Saltar ao contido

Ponte da Barca, río Lérez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Ponte da Barca, río Lérez

Tipoponte de arcos inferiores Editar o valor en Wikidata
Material usadoaceiro e formigón armado Editar o valor en Wikidata
Datas
Fundación1894 Editar o valor en Wikidata
Inauguración3 de xullo de 1905 Editar o valor en Wikidata
Transporte
Seguinte cruzamento cara arribaPonte das Correntes Editar o valor en Wikidata
Seguinte cruzamento cara abaixoPonte da Ría Editar o valor en Wikidata
Dimensións
Anchura13 m Editar o valor en Wikidata
Lonxitude200 m Editar o valor en Wikidata
Número de arcos3 Editar o valor en Wikidata
Localización
Mapa
 42°25′59″N 8°39′10″O / 42.4331, -8.6529
EstadoEspaña
Comunidade autónomaGalicia
Provinciaprovincia de Pontevedra
ConcelloPontevedra Editar o valor en Wikidata
LocalizaciónPoio e Pontevedra Editar o valor en Wikidata
Atravesarío Lérez e ría de Pontevedra Editar o valor en Wikidata
Wikidata ] C:Commons ]

A ponte da Barca é unha ponte sobre o río Lérez, xa na súa desembocadura na ría de Pontevedra, que une a cidade de Pontevedra (no barrio da Moureira) co concello de Poio.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

Segundo documentación de 1197, daquela o paso en barca, que deu nome ao lugar, era controlado polos monxes beneditinos do mosteiro de San Xoán de Poio.[1]

Ponte da Barca no século XIX.

No século XIX a Sociedade de Mareantes de Pontevedra explotou o paso, o que a levou a enfrontamentos co mosteiro de Poio, o marqués de Riestra e a Mariña española. Para evitar estes enfrontamentos, vista a necesidade de construír unha ponte, creouse a "Sociedad comanditaria constructora del puente de La Barca", conformada pola Sociedade de Mareantes, veciños de Poio e socios capitalistas.[2]

Primeira ponte

[editar | editar a fonte]

A primeira ponte da Barca, de madeira e de baixa altura, comezou a construírse en 1867, comezando a súa explotación en 1871[3]. A obra tiña un tramo levadizo, que se izaba cun cabestrante para permitir o paso de barcos de grandes mastros cara aos peiraos da Galera e O Burgo.[4]

Segunda ponte

[editar | editar a fonte]
Baixorrelevos na ponte.

As administracións, especialmente o marqués de Riestra, que tiña unha leira e unha fábrica na Caeira, e políticos coma Eduardo Vincenti ou Eugenio Montero Ríos, reclamaron a construción dunha ponte elevada e doutra paralela para o paso do ferrocarril. En 1887 comezaron as obras do que ía ser unha ponte de pedra. As obras detivéronse durante sete anos.[4]

En 1894 impúxose a construción dunha obra de metal,[5] como se viña facendo na arquitectura contemporánea, debido á maior facilidade do seu transporte e que permitía un manexo máis dúctil e unha execución de obra máis rápida. A obra recolle os postulados da arquitectura do ferro, que viñera difundindo o aceiro como material arquitectónico desde a realización por Joseph Paxton do pavillón Crystal Palace na Exposición Universal de Londres de 1851.

O deseño de Luis Acosta e Eduardo Fungueiriño, foi levado a cabo por Chavarri, Petrement e Cía. Durante a súa construción os obreiros contratados polo industrial Benito Corbal foron temporalmente á folga, que rematou coa mediación do gobernador civil, Augusto González Besada.[6]

A principios do século XX comezaron as obras do arco metálico central. A ponte foi inaugurada o 3 de xullo de 1905.[6] Tiña un ollo de 75 metros de luz, repousando sobre dous fortes sustentos de cachotaría, e tres arcos a cada lado, nos que se labraron motivos ornamentais de estilo gótico, do gusto da época.[2] A véspera da inauguración fixéronse as probas de carga, colocándos 200 toneladas en carga estática e 13 carros de 4 toneladas cada un en carga dinámica.

A ponte converteuse nunha liña divisoria no barrio da Moureira, deixando a un lado a zona residencial dos mariñeiros, a ao outro a zona de tascas e prostíbulos.

En 1945 iniciáronse as obras para substituír a estrutura metálica por un arco de formigón de 72 metros de luz deseñado por Eduardo Torroja Miret.[7] Porén, a obra non foi rematada até 1950.[8]

En 1989 modificouse o estribo de cachotaría do lado sur, pasando de tres arcos a ter un só máis amplo, por onde discorre a Avenida das Corvaceiras.[8] Dous anos despois ampliouse o estribo xemelgo do lado norte para dar cabida á AP-9.[9]

Na actualidade, tralas reformas levadas a cabo a mediados da década de 1990 e na década de 2010 a ponte conta con dous sentidos de circulación para vehículos, e con beirarrúas cubertas para os peóns.[10]

Descrición

[editar | editar a fonte]

A ponte actual está formada por un grande arco de formigón armado de 72 metros de luz sobre a ría de Pontevedra[11] e dous arcos baixos de cachotaría máis pequenos de 25 metros de luz nos lados de terra. Está decorado con baixorrelevos na parte inferior dos grandes piares de soporte de formigón recubertos de granito.

A ponte ten 11,4 metros de ancho e 144 metros de longo.[8] O van do arco soporta dous carrís de tráfico rodado e dúas beirarrúas.

Para protexer aos transeúntes dos ventos e as choivas do inverno, hai unha marquesiña de madeira sobre as beirarrúas da ponte.[12]

  1. "Al pasar la barca me dijo el barquero". Diario de Pontevedra (en castelán). 27 de novembro de 2009. 
  2. 2,0 2,1 "Una barca que se hizo puente". Diario de Pontevedra (en castelán). 26 de marzo de 2023. 
  3. Landín Tobío, P.: De mi viejo carnet. Deputación Provincial de Pontevedra, 1999. ISBN 84-89690-79-0 632.
  4. 4,0 4,1 "El puente de A Barca cumple 150 años de transformaciones". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de marzo de 2017. 
  5. "El puente de madera de La Barca". Pontevedra Viva (en castelán). 5 de agosto de 2016. 
  6. 6,0 6,1 "El puente de A Barca cumple un siglo sin superar los atascos". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de xullo de 2005. 
  7. "1935: Ponen a prueba la estructura metálica del puente de A Barca". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de decembro de 2019. 
  8. 8,0 8,1 8,2 "La Xunta aprovechará las fiestas para iniciar las obras en el puente de A Barca". Diario de Pontevedra (en castelán). 1 de agosto de 2018. 
  9. "Obras en el puente de A Barca para el paso de la autopista". La Voz de Galicia (en castelán). 4 de setembro de 2018. 
  10. "El puente de A Barca recupera la cubierta dañada en el temporal". La Voz de Galicia (en castelán). 6 de marzo de 2013. 
  11. "El puente de A Barca cumple un siglo sin superar los atascos". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de xullo de 2005. 
  12. "El puente da Barca será de sentido único hasta que finalice la obra para tratar de compensar su retraso". Faro (en castelán). 7 de febreiro de 2019. 

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]