Pazo de Lourizán
Pazo de Lourizán | |
---|---|
Concello | Pontevedra |
Provincia | Pontevedra |
Comunidade | Galicia |
Coordenadas | 42°24′34″N 8°39′53″O / 42.409444444444, -8.6647222222222Coordenadas: 42°24′34″N 8°39′53″O / 42.409444444444, -8.6647222222222 |
Estilo arquitectónico | |
Estilo orixinal | (século XV) |
Estilo actual | romanticismo (século XIX) |
Estado actual | deteriorado |
Véxase tamén | |
Pazos de Galicia | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Pazo de Lourizán é unha casa señorial situada no lugar de Herbalonga da parroquia de Santo André de Lourizán do concello de Pontevedra.
Historia[editar | editar a fonte]
No século XV este predio foi habilitado como "granxa"[1] e desta época conserva o pombal ameado de planta circular.
No século XVII, a propiedade, coñecida como Granxa da Serra, era propiedade do Marquesado da Serra. Posteriormente tivo diferentes propietarios, comerciantes e empresarios.[2] No século XIX, o pazo pertencía a Buenaventura Marcó del Pont Bori, tras compralo aos herdeiros de Francisco Genaro Anxo, irmán da súa esposa.[3]
Máis tarde converteuse en casa residencial e lugar de veraneo, cando residiu nela Eugenio Montero Ríos.[4] En outubro de 1876 Montero Ríos alugou a propiedade e adquiriuna o 16 de maio de 1879.[2] Naquela época a propiedade estaba moi preto da ría de Pontevedra e tiña embarcadoiro propio. Entre 1893 e 1894 levou a cabo a primeira gran reforma do pazo. Consistiu na creación dunha galería de madeira na á sur, que encerraba a capela do edificio. Nos seus salóns asinouse o Tratado de París tras a guerra con Estados Unidos en 1898, na que España perdeu Cuba, Porto Rico, Filipinas[5] e Guam.[6]
Sendo ao final do século XIX os salóns sociais dos pazos e mansións as principais galerías de arte en Pontevedra, o pazo de Lourizán, serviu tamén en 1898 de escenario á obra do pintor Ovidio Murguía.[7]
O arquitecto Jenaro de la Fuente Domínguez recibiu o encargo de renovar completamente o pazo a principios do século XX. O proxecto de fachada data do 20 de febreiro de 1909 e integrou e harmonizou elementos de diferentes etapas construtivas para crear unha unidade arquitectónica. A remodelación deu ao pazo un novo aspecto, tanto no exterior como no interior. As obras comezaron en setembro de 1909.[8] Eugenio Montero Ríos viviu no pazo de Lourizán ata a súa morte en 1914.
A Deputación de Pontevedra adquiriuno en 1943, comprándollo á Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra e (unha quinta parte) á marquesa viúva de Alhucemas.[9] Nese mesmo ano cedeullo ao Ministerio de Educación para o seu uso como Centro Rexional de Ensinanzas, Investigacións e Experiencias Forestais. En 1946 converteuse en Escola Técnica Superior de Montes.[1]
O centro pasou a formar parte do Instituto Nacional de Investigacións Agrarias (INIA) en 1973 e en 1984 foi transferido á Xunta de Galicia.[10][11] Actualmente está integrado na estrutura do Centro de Desenvolvemento Sustentábel da Consellería de Medio Ambiente desde 1991. O Centro de Investigacións Ambientais e Forestais de Lourizán ten por obxectivos principais a protección, conservación e mellora do patrimonio forestal de Galiza.[12]
Descrición[editar | editar a fonte]
O edificio[editar | editar a fonte]
O edificio do pazo é de aire romántico e foi obra de Jenaro de la Fuente Domínguez.[13] É un edificio ecléctico con influencias do Art Nouveau, o clasicismo e a arquitectura francesa do Segundo Imperio.[8]
A estrutura do pazo é simétrica, monumental e con predominio de volumes horizontais.[8] Ten planta baixa e dous pisos.[2] O corpo central ten forma de U con tres torres coroadas por mansardas francesas[2][8] e tellado de lousa. A fachada ten columnas e pilastras xónicas. A parte central está realzada por un brasón e un reloxo,[14] no lugar do escudo que locen os pazos galegos.
