Feira Franca de Pontevedra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Feira Franca de Pontevedra
Edición de 2010.
Datos da festa
Nome oficialFeira Franca
ConmemoraciónMercado libre de impostos concedido por Henrique IV en 1467
TipoHistórico
Dataprimeira fin de semana do mes de setembro
ConcelloPontevedra
OrganizadorConcello de Pontevedra
Significadorevive o ano 1467 na cidade de Pontevedra
RecoñecementosFesta de Interese Turístico Galego (2013)

A Feira Franca é unha festa celebrada en Pontevedra o venres pola tarde e todo o sábado da primeira fin de semana do mes de setembro. En 2013 foi declarada festa de interese turístico pola Xunta de Galicia[1] Está ambientada na idade media, e inclúe postos de comida, animación nas rúas, música, obradoiros, artesanía en coiro, madeira, téxtiles e produtos naturais, entre outros.

Localización[editar | editar a fonte]

A Feira Franca de Pontevedra desenvólvese no centro histórico da cidade, na Alameda de Pontevedra, a Gran Vía de Montero Ríos, o parque das Palmeiras e a avenida Raíña Vitoria, a praza de touros de Pontevedra e na contorna da ponte do Burgo e o río Lérez.[2][3][4]

Historia[editar | editar a fonte]

A Feira Franca ten a súa orixe no mercado libre de impostos, que comezou a celebrarse na cidade por un privilexio real instaurado polo rei Henrique IV en 1467, coa celebración dunha festa dun mes de duración arredor do 24 de agosto na honra de San Bartolomeu.[5] Nas feiras medievais congregábanse as clases sociais máis altas coas máis baixas arredor dun mercado.

A primeira edición foi celebrada no ano 2000,[5] e desde entón atrae un gran número de xente. Os veciños vístense con traxes de inspiración medieval e o centro histórico da cidade sofre unha importante transformación estética. A comida convive cos disfraces usados polos veciños da cidade que se animan a participaren con carros e cabalos polas rúas, con condenados á forca, con ferreiros e outros personaxes.

Desde hai varios anos cada feira dedícase a un aspecto. No ano 2006 foi dedicada ós irmandiños, no 2007 ó mar, e no 2008 ó agro. Na décima edición do ano 2009 a Feira recibiu o nome de Amor, escarnio e maldicir, en homenaxe ás cantigas medievais feitas en lingua galega. No 2013 dedicouse aos inventos, no 2014 á astronomía, no 2015 á alquimia, en 2016 á música, en 2017 aos bestiarios medievais e ás lendas en 2018. En 2019 a Feira Franca centrouse no río Lérez. En 2022 o tema central foi tamén o río Lérez[6] e en 2023 dedicouse aos números.[7]

Descrición[editar | editar a fonte]

Personaxes[editar | editar a fonte]

Grupo de visitantes ataviados con roupas medievais
Grupo de amigos na Feira Franca 2019
Evento na praza de touros.

Cidadáns e visitantes únense durante a festa para recrear os personaxes representativos da sociedade pontevedresa de 1467 e o ambiente desa época medieval. Están representados os diferentes estamentos sociais como damas e cabaleiros, bispos do clero e campesiños así como os diferentes oficios típicos por medio de artesáns, xograres, trobadores, músicos, artistas, comerciantes, tecedoras de redes de pesca, tecedores de liño, oleiros, toneleiros, cesteiros, ferreiros, carpinteiros ou tecedoras de encaixe.[2]

Actividades[editar | editar a fonte]

As distintas actividades históricas e lúdicas recrean e evocan o ambiente medieval da cidade da segunda metade do século XV cando era a cidade máis importante de Galicia.[8]

A festa ten a súa apertura co pregón na tarde do venres dos pregoeiros dacabalo por todo o centro histórico da cidade. A continuación realízanse desfiles de bufóns, malabaristas e trobadores. Unha actividade clave é a representación do transporte do viño, na que se evoca a chegada do viño á cidade desde a comarca do Ribeiro na provincia de Ourense e que se exportaba a España e ao estranxeiro desde o o porto medieval da cidade.[2]

Outras actividades que se celebran son os torneos e xustas medievais na praza de touros, as demostracións de cetrería, tiro con arco e esgrima, as presentacións de música e danza tradicional, demostracións de oficios de época, xogos e espectáculos, a degustación de alimentos medievais en postos da rúa, as comidas de grupos de comensais na rúa ao redor de grandes mesas dispostas para ese efecto por distintos puntos do casco antigo da cidade e na Alameda de Pontevedra[2] e a exhibición de embarcacións tradicionais entre a ponte do Burgo e a ponte das Correntes.[9]

Ambientación[editar | editar a fonte]

As rúas e prazas ambiéntanse e engalanan con estandartes, bandeirolas e escudos que colgan das fachadas e bandas de tea que recubren de xeito aéreo as rúas, balas de palla e outro atrezzo e un castelo medieval. Reconstrúense tamén en cartón pedra algunhas das portas da antiga muralla medieval da cidade como a porta da Alhóndiga ou de Santo Domingo, a de Santa Clara ou Rocheforte e a de Trabancas.[10]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]