Parque do Miradoiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°26′39″N 8°37′44″O / 42.444166666667, -8.6288888888889

Pérgola e miradoiro no parque.

O parque do Miradoiro é un parque público situado no barrio de Monte Porreiro da cidade de Pontevedra.

Localización[editar | editar a fonte]

O parque atópase no extremo oeste do barrio pontevedrés de Monte Porreiro. Está bordeado polas rúas de Dinamarca e de Francia e áchase moi próximo ao Centro Asociado da UNED na provincia de Pontevedra.

Historia[editar | editar a fonte]

O parque foi concibido a inicios do século XX como un xardín privado para o indiano retornado de Arxentina Casimiro Gómez Cobas, que comprou en 1900 a antiga Tenencia de San Antonio Abad de grandes dimensións, saída a poxa pública a finais do século XIX, e que rebautizou a leira como Villa Buenos Aires, en honra á súa estancia na capital arxentina, onde labrara unha gran fortuna.[1][2]

Casimiro Gómez encargou ao paisaxista portugués Jacinto de Matos, un dos máis importantes xardineiros-paisaxistas de Portugal na primeira metade do século XX, o deseño dun xardín no oeste da súa gran leira Villa Buenos Aires. Jacinto de Matos, propietario dun viveiro no Porto, dedicábase a deseñar xardíns, entre os cales realizou varios no sur de Galicia.[3] O paisaxista portugués deseñou un xardín cunha avenida central flanqueada por dúas fileiras de árbores. En 1908 o parque estaba xa acondicionado e ao final do paseo central do mesmo atopábase xa instalado un pequeno miradoiro de forma circular de estrutura metálica de ferro e coroado por unha cúpula ao que se accedía por seis chanzos de pedra e que foi concibido como miradoiro nun promontorio cara á paisaxe circundante e o río Lérez.[4]

Despois da Primeira guerra mundial Casimiro Gómez orientou a actividade da Villa Buenos Aires cara a unha granxa experimental[5] que actuou tamén como viveiro de sementes seleccionadas de piñeiros e eucaliptos.[6] Aos lados da avenida central do parque deseñado por Jacinto de Matos plantáronse dúas fileiras dobres de eucaliptos exóticos de gran porte. As árbores foron traídas do viveiro forestal de Areas no municipio pontevedrés de Tui, posto en marcha en 1906 polo enxeñeiro de montes Rafael Areses Vidal.[7][8][9] Décadas despois, coa desaparición da leira Villa Buenos Aires e o desenvolvemento urbanístico do barrio de Monte Porreiro nos anos 1970 o miradoiro cara ao Lérez foi totalmente transformado substituíndo a estrutura metálica por outra construción de cemento e o parque converteuse nun espazo público.[1]

A finais do ano 2000 o miradoiro foi restaurado polos alumnos da escola-taller de Monte Porreiro e creáronse tres áreas de descanso con bancos de pedra e camiños para unir o miradoiro e a rúa Dinamarca.[4] Entre 2006 e 2007 o parque que rodea o miradoiro foi acondicionado por estes alumnos coa instalación de bancos, beirarrúas, paneis informativos e papeleiras e creouse un parque infantil e un minigolf. Tamén se acondicionou o espazo natural que rodea o paseo central coa creación de camiños, a integración de aparcadoiros e a creación dun horto con árbores froiteiras.[10][11]

En 2008 o miradoiro foi realzado como elemento singular por medio dunha nova iluminación ornamental. O miradoiro foi iluminado cunha luz branca e definida, favorecendo a visión do conxunto desde diferentes puntos da cidade.[12]

En 2010 construíronse muros de pedra para a suxeición do terreo, creouse un novo camiño que percorre todo o espazo do parque, plantáronse arbustos, acondicionouse un circuíto de bicicleta BMX e habilitáronse na parte baixa do parque pistas deportivas con canastras e porterías.[13]

Descrición[editar | editar a fonte]

Paseo central do parque en 2023 cos seus eucaliptos exóticos.

O parque, delimitado case integramente pola rúa Dinamarca en todo o seu perímetro e ao leste pola rúa Francia, ten unha superficie de 60 000 m² e está configurado a partir dun paseo central que parte da rúa Francia como continuación da rúa Italia.[13] Nalgúns puntos dispersos do parque e ao redor do paseo central atópanse cen exemplares de eucaliptos exóticos de grosos troncos na base e copas amplas e frondosas.[14][15] Estes eucaliptos dispostos a ambos os dous lados da avenida central correspondente ao deseño orixinal do xardín, forman unha dobre aliñación e entre eles áchanse especies de eucalipto do maná, eucalipto rosado, eucalipto azul e eucalipto botryoides.[9]

O paseo central do parque do Miradoiro está iluminado por unha vintena de farois que dan acceso ao miradoiro ao final do paseo iluminado de modo ornamental e con boas vistas sobre o tramo final do río Lérez.[16] O miradoiro actual é unha construción octogonal que conserva os chanzos de pedra orixinais e ten unha terraza superior con balaustrada á que se accede por unha escaleira exterior lateral dereita. No lado noroeste do parque atópanse un minigolf de 18 foxos e un parque infantil.[11]

Nas inmediacións do miradoiro atópase unha pérgola sustentada por seis columnas de granito, que acubilla un espazo con catro bancos de pedra. Á beira da rúa Dinamarca, que rodea a parte baixa do parque do miradoiro, áchanse dúas pistas deportivas con canastras e porterías.[13]

O parque constitúe o espazo de encontro veciñal por excelencia do barrio de Monte Porreiro e é moi frecuentado tamén polo resto dos pontevedreses.[17]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "El pasado olvidado de Monte Porreiro". La Voz de Galicia (en castelán). 18 de xullo de 2021. 
  2. "Villa Buenos Aires del Lérez al Titanic". El Correo Gallego (en castelán). 29 de maio de 2022. 
  3. "Na Galiza, à descoberta do tesouro botânico de Lourizán". Público (en portugués). 21 de outubro de 2023. 
  4. 4,0 4,1 "Recuperar las mejores vistas". La Voz de Galicia (en castelán). 21 de xullo de 2000. 
  5. "El Concello se hace cargo de los jardines de la Uned para su apertura al público". Faro. 23 de outubro de 2021. 
  6. Carmona Badía 2009, p. 299.
  7. Álvarez Álvarez, Rico Boquete & Rodríguez Soalleiro 2003, p. 262.
  8. "Un vivero forestal único convertido en una selva". Cadena Ser. 1 de xuño de 2023. 
  9. 9,0 9,1 "Pontevedra, tierra de los árboles gigantes". La Voz de Galicia. 8 de agosto de 2021. 
  10. "El mirador de Monte Porreiro estrena alumbrado ornamental". La Voz de Galicia (en castelán). 16 de marzo de 2008. 
  11. 11,0 11,1 "La Escuela Taller de Monte Porreiro mejora sustancialmente sus instalaciones con una nueva nave". La Voz de Galicia (en castelán). 3 de agosto de 2008. 
  12. "Iluminación ornamental para el mirador de Monte Porreiro". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de xaneiro de 2008. 
  13. 13,0 13,1 13,2 "Monte Porreiro, entre planes urbanos y obras lúdicas". Faro (en castelán). 29 de outubro de 2010. 
  14. "El Concello poda los eucaliptos de gran porte del paseo central del Mirador de Monte Porreiro". Diario de Pontevedra (en castelán). 8 de xuño de 2013. 
  15. "Podas en altura de los eucaliptos de gran porte del paseo central del Mirador". Pontevedra Viva (en