Diante deste corpo central hai unha gran escaleira de corte imperial de pedra de dous tramos, custodiada por estatuas neoclásicas de mármore branco que personifican a xustiza e a prudencia[2] e representan virtudes, valores e devocións.[1] Esta escaleira conduce á entrada principal e a unha terraza semicircular (que serve de miradoiro) sobre unha gruta artificial que simula unha cova de pedra calcaria volcánica chamada a Gruta dos Espellos.[13] Neste punto ábrense dúas ás laterais formadas por galerías lixeiras de pedra e cristal que envolven o antigo pazo.[8] Na primeira planta, as fachadas das ás laterais perden protagonismo, resaltando o corpo central e creando terrazas con balaustradas. Na parte superior, unha terraza ocupa unha extensión importante.
Destaca o gran número de xanelas e balcóns, que achegan luminosidade e lixeireza á estrutura. A decoración destaca pola fusión de elementos neoclásicos e Art Nouveau.[8] As columnas, balcóns e ornamentos mostran recursos clacisistas. O frontón triangular do corpo central está decorado cos símbolos da profesión de Eugenio Montero Ríos e os atributos da xustiza, un escudo cun libro e unha pluma.
Accédese ao interior a través dunha porta sinxela que ten impresas no vidro as as iniciais maiúsculas dos seus antigos donos, "E e A", "Eugenio e Avelina".[2]
As terras[editar | editar a fonte]
O pazo conta con 54 hectáreas de xardín, leira e arboredo, que mostran os distintos usos aos que se dedicou durante os séculos: granxa, xardín señorial e centro de investigacións forestais.
Medran nel numerosas árbores autóctonas como carballos, castiñeiros e bidueiros, pradairos e foráneas, como ciprestes, araucarias, cedros, magnolias ou alfaneiros, moitas delas traídas por xardineiros franceses. Varias destas árbores aparecen no Catálogo de Árbores Senlleiras da Xunta de Galiza. Hai arboretos con todas as variedades de castiñeiros, piñeiros, eucaliptos ou camelias, co exemplar máis alto do mundo, unha Camelia do Xapón de 20,5 metros de altura. Tamén hai un rimu de Nova Zelandia e un pequeno xardín taiwanés.[13]
A propiedade decórase con hórreos, un pombal do século XV, un invernadoiro de vidro de estrutura férrea de 1900, unha mesa de granito dunha peza (disque extraída dun penedo da Illa de Tambo, estatuas de mármore branco e varias fontes, como a da Cuncha, a dos Tres Canos, a do Patio e a da Gruta dos Espellos. Os xardíns organízanse en avenidas, a das Camelias, a dos Eucaliptos e a da Gruta dos Espellos.[1][15]
Cultura[editar | editar a fonte]
A escritora Lola Fernández Pazos publicou en 2022 a novela El Pazo de Lourizán, ambientada no pazo.[3][16]
A illa de Tambo formou parte do territorio do pazo.[3] Montero Ríos comprou tres quintas partes da illa en 1884 e outra quinta parte en 1894. En 1940, os seus fillos vendérona á Armada Española para uso da Escola Naval Militar.[17]
Galería de imaxes[editar | editar a fonte]
O pazo diante do gran cedro.
Pasadoiro no interior do pazo.
Invernadoiro de cristal no xardín do pazo.
Detalle da fachada con solainas.
Paseo de camelias.
Mesa de granito no xardín baixo a pérgola. Disque a pedra procede dun penedo da Illa de Tambo.
Parterre de buxos e flores.
