Praza da Ferrería

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°25′53″N 08°38′39″O / 42.43139, -8.64417

Un home vendendo castañas na praza da Ferrería.

A praza da Ferrería é un enclave da cidade de Pontevedra situado no límite do casco antigo da cidade. Ten unha superficie duns 2.000 m².

Historia e características[editar | editar a fonte]

Nela celebrábase antigamente o mercado da vila. Na actualidade celébrase nel o mercado das flores a véspera do día de defuntos, así como diversos mercados populares, en días como a Feira Franca ou o día do libro, ademais de celebrarse nela a maioría dos concertos gratuítos de verán e a queima do Loro Ravachol.

A ela van dar as rúas dos Soportais da Ferrería, do Conde de San Román, Pasantería, Benito Corbal, Figueroa, e a antiga Porta de Trabancas, pola que discorre o camiño portugués do camiño de Santiago. Preto dela está a capela da Virxe Peregrina.

Os seus baixos son na súa maioría establecementos téxtiles ou de hostalería. A praza atópase a carón do Convento de San Francisco. Anexas a ela están as prazas da Estrela (duns 700 m²), e a de Ourense (duns 700 m²), ademais dos Xardíns de Casto Sampedro, de 1.000 m².

Neste xardín hai unha fonte do século XVI que até 1930 estivo na Ferrería. Financiada en 1537 por Carlos V[1] e rematada 15 anos despois[2], foi construída segundo o estilo das chafarices portuguesas. É mencionada na cantiga popular:

Pontevedra é boa vila,
dá de beber a quen pasa.
A fonte na Ferrería,
San Bartolomé na praza.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. VILLARES, R.: Historia de Galicia. Vigo, Edicións Xerais de Galicia, 2004 (páx. 192).
  2. "Un museo para valorar el agua", artigo no Faro de Vigo, 21 de marzo de 2009 (en castelán).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]