Esta casa nobre foi construída no século XVI, para dúas familias vascas procedentes de Áraba que se asentaron na cidade de Pontevedra, os Murga e os Ibaizábal. [2]
A casa debe o seu nome á función de Casa do Correo na cidade desde a que se distribuía o correo, cun servizo postal desde 1707. Foi empregada como casa de postas no século XVIII pola súa situación privilexiada próxima á ponte do Burgo e á beira do camiño de Santiago portugués. Á casa estivo vinculada o pai de Frei Martín Sarmiento que foi Correo Maior do Reino en Pontevedra.[4]
É unha casa gótica[1] do século XVI que ten planta baixa e tres andares. Na súa fachada principal mostra un alfiz[1] característico do século XVI, que percorre a fachada que dá á praza de Celso García de la Riega e bordea a parte superior dun escudo de armas de grandes dimensións coas armas dos Ibaizábal, Villegas, Aldao e Salazar.[2] O escudo está timbrado cun casco con penacho e adornado de lambrequíns, así como unha cabeza de anxo debaixo da punta do escudo.
A porta orixinal de acceso á casa termina nun arco carpanel[1][4] de tres centros cun pequeno escudo na clave. Os dous primeiros pisos teñen portas balconeiras e o terceiro posúe un balcón que ocupa toda a fachada.[2]
Na fachada lateral esquerda, que dá á Rúa Real, hai outro pequeno escudo totalmente cadrado coas armas dos Murga, que eran oriúndos do municipio de Aiara en Áraba e parentes dos Ibaizábal.[2]
Aganzo, Carlos (2010). Pontevedra. Ciudades con encanto(en castelán). Madrid: El País-Aguilar. p.82. ISBN978-8403509344.
Fontoira Surís, Rafael (2009). Pontevedra monumental. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. p.221. ISBN978-84-8457-327-2.
Messía De la Cerda y Pita, Luis F. (1989). Heráldica, escudos de armas labrados en piedra existentes en la zona de Pontevedra(en castelán). Pontevedra: Deputación de Pontevedra. pp.239–241; 242–245. ISBN848684522X.
Nieto González, Remigio (1980). Pontevedra. Guía monumental ilustrada(en castelán). Pontevedra: Asociación de Comerciantes de la calle Manuel Quiroga. p.30.