Ponte da Palabra
Ponte da Palabra | |
---|---|
Localización | |
Coordenadas | 42°26′49″N 8°37′40″O / 42.447083333333, -8.6276388888889 |
Río | Lérez |
Concello | Pontevedra |
Provincia | Pontevedra |
Características | |
Construción | 2010 - 2011 |
Lonxitude | 170,48 m |
Ancho | 14,70 m |
Tipo | Ponte de piares en V |
Material | Formigón armado |
A ponte da Palabra é unha ponte con piares en forma de V que cruza o río Lérez no barrio de Monte Porreiro na cidade de Pontevedra. Foi inaugurada en 2011 e conecta o barrio de Monte Porreiro coa parroquia de Lérez.
Localización
[editar | editar a fonte]A ponte atópase na parte baixa do barrio de Monte Porreiro, no final da avenida de Bos Aires, a 500 metros da praia do Lérez, río arriba.
Historia
[editar | editar a fonte]O proxecto da construción da ponte da Palabra xurdiu nos anos 2000 da necesidade de comunicar o barrio de Monte Porreiro coa parroquia de Lérez a través dun vial ata a zona da Porta do Sol, moi preto do Mosteiro de San Salvador de Lérez.[1] Ao mesmo tempo pretendíanse mellorar os accesos ao Hospital Montecelo desde a zona norte do municipio e a estrada N-550 ata a N-541 e desconxestionar a circulación na cidade.[2]
A Deputación de Pontevedra convocou o concurso de proxecto e obra no ano 2007. Tras varias vicisitudes a ponte empezouse a construír finalmente en 2010. Foi inaugurada o 30 de decembro de 2011 pola entón Ministra de Fomento Ana Pastor.[3] Converteuse así na sexta ponte da cidade.[4]
O 21 de marzo de 2012, con motivo do día da poesía, a escritora Fina Casalderrey amadriñou un acto no que participaron escolares de Monte Porreiro e de Lérez no que propuxeron que a ponte se chamase ponte da Palabra como mostra de unión simbólica entre eses dous barrios pontevedreses e de concordia, amizade e encontro.[5][6]
Descrición
[editar | editar a fonte]Trátase dunha ponte con dous conxuntos de piares en forma de V feita de formigón armado. Estes piares non afectan o leito do río, espazo protexido declarado Lugar de Interese Comunitario (LIC) no ano 2000.[7]
A lonxitude total da ponte da Palabra é de 170,48 metros. A viga central, que constitúe o van central da ponte, ten unha anchura de 14,70 metros e unha lonxitude total de 54 metros.[8][7]
A ponte alberga dous carrís para a circulación de vehículos, un carril bici, dúas beirarrúas para os viandantes, varandas metálicas de cor azul e iluminación.[8][7] Ten lombos no extremo máis próximo a Monte Porreiro e a velocidade está limitada a 30 quilómetros por hora.[9]
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]-
Piares da ponte en forma de V e varanda azul
-
A ponte co carril bici no lado esquerdo
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ "Pontevedra, la ciudad de los puentes". El Español (en castelán). 25 de marzo de 2021.
- ↑ "El nuevo puente para unir Lérez con Monteporreiro funcionará a partir del 2010". La Voz de Galicia (en castelán). 15 de xaneiro de 2008.
- ↑ "Louzán cuenta con la presencia de Pastor en la inauguración de Monteporreiro". ABC (en castelán). 29 de decembro de 2011.
- ↑ "Pontevedra abre su séptimo puente sobre el Lérez". Faro (en castelán). 23 de xuño de 2012.
- ↑ "Los escolares, unidos por un "puente de palabras"". Faro (en castelán). 22 de marzo de 2012.
- ↑ "Pontevedra, la ciudad de los puentes". El Español (en castelán). 25 de marzo de 2021.
- ↑ 7,0 7,1 7,2 "Ana Pastor muestra su "compromiso firme" con Pontevedra para que esté "a la cabeza de las ciudades de España"". La Vanguardia (en castelán). 30 de decembro de 2011.
- ↑ 8,0 8,1 "El vano central del puente que unirá Monteporreiro y Lérez (Pontevedra) se instalará el próximo 12 de agosto". 20 minutos (en castelán). 6 de agosto de 2011.
- ↑ "El puente de As Palabras se limitará a 30 kilómetros por hora y tendrá "lombos"". Diario de Pontevedra (en castelán). 18 de novembro de 2018.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Ponte da Palabra |