladas estas dúas portas e a porta do Ribeiro a da Ponte do Burgo; eran arrieiros que transportaban na viaxe de retorno cargas de peixe curado ao interior do país, envasado en banastras ou canastras, nunca pipas ou botas. Este medio de control sobre o tránsito por terra dos dous principais produtos comerciais posuía a efectividade de abondo para que os arrendadores das rendas reais, en 1594, demandasen ao concello que mantivese vixente este antigo costume.[3]

Vestixios diante do Campiño de Santa María coas súas casas medievais.

Deterioración e abandono[editar | editar a fonte]

Coa diminución das amenzas de ataques á cidade a muralla vai perdendo a súa función e utilidade, o que contribúe en gran medida a que vaia sufrindo un abandono progresivo. Co transcurso do tempo e os avances militares, a muralla ficou anticuada e pouco útil para a defensa da cidade. O ataque inglés de Homobod en 1719 contribuíu en gran medida á súa degradación.

Desaparición da muralla[editar | editar a fonte]

A mediados do século XIX e por mor das circunstancias anteriormente citadas, por acordo do concello decídese o seu derrubamento para permitir a expansión da cidade e seguir o exemplo doutras cidades europeas, xa que a muralla considerábase como algo anacrónico e as novas tendencias de demolición de murallas medievais daban un ar de modernidade ás novas tendencias da concepción do urbanismo. As tarefas de demolición efectuáronse entre os anos 1848 e 1886. O abatemento da muralla empezou pola porta de Trabancas (paso entre a praza da Peregrina e da Ferrería), seguida pola porta de Santa María en 1852 e pola porta Galera. Posteriormente desmantelouse a porta de San Domingos en 1854, que se vendeu á Facenda Pública e colocouse na portada do Antigo convento de San Francisco.[4] Tamén se demoleu a Torre Bastida, a Torre do Ouro e as fortificaciones da ponte do Burgo, así como as Torres Arcebispais, que estaban en ruínas desde o ataque inglés de Homobod en 1719 e que foron finalmente derrubadas en 1873.

Da muralla só salvouse pois, e en parte, a porta de San Domingos que foi trasladada ao desamortizado convento de San Francisco, servindo de portada á súa entrada principal.

No século XXI só atopamos unhas pequenas mostras do que foron estes muros de defensa no seu tempo: un pano ameado na rúa Arcebispo Malvar e diversos restos arqueolóxicos e vestixios no seu antigo perímetro, como diante da Basílica de Santa María a Maior ou na rúa da Serra integrada no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.

Actuacións[editar | editar a fonte]

Restos da muralla moi preto da antiga Porta de Santa María

No século XXI durante diversas obras de reforma urbana na cidade antiga localizáronse durante as escavacións diversos restos da muralla medieval de Pontevedra. Estes foron estudados, catalogados, e conservados e restaurados na maioría dos casos para pasar a integrar o patrimonio arquitectónico da cidade. Os máis importantes localízanse na rúa do Arcebispo Malvar diante do campiño de Santa María; procedeuse a integralos na paisaxe urbana facendo un paseo ao redor e zonas de céspede. Así mesmo integráronse no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra, podéndose ver desde o exterior, restos da muralla xa en na parte norte da cidade, moi preto do río Lérez. Outros restos aparecidos integran distintas construcións do perímetro do casco antigo e tamén foron restaurados e poden ser vistos no caso de edificacións cun uso público como o pano no Café Savoy e a casa modernista que pertenceu á confraría da Peregrina.[5] Tamén na rúa Michelena 20, o restaurante tapería A Muralla, conservou integrado no soto outro pano da muralla medieval, convertida nun reclamo e un elemento máis da decoración interior.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "El Savoy llevará integrada y a la vista la muralla medieval". La Voz de Galicia. Consultado o 7 de febreiro de 2011. 
  2. Messia de la Cerda y Pita, Luis F. (1989). Heráldica, escudos de armas labrados en piedra existentes en la zona de Pontevedra (Primera ed.). Pontevedra: Deputación de Pontevedra. ISBN 848684522X. 
  3. "Las murallas, sus diversas funciones". Faro. Consultado o 5 de novembro de 2012. 
  4. Fontoira Surís, Rafael (2009). Pontevedra monumental (Primera ed.). Pontevedra: Deputación de Pontevedra. p. 387. ISBN 978-84-8457-327-2. 
  5. "Descubren una muralla medieval en Pontevedra". El País. Consultado o 14 de novembro de 2008. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Carballo Arceo, Xulio (xullo de 2006). Arqueoloxía de Galicia. Itinerarios polo pasado. Nigratrea. ISBN 84-95364-40-9. 
  • Fortes Bouzán, Xosé (1993). Historia de la ciudad de Pontevedra (1ª edición). A Coruña: Gaesa. 
  • García Sainz, Eduardo (2005). Unha ollada á muralla medieval de Pontevedra (1ª edición). Gallaecia, nº24. 
  • Messia da Porca e Pita, Luís F. (189). Heráldica, escudos de armas labradas en pedra existentes na zona de Pontevedra (1ª edición). Pontevedra: Deputación de Pontevedra.