Notas[editar | editar a fonte]
- ↑ 1,0 1,1 1,2 1,3 "Los Roteiros de Outono recalan en los pazos de Lourizán y Salcedo". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de outubro de 2017.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 2,5 "El Pazo de Lourizán de Pontevedra, la decadencia de un palacio señorial caído en el olvido". El Español (en castelán). 8 de xullo de 2021.
- ↑ 3,0 3,1 3,2 "El pazo de Lourizán: los 20 millones que costará salvar el pazo donde se asumió la pérdida de Cuba y Filipinas". El Mundo (en castelán). 14 de agosto de 2022.
- ↑ "Pazo de Lourizán, la antigua residencia de Montero Ríos". La Voz de Galicia (en castelán). 25 de xullo de 2003.
- ↑ "El Pazo de Lourizán resurgía de la ruina y recuperaba su belleza tras su restauración". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de xaneiro de 2016.
- ↑ "Los arquitectos sugieren un concurso público para restaurar el Pazo de Lourizán". Diario de Pontevedra (en castelán). 8 de xullo de 2022.
- ↑ "Cuando empezamos a ser espectadores del arte". Faro (en castelán). 28 de agosto de 2012.
- ↑ 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 "El pazo en el que se perdió Cuba". Atlántico Diario (en castelán). 24 de febreiro de 2018.
- ↑ "La Xunta seguirá al frente del Pazo de Lourizán al menos durante un año más". Diario de Pontevedra (en castelán). 8 de maio de 2021.
- ↑ "Centro de Investigación Forestal de Lourizán (CIF). Reseña histórica". Xunta de Galicia (en castelán). 10 de xaneiro de 2021.
- ↑ "El Centro de Investigación Forestal de Lourizán (Pontevedra) celebrará en junio los 75 años de su fundación". Europa Press (en castelán). 11 de marzo de 2018.
- ↑ "Un paraíso forestal lleno de historia". La Voz de Galicia (en castelán). 27 de agosto de 2015.
- ↑ 13,0 13,1 13,2 "El infinito jardín del ministro antojadizo en Pontevedra: de una cueva "volcánica" a 700 especies". La Voz de Galicia (en castelán). 9 de outubro de 2021.
- ↑ "El reloj del Pazo Lourizán da la hora tras 100 años parado". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de decembro de 2016.
- ↑ "10 sitios que enamoran". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de febreiro de 2020.
- ↑ "Lola Fernández Pazos, escritora: «'El pazo de Lourizán' es una historia inspirada en hechos reales»". La Voz de Galicia (en castelán). 19 de maio de 2022.
- ↑ "Los vecinos de Combarro perdieron Tambo en 1875 por las deudas de un juicio que ganaron sobre la isla". Faro (en castelán). 14 de abril de 2019.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
![]() |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Pazo de Lourizán ![]() |
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Aganzo, Carlos (2010). Pontevedra. Ciudades con encanto (en castelán). Madrid: El País-Aguilar. pp. 114–115. ISBN 978-8403509344.
- Arcay Barral, Ángel; Barrecheguren Fernández, Jorge; Martínez Soto, Eloy; Piñeira Edreira, Santiago; Vázquez-Rey Farto, Ernesto; (2017), Relatorio para a protección do Pazo de Lourizán. Asociación de Amigos do Museo de Pontevedra.
- Fernández de Ana Magán, Francisco Javier (e outros) (1994). Lourizán: de pazo solariego a Centro de Investigaciones Forestales (en castelán). Pontevedra: Artes Gráficas Portela.
- Fontoira Surís, Rafael (2009). Pontevedra monumental. Pontevedra: Diputación Provincial de Pontevedra. pp. 466–469. ISBN 978-84-8457-327-2.
- Riveiro Tobío, Elvira (2008). Descubrir Pontevedra (en castelán). Pontevedra: Edicións do Cumio. pp. 86–87. ISBN 9788482890852.