Estadio Municipal de Pasarón
![]() | Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo. (Desde marzo de 2015.) |
Coordenadas: 42°26′16″N 8°38′27″O / 42.43778, -8.64083
Pasarón | |
---|---|
![]() | |
Datos | |
Localización | Pontevedra ![]() |
Construción | |
Inauguración | 1965 (estadio actual en 2010) |
Estadio | |
Superficie | herba |
Dimensións | 105 x 66 |
Capacidade | 12 000 |
Propietario | Concello de Pontevedra |
Localía | Pontevedra CF |
Eventos | |
Trofeo Luis Otero |
O Estadio Municipal de Pasarón é o campo de fútbol principal da cidade de Pontevedra, onde o Pontevedra CF xoga como local. Ten unha medida de 105 x 66 metros e unha capacidade de 12 000 localidades, todas elas sentadas. Está situado na rúa Luis Otero, no barrio do Burgo.
Historia[editar | editar a fonte]
Desde a década de 1920, nos terreos de Pasarón xogaba o Pontevedra Athletic Club. En 1931 era feudo do Eiriña CF. Foi sede do Pontevedra CF desde a súa fundación en 1941.
Tralo ascenso do equipo granate a segunda división na tempada 1959-60, o concello, presidido polo alcalde José Filgueira Valverde, mercoulle os terreos á familia de Valentín Paz Andrade por 1.900.000 pesetas, nun pagamento a prazos durante cinco anos. O campo foi deseñado polos arquitectos municipais Emilio Quiroga Losada e Alfonso Barreiro Buján, en colaboración co enxeñeiro José María García-Morán Lima. Foi inaugurado en 1965.
O 7 de xaneiro de 1973, nun partido entre o Pontevedra e o Sevilla FC, faleceu o xogador hispalense Pedro Berruezo ao sufrir un paro cardíaco.
Malia as reformas do ano 1982, co gallo da Copa do Mundo, o estadio atopábase demasiado deteriorado. Así, tralo ascenso do Pontevedra CF á segunda división en 2004, acometeuse unha reforma integral. Derruiuse e construíuse o novo estadio por sectores (fondo norte, fondo sur, tribuna e preferencia).
Tralas reformas, finalizadas en 2010, a capacidade reduciuse de 16.500 persoas a 12.500, xa que antes os fondos estaban deseñados para estar de pé. A reforma do estadio, financiada polo concello, a deputación de Pontevedra e a Xunta de Galicia, viu como o orzamento inicial ascendía mesmo até o dobre, así como atrasos no tempo previsto de execución.
O 28 de decembro de 2008 acolleu un encontro da selección galega de fútbol feminino e a balear. O 7 de setembro de 2012 a selección española de fútbol xogou un amigable co combinado de Arabia Saudita, que se saldou con 5-0 a favor da primeira.
Outros usos[editar | editar a fonte]
Dispón de servizo de gardería e salas VIP e de prensa. Foi sede do Corpo Municipal de Bombeiros entre 1968 e 1987, e tamén do Club Ciclista de Pontevedra nos anos 80. Entre maio de 1987 e xullo de 1998 acolleu temporalmente parte do arquivo municipal mentres se acondicionaba outro espazo. En 1994 pasou a acoller a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.
Ao longo da súa historia acolleu diversos concertos e actuacións, como o do grupo Depeche Mode en 1993[1] ou The Black Crowes e Julio Iglesias en 1995.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Estadio Municipal de Pasarón |
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- López Torre, Rafael (2015): Filgueira Valverde. Crónica de una alcaldía (1959-1968), Concello de Pontevedra e Faro de Vigo, D.L.: PO 314-2015 (en castelán).
- ↑ "Depeche Mode congregó a tres mil personas en Pasarón". La Voz de Galicia. 13 de xullo de 2017.