Basílica de Santa María a Maior de Pontevedra
Basílica de Santa María a Maior de Pontevedra | |
---|---|
Fachada. | |
Datos xerais | |
País | España |
Tipo | Basílica |
Advocación | Santa María |
Localización | Pontevedra |
Coordenadas | 42°26′02″N 8°38′51″O / 42.433788, -8.647516 |
Culto | |
Culto | Católico |
Diocese | Santiago de Compostela |
Arquitectura | |
Construción | século XVI |
Estilo | Gótico isabelino, plateresco |
[ editar datos en Wikidata ] |
A basílica de Santa María a Maior de Pontevedra é un templo católico do século XVI, consagrado como basílica o 10 de xaneiro de 1962 por decreto do Papa Xoán XXIII.[1] Actualmente ten a consideración de BIC (Ben de Interese Cultural de España, con número de identificación RI-51-0000828). Foi declarada monumento histórico-artístico pertencente ao Tesouro Artístico Nacional por decreto do 3 de xuño de 1931.[2][3]
Historia
[editar | editar a fonte]A basílica de Santa María é considerada a principal igrexa de Pontevedra, funcionando como catedral. Está situada no casco antigo de Pontevedra, na praza Alonso de Fonseca, xusto no mesmo lugar onde se levantaba unha pequena igrexa románica que foi demolida no século XV.[1] A parroquia de Santa María a Maior é a igrexa matriz de Pontevedra, aparecendo documentada xa antes da concesión do foro de vila en 1169. Daquel templo consérvanse o San Pedro da contraportada occidental e o pantocrátor da clave dunha capela da nave do evanxeo.
A súa construción foi encargada polo Gremio de Mareantes, a entidade civil máis antiga de Pontevedra e o gremio mariñeiro máis antigo de España. Comezou na segunda década do século XVI, dirixindo as obras o mestre Juan de Cuetos.[4]
A fachada, contratada en 1541 a Cornelis de Holanda e Xoán Nobre, comezou a construírse en 1544. Dado que boa parte do financiamento proviña do Gremio de Mareantes, en 1551 paralizáronse as obras debido á escaseza de sardiña. En 1559 pecháronse as bóvedas, e en 1570 pechouse o coro. A torre das campás aínda tardaría bastante en ser rematada. O retablo, rematado en 1623, foi derrubado e substituído a comezos do século XX, con deseño de Maximino Magariños[5].
Descrición
[editar | editar a fonte]É un edificio de estilo gótico, con influencias do estilo manuelino portugués.[1]
Ten tres portas de entrada. A porta sur, a máis usada, dá á praza Alonso de Fonseca, que foi párroco da igrexa. A carón dela está a imaxe do Cristo da boa Viaxe.[6] A porta norte dá ó Campiño de Santa María, e a porta oeste está no retablo pétreo.
O templo consta de tres naves, todo el circundado na parte superior por unha crestería pétrea. No exterior, na cara sur, hai unha imaxe da Virxe do O, patroa da cidade. Debaixo dela hai un sepulcro, posiblemente de Alfonso de Baltuino.
No retablo exterior da fachada oeste que data de 1541[7] hai imaxes de San Pedro, Carlos I, Santa Catarina e San Gregorio (á esquerda da porta en sentido ascendente); San Paulo, Filipe II, San Xerome e Santa Bárbara (á dereita da porta); enriba da porta están os catro evanxelistas: San Marcos, San Lucas, San Mateu e San Xoán. Enriba deles hai un rosetón rodeado de anxos, e xunto a el dous bustos, posiblemente de Cristovo Colón[8] e Hernán Cortés. Enriba do rosetón está a Asunción da Virxe,[9] e máis arriba a Santísima Trindade, co fillo á esquerda. Arriba de todo está o Calvario, coa cruz no centro e a Virxe e san Xoán ós lados.
Na fachada no lado sur do edificio ten un arco de medio punto. Tamén presenta unha cantería manuelina coroando os muros e o ábsida do templo, que presenta unha gran xanela decorada ao estilo manuelino.[1]
No interior destaca o altar maior, feito a comezos do século XX polo tallista Magariños, en madeira de castiñeiro e nogueira. No centro aparece a Asunción da Virxe, rodeada de apóstolos e anxos, cuns baixorrelevos.[10]
Ó entrar pola porta sur e indo cara á dereita, está o altar da Virxe do Carme, Santo Antonio e Santa Rita. Despois está unha capela coa Virxe co Neno. Despois hai outra da Purísima ou da Concepción, cun retablo de madeira de cinco táboas de comezos do século XVI, obra do portugués Atayde.[1]
Nun altar de pedra está a Virxe de Covadonga, cun escudo coas armas de Diego Arango Soutomaior. Despois está a capela da Virxe de Covadonga.
O altar barroco do Cristo inclúe unha imaxe de Xesús feita no século XVII por Ferreiro, flanqueado por San Telmo e San Pascual Bailón. Na capela, fundada en 1525, están soterrados os seus fundadores.[1]
Após o altar maior, está a representación da Asunción da Virxe, rodeada de anxos e apóstolos. Á esquerda está o altar da Santísima Trindade.
A torre das campás contén unha escaleira de caracol con máis de cen chanzos. No primeiro piso móstranse antigas roupas litúrxicas e a imaxe procesional da Santísima Trindade. No segundo andar hai unha mostra de ourivaría. O terceiro é un miradoiro desde o que se ve casco antigo da cidade e a ría de Pontevedra.[11]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes da basílica de Santa María a Maior de Pontevedra.
-
Cristo da boa viaxe.
-
Vista do muro sur.
-
Parte superior da fachada.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 "Basílica de Santa María la Mayor (Pontevedra)". Arte Viaje (en spanish). 2012.
- ↑ "La Xunta inicia la restauración de la Basílica de Santa María". Diario de Pontevedra (en castelán). 13 de novembro de 2020.
- ↑ "La provincia de Pontevedra destaca por sus BICs". Diario de Pontevedra (en castelán). 9 de agosto de 2021.
- ↑ "La xunta adjudica trabajos de restauración y conservación en santa maría a maior de pontevedra por más de 275.000 euros". Xunta de Galicia (en castelán). 26 de xuño de 2020.
- ↑ del Castillo Fondevila, María Esther (2018): "Maximino Magariños", en Pedras Vivas nº 49, agosto 2018 (en castelán)
- ↑ "Santa María busca fondos para restaurar el Cristo del Buen Viaje". Faro (en castelán). 17 de decembro de 2021.
- ↑ "«La teoría del Colón pontevedrés carece de respaldo documental»". La Voz de Galicia (en castelán). 8 de maio de 2010.
- ↑ "Traspunte. Cristóbal Colón gallego, potencial turístico para Pontevedra". Pontevedra Viva (en castelán). 11 de outubro de 2020.
- ↑ "La Xunta inicia la restauración de la Basílica de Santa María". Diario de Pontevedra (en castelán). 13 de novembro de 2020.
- ↑ "Un retablo centenario". La Voz de Galicia (en castelán). 3 de xaneiro de 2010.
- ↑ "Portela: «El mirador de Santa María es un lugar privilegiado para contemplar el casco viejo»". La Voz de Galicia (en castelán). 29 de xuño de 2008.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Basílica de Santa María a Maior de Pontevedra |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Crespo Pozo, José S. (1962). Santa María de Pontevedra. Labras heráldicas y enterramientos de familias hidalgas, Monasterio de Poyo (en castelán).
- del Castillo Fondevila, María Esther (1998). "Santa María la Mayor de Pontevedra" pp. 563–571 en Arte e identidades culturales: actas del XII Congreso Nacional del Comite Español de Historia del Arte. UniOvi. ISBN 84-8317-083-3.
- Fernández Rodríguez, Begoña (2005). Santa María la Mayor. Una iglesia parroquial. Xunta de Galicia (en castelán).
- Fernández Rodríguez, Begoña (2012). 50 años. Basílica de Santa María La Mayor. Pontevedra. Teófilo Ediciones (en castelán).
- Filgueira Valverde, José (1991). La Basílica de Santa María de Pontevedra. Fundación Pedro Barrié de la Maza (en castelán).
- Juega Puig, Juan (2002). Santa María a maior de Pontevedra. 47 pp. Edicións A Nosa Terra. ISBN 978-84-96202-45-0.
- Juega Puig, Juan; Alonso, Xosé Luís (fotos) et al. (2010). Santa María a maior de Pontevedra. Speculum Humanae Vitae. 263 pp. Concello de Pontevedra. Sen ISBN.
- Vázquez Casáis, José A. (1998). La heráldica de los enterramientos en las iglesias de Pontevedra. Deputación de Pontevedra. ISBN 978-84-89690-38-7 (en castelán).
- Villa-amil y Castro, J. (fac: 2005) 1904. Iglesias gallegas de la Edad Media (en castelán). Madrid: Imp. de S. Francisco de Sales (fac: Órbigo, A Coruña). ISBN 84-934081-5-8.