Praza do Peirao

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°26′05″N 8°38′45″O / 42.434833333333, -8.6457777777778

Praza do Peirao
Praza coa fonte de 1876 no centro
Tipoloxíapraza
Dimensións
Lonxitude40 m
Largura30 m
Área1000 m2
Localización
LocalidadePontevedra
Código postal36002
Construción
Comezoséculo XV

A Praza do Peirao é unha praza de orixe medieval situada no límite norte do centro histórico da cidade de Pontevedra, moi preto da ponte do Burgo e do antigo barrio portuario da Moureira de Arriba.[1]

Orixe do nome[editar | editar a fonte]

A praza debe o seu nome á súa localización no espazo que ocupaba hai cinco séculos un dos peiraos máis importantes da cidade[2] antes dos sucesivos recheos, cando o mar chegaba aínda a este lugar no cabo do río Lérez.[3]

Historia[editar | editar a fonte]

O espazo que ocupa a praza era o centro da actividade portuaria da cidade nos séculos XV e XVI[4] e era coñecido como Prancha. O nome derivaba do feito de que unha prancha suxeitada por piares de madeira chegaba ata o peirao e servía para o desembarco das embarcacións. Este lugar tiña a condición de beira urbana como espazo inmediato e exterior do burgo cando a cidade era o principal porto de Galicia. Algún dos seus primeiros cerrumes terminaban na antiga rúa dos Cans.[5] No século XVI localizábase no oeste da praza un alfolí onde se almacenaba o sal para utilizar na salgadura do peixe descargado no porto.[6] Tamén nesta época existía un postigo da muralla medieval no entroncamento da actual praza de Valentín García Escudero coa rúa Arcebispo Malvar e a praza do Peirao que nas inmediacións do Lérez servía como vía de ligazón entre a cidade medieval e os peiraos da época.[7] As murallas estendíanse ata o río, protexendo os peiraos.

No século XIX aínda existían peiraos e espigóns portuarios neste lugar.[8] En 1848 á praza chamada da Prancha, chegaban aínda barcos para cargar e descargar e nela achábanse aínda tamén os alfolís do sal nos que entraban e saían cargamentos de sal que se consumían en Pontevedra e as súas inmediacións e na provincia de Ourense.[9] En 1856 a praza tiña aínda unha forma irregular e era denominada praza da Prancha ou do Peirao.

En 1876, o arquitecto municipal Alejandro Sesmero realizou unha proposta para executar "Melloras no ornato e aliñacións da Praza do Peirao e situación dunha nova Fonte". Con estas melloras a praza quedou presidida por unha fonte neoclásica de pedra coroada en 1950 pola estatua da deusa romana Fama da antiga fonte da praza da Ferrería.[10][11]

En 1931 engadíuselle un piso a outro xa existente ao actual Edificio do Colexio Oficial de Aparelladores e Arquitectos Técnicos de Pontevedra no sur da praza,[12] pero non foi ata mediados dos anos 50 do século XX cando, segundo o proxecto do arquitecto Juan Argenti Navajas, engadíuselle un andar máis cun faiado baixo a cuberta, que configurou a súa estrutura actual.

En 1993 instalouse na praza un monólito de pedra cunha inscrición lembrando que nos peiraos de Pontevedra se construíu a carabela Santa María.[13]

Descrición[editar | editar a fonte]

É unha praza con forma rectangular moi irregular que limita polo leste coa praza Valentín García Escudero e na que conflúen as rúas Barón e Arcebispo Malvar. Está empedrada e é peonil, como o resto do centro histórico da cidade.

A praza está dominada no lado sur polo edificio señorial do Colexio Oficial de Aparelladores e Arquitectos Técnicos de Pontevedra. Na parte central está axardinada e dispón de pequenos camiños empedrados entre o céspede que conflúen no centro nunha fonte neoclásica de 1876 coa estatua da deusa romana Fama na súa parte superior.[10][2] A parte inferior da fonte imita un fuste clásico, cunha pequena pila e catro mascaróns.[11]

Na zona axardinada norte atópase un monólito de pedra coa inscrición: Más que medio milenio ha, que en esta ribera del Lérez se construyó la carabela Santa María "la Gallega", sobre la que el almirante Cristobal Colón cambió el destino del mundo.[13]

No norte da praza ao final da rúa Arcebispo Malvar sitúase a antiga casa natal do intelectual e alcalde de Pontevedra Xosé Filgueira Valverde.[14] Consérvanse no soar restos da casa na que viviu o poeta, almirante e nobre Paio Gómez Chariño, que xace na igrexa do convento de San Francisco.

