Pazo da Cultura de Pontevedra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Auditorio e Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra
Fachada do Auditorio e dunha parte do pazo de Congresos
Edificio
TipoPazo de Congresos e Auditorio
EstiloArquitectura moderna
EnderezoRúa Alexandre Bóveda s/n
LocalizaciónPontevedra
Coordenadas42°26′07″N 8°38′15″O / 42.435361111111, -8.6375833333333Coordenadas: 42°26′07″N 8°38′15″O / 42.435361111111, -8.6375833333333
PropietarioConcello de Pontevedra
Uso(s)Auditorio e Pazo de Congresos e Exposicións
Construción
Inicio1993
Construción1997
Remate1997
Dimensións
Superficie10 000 m2
Plantas3 (planta baixa, 2 andares)
Equipo
Arquitecto(s)Manuel de las Casas
editar datos en Wikidata ]

O Auditorio e Pazo de Congresos de Pontevedra ou Pazo da Cultura é un edificio que acolle congresos, exposicións, concertos, obras de teatro e espectáculos de ballet e danza en Pontevedra.[1] Está situado na zona norte da cidade, á beira do río Lérez e á altura da ponte dos Tirantes e foi deseñado polo arquitecto Manuel de las Casas.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

A construción do Auditorio e Pazo de Congresos de Pontevedra planificouse a principios da década dos noventa como parte dun amplo proxecto urbanístico para o desenvolvemento da zona nordés da cidade, nos terreos desecados dunha antiga marisma.[1]

O proxecto incluía a construción dunha ponte atirantada, a ponte dos Tirantes, para dar servizo ao auditorio e como saída da cidade cara ao norte, un recinto feiral anexo ao Auditorio fronte ao Parque Rosalía de Castro, e a urbanización das ribeiras do río Lérez e o parque da Illa das Esculturas.[3]

O arquitecto Manuel de las Casas gañou o concurso de ideas para a construción do pazo de congresos, cuxa resolución se deu a coñecer o 2 de novembro de 1991.[4] Realizou o proxecto en 1992. A construción do pazo de congresos comezou en 1993 e o auditorio inaugurouse en 1997,[5] mentres que o recinto feiral inaugurouse en 1998.

O pazo inaugurouse o 20 de setembro de 1997, coa exposición A neutralidade da Orde de Manuel de las Casas e un concerto da mezzosoprano Teresa Berganza e a Real Filharmonía de Galicia dirixida por Maximino Zumalave.[6]

Xusto despois, o 24 e 25 de setembro desenvolveuse no pazo de congresos un congreso sobre Infraestruturas, Medio Ambiente e Desenvolvemento Rexional.[1]

Descrición[editar | editar a fonte]

Coa súa arquitectura contemporánea, o pazo comprende un complexo de edificios de 10.000 m², que inclúe unha zona de exposicións, salas de reunións, un auditorio e unha zona de restauración.[7] É un edificio polivalente que permite utilizar todos os seus espazos ao mesmo tempo.

O aspecto máis característico do exterior do pazo son as laxas de lousa verde, o aceiro corten, o cobre e o vidro que, xunto co conxunto harmónico dos volumes do edificio, como o cubo da sala de exposicións, favorecen a súa integración na paisaxe e a vexetación da contorna.[8] Manuel de las Casas organizou o terreo deseñando plataformas artificiais, prazas e terrazas de pedra que se asoman á ría, ao Lérez e á cidade.

O complexo componse de volumes puros cun cilindro para o Auditorio e dous prismas en diferentes plantas, que albergan unha gran sala de exposicións, o centro de congresos, un restaurante e unha cafetería. A sala de congresos e as salas de reunións atópanse no interior do prisma trapezoidal. No prisma de base cadrada, a entrada e a grande claraboia conducen á sala de exposicións no nivel inferior. Na beira do Lérez, accédese ao edificio por unha escaleira de pedra protexida por un muro de lousa verde.[9]

O Pazo de Congresos de Pontevedra foi deseñado para acoller diferentes tipos de eventos,[10] convencións, salóns, mostras, eventos corporativos, reunións de negocios, seminarios, simposios, conferencias, calquera que sexa o formato ou o ton que os organizadores queiran darlle. As súas vantaxes resúmense en dúas palabras: modularidade e funcionalidade.

