Misión Biolóxica de Galicia
Misión Biolóxica de Galicia | |
---|---|
Vista parcial dos terreos do pazo. | |
Tipo | instituto de investigación |
Data de fundación | 1921 |
En | Salcedo |
País | Galicia |
42°24′22″N 8°38′28″O / 42.406194, -8.641156 | |
Na rede | |
http://www.mbg.csic.es/es/la-mision-biologica-de-galicia/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
A Misión Biolóxica de Galicia é un centro do Consello Superior de Investigacións Científicas situado na parroquia de Salcedo no concello de Pontevedra. Na actualidade conta con 13 científicos e 7 investigadores postdoctorais entre o seu persoal. As súas instalacións constan de tres edificios principais e varios secundarios, dispostos nunha parcela de doce hectáreas propiedade da Deputación de Pontevedra. O financiamento da Misión Biolóxica provén fundamentalmente dos orzamentos xerais do Estado e da Deputación de Pontevedra.
Historia
[editar | editar a fonte]A Misión Biolóxica de Galicia foi creada pola Xunta para Ampliación de Estudios e Investigacións Científicas en abril de 1921. A súa primeira sede foi a Escola de Veterinaria de Santiago de Compostela, dirixida por Cruz Gallástegui. A Misión permaneceu en Compostela ata 1926, cando desapareceu a Escola de Veterinaria. En 1927 a Deputación de Pontevedra ofreceulle un novo local á Misión Biolóxica, que se traslada primeiro a Campolongo e máis adiante ó pazo que foi do arcebispo Malvar en Salcedo, onde permaneceu ata hoxe.
Instalacións
[editar | editar a fonte]O edificio orixinal da propiedade era o pazo de Gandarón, que contaba ó comezo cun hórreo, un pombal, dous miradoiros e varios celeiros e cortellos. Para adaptalo ó seu novo uso, o edificio sufriu reformas que o transformaron en oficinas e laboratorios. Posteriormente construíronse naves destinadas para a cría de porcos, que máis adiante foron reconvertidas en laboratorios e oficinas.
- Parcela. Consta de doce hectáreas, das que dez son cultivables. Está dividida en lotes cuxa división e denominación obedecen ó seu uso orixinal. Nun deles consérvase un bosque autóctono e outros están dedicados a xardíns, nos que destaca a colección de camelias. Na parcela hai varias construcións, entre as que destacan un cenador, un estanque e diversos conxuntos de mesas e bancos de pedra. Consérvanse tamén un hórreo e un lagar.
- Pazo da Carballeira de Gandarón. Foi construído polo arcebispo Sebastián Malvar a finais do século XVIII como residencia familiar.
- Edificio Miguel Odriozola. Foi construído na década de 1940 para a cría de porcos, dentro dunha liña de investigación sobre xenética animal iniciada por Miguel Odriozola na anterior década. Ó se extinguir esta investigación en 1987, decidiuse a remodelación do edificio, que foi realizada entre 2002 e 2003 polo arquitecto Mauro Lomba.
- Edificio Cruz Gallástegui. Foi construído na década de 1960 polo arquitecto Alejandro de la Sota, sendo a primeira obra deste arquitecto. A súa construción tiña por obxecto albergar as oficinas que ata o momento estaban no pazo. O edificio foi ocupado en 1969.
Obxectivos
[editar | editar a fonte]O obxectivo xeral da Misión Biolóxica é desenvolver material xenético para a agricultura que teña menores necesidades de abonado e rego, que sexa tolerante ó estrés biótico e abiótico e que teña maior calidade. Paralelamente inténtase profundar no coñecemento daqueles procesos xenéticos que interveñen na adaptación e na evolución, na resistencia ó estrés e na calidade das especies vexetais cultivadas.