Edificios destacados[editar | editar a fonte]

No lado sur da praza atópase o Edificio do Colexio Oficial de Aparelladores e Arquitectos Técnicos de Pontevedra. Trátase dunha casa señorial exenta de pedra que adquiriu o seu actual aspecto a mediados do século XX. Ten planta baixa, dous pisos e faiado. A fachada norte que dá á praza presenta unha gran cheminea de pedra na parte dereita e arcos rebaixados nas fiestras do primeiro e segundo andares. Na fachada da rúa Barón ten no primeiro piso un balcón ao longo da fachada e no segundo piso un balcón no centro e dúas galerías nos extremos. Na planta baixa as xanelas e portas están protexidas con elementos de aceiro corten. No tellado, a cuberta de tellas está rematada nos laterais das fachadas sur e norte con prominentes gárgolas de cobre.[15][16][17]

Ao final da rúa Arcebispo Malvar limitando co lado norte da praza atópase a antiga casa natal de Xosé Filgueira Valverde. Foi antes casa do médico e alcalde Ángel Cobián Areal e sufriu repetidas reformas. Foi reconstruída sobre o antigo pazo do almirante Paio Gómez Chariño, e esconde os restos dunha torre da antiga muralla medieval.[18][19]

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "La nueva fase del ARI del centro histórico incluirá la reforma de la Praza do Peirao". Pontevedra Viva (en castelán). 3 de decembro de 2022. 
  2. 2,0 2,1 Riveiro Tobío 2008, p. 55.
  3. "Pontevedra, camino del Imperio". El Correo Gallego (en castelán). 5 de agosto de 2007. 
  4. Aganzo 2010, p. 82.
  5. "Charino, lugar de referencia de la movida pontevedresa". Diario de Pontevedra (en castelán). 14 de maio de 2023. 
  6. "Inicia el expediente de catalogación del edificio del Alfolí de la calle Galera". Pontevedra Viva (en castelán). 11 de marzo de 2016. 
  7. "Los arqueólogos localizan por primera vez un postigo de la muralla medieval". Faro (en castelán). 4 de setembro de 2007. 
  8. "Hallan un nuevo tramo de muralla medieval en Pontevedra y restos de un antiguo muelle". Diario de Pontevedra (en castelán). 25 de xullo de 2016. 
  9. González Zúñiga 1848, p. 6.
  10. 10,0 10,1 "Retales de monumentos salpicados por la ciudad". Pontevedra Viva (en castelán). 10 de xuño de 2016. 
  11. 11,0 11,1 Fontoira Surís 2009, p. 531.
  12. "Barrio Hebreo: La Puerta de la Galea y la Plaza del Peirao. Memorando Civitatem "Duo Pontes".". Pontevedra Viva (en castelán). 20 de novembro de 2022. 
  13. 13,0 13,1 Riveiro Tobío 2008, p. 56.
  14. "Primeros pasos para rehabilitar la Casa de Filgueira Valverde". Pontevedra Viva (en castelán). 18 de xullo de 2022. 
  15. "El Colegio de Aparejadores ultima la compra del caserón de la plaza del Muelle". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de xaneiro de 2002. 
  16. "El Colegio de Aparejadores estrena su nueva sede oficial en la zona monumental de Pontevedra". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de maio de 2005. 
  17. "Comienzan las obras para la sede del Colegio de Aparejadores". La Voz de Galicia (en castelán). 19 de marzo de 2004. 
  18. "«La peatonalización de la zona vieja para mi padre hubiera sido la cima»". La Voz de Galicia (en castelán). 15 de marzo de 2008. 
  19. Nieto González 1980, p. 32.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]