Superficies e número de prazas[editar | editar a fonte]

O pazo de congresos ten:

  • unha superficie neta total de 10.000 m²
  • un auditorio principal con 772 asentos. Segundo o arquitecto Manuel de las Casas na sala de concertos ou auditorio principal buscáronse para unha adecuada sonorización as formas onduladas e mesmo caprichosas para evitar rebotes de son.[1]
  • un auditorio ou sala de conferencias con 276 prazas
  • unha sala de reunións con 100 prazas
  • unha sala de exposicións diáfana e luminosa de 1.220 m²
  • un restaurante panorámico con vistas ao río Lérez e á ponte dos Tirantes[11]
  • 8 salas de seminarios
  • unha sala de obradoiros para 40 persoas
  • unha sala de prensa
  • unha sala VIP
  • unha sala de ensaios, unha sala de descanso, unha sala de vestiario e 10 camerinos
  • un aparcadoiro público para 1300 vehículos

Eventos[editar | editar a fonte]

Ademais de concertos e espectáculos, o pazo de congresos acolle salóns e exposicións como Culturgal, a feira de actividades culturais e editoriais de Galicia,[12]Pont Up Store, Cantos na maré,[13] Etiqueta Negra, Edugal, Debut, etc.

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "La necesidad de una infraestructura". Diario de Pontevedra (en castelán). 27 de novembro de 2022. 
  2. "Este domingo 'faiponting' en la Illa das Esculturas y en el Pazo da Cultura". Pontevedra Viva (en castelán). 28 de maio de 2013. 
  3. "Prueba de resistencia y apertura del quinto puente". La Voz de Galicia (en castelán). 13 de maio de 2017. 
  4. "Manuel de las Casas gana el concurso del gran auditorio". La Voz de Galicia (en castelán). 2 de novembro de 2018. 
  5. "Manuel de las Casas Gómez" (PDF). Colegio Oficial de Arquitectos de Madrid (COAM) (en castelán). marzo de 2014. 
  6. "El diseño del Pazo da Cultura atrajo a 180 arquitectos". La Voz de Galicia (en castelán). 26 de maio de 2017. 
  7. "Fallece Manuel de las Casas, arquitecto del Pazo da Cultura de Pontevedra". Diario de Pontevedra (en castelán). 9 de febreiro de 2014. 
  8. "El recinto ferial se integra en el conjunto del auditorio". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de xuño de 2018. 
  9. "Fallece Manuel de las Casas, arquitecto del Pazo da Cultura de Pontevedra". Diario de Pontevedra (en castelán). 9 de febreiro de 2014. 
  10. "En Imágenes. La necesidad de una infraestructura". Diario de Pontevedra (en castelán). 27 de novembro de 2022. 
  11. "La cafetería del Pazo da Cultura reabrirá en octubre". Pontevedra Viva (en castelán). 30 de setembro de 2014. 
  12. ""No hay pandemia que pueda con Culturgal"". Pontevedra Viva (en castelán). 20 de novembro de 2020. 
  13. "Cantos na Maré conecta la galleguidad y la lusofonía". La Voz de Galicia (en castelán). 13 de outubro de 2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Aganzo, Carlos (2010). Pontevedra. Ciudades con encanto (en castelán). Madrid: El País-Aguilar. p. 106-107. ISBN 978-8403509344. 
  • Riveiro Tobío, Elvira (2008). Descubrir Pontevedra (en castelán). Pontevedra: Edicións do Cumio. p. 69. ISBN 9788482890852. 

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]