Palacete das Mendoza
Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto. Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos. |
Casa das Mendoza | |
---|---|
Fachada principal do palacete das Mendoza | |
Edificio | |
Tipo | Pazo urbano |
Estilo | de século XIX, ecléctico |
Localización | Pontevedra, Galicia ![]() |
Coordenadas | 42°25′58″N 8°38′51″O / 42.432868, -8.647614Coordenadas: 42°25′58″N 8°38′51″O / 42.432868, -8.647614 |
Propietario | Deputación de Pontevedra |
Construción | |
Inicio | fin século XIX |
Dimensións | |
Plantas | Planta terrea e andar |
Equipo | |
Arquitecto(s) | Alejandro Rodríguez Sesmero |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Palacete das Mendoza é un edificio histórico situado na zona vella da vila de Pontevedra, entre a avenida de Santa María e a rúa Arcebispo Malvar. É a sede do Padroado de Turismo Rías Baixas.
Historia[editar | editar a fonte]
No soar do pazo erguíase o castelo medieval dos Churruchaos (ou dos arcebispos de Santiago) e as Torres Arcebispais, cuxo centro de interpretación (CITA) sitúase nas proximidades. En 1877 por medio da súa venda, Soledad Méndez Núñez, irmá do mariño Casto Méndez Núñez, faise coa propiedade do soar, e encarga a construción do palacete ao arquitecto Alejandro Sesmero, autor tamén dos impoñentes edificios do século XIX da Deputación Provincial e da Casa Consistorial. Este arquitecto foi o encargado de planificar os nobres edificios da capital da provincia, unha vez demolida a muralla medieval da cidade.
O palacete foi o primeiro edificio da cidade que contou coa acometida de auga corrente. O arquitecto Sesmero foi o encargado de planificar o fornecemento de auga corrente á cidade e ás súas prazas, para o que se instalaron varias fontes de fundición decimonónicas, unha das cales se sitúa moi preto do pazo.
Foron os seus primeiros moradores, a súa propietaria, Soledad Méndez Núñez, súa irmá, Maria del Carmen Clara Méndez Núñez, o home desta, José Babiano Rodríguez, e a filla do matrimonio, que sería a notábel pintora Carmen Babiano Méndez-Núñez. A casa pasou finalmente á propiedade de María e Concepción Mendoza Babiano, fillas de Carmen Babiano, implicadas na cultura da cidade e que foron as últimas en ocupar o pazo no ano 1971. Durante a súa residencia no mesmo, o palacete converteuse en lugar de reunións de personalidades importantes do momento.
O edificio sufriu un certo abandono até que a mediados da década dos anos 1980 serviu como un dos escenarios principais para a gravación da serie de televisión Os gozos e as sombras, de Televisión Española. Posteriormente foi adquirido por unha entidade bancaria, até que a Deputación Provincial de Pontevedra mercouno para ser a sede de Turismo Rías Baixas, sendo inaugurado para tal función o 28 de xullo de 2004.
Construción e estilo[editar | editar a fonte]
O edificio pertence ao estilo ecléctico imperante a finais do século XIX con elementos e concepción de inspiración na arquitectura francesa. Consta de semisoto, planta terrea e sobrado. Na planta terrea ábrese unha porta principal e catro vans e na planta superior cinco portas balconeiras. A parte superior dos vans está decorada con motivos ornamentais. Na parte superior remátao unha cornixa con motivos circulares.
Na fachada obsérvanse recercados neoclásicos nos vans, con linteis rematados en frontóns triangulares no segundo andar e en arco de círculo no primeiro. A caixa de aforros que foi propietaria do edificio durante uns anos reformou o interior e as salas que tiña na planta terrea, salón de música, comedor, salón de té e a escaleira imperial de madeira, facendo desaparecer todo para crear o patio de operacións. Na cuberta ten unha lumieira. O edificio é exento e está rodeado de xardíns que realzan a súa arquitectura.
Véxase tamén[editar | editar a fonte]
Ligazóns externas[editar | editar a fonte]
- Páxina web sobre as receitas das irmás Mendoza Babiano Arquivado 02 de maio de 2016 en Wayback Machine.
- Páxina web da Deputación Provincial de Pontevedra Arquivado 08 de marzo de 2016 en Wayback Machine.
Bibliografía[editar | editar a fonte]
- Fontoira Surís, Rafael (2009). Pontevedra Monumental. Deputación de Pontevedra. ISBN 978-84-8457-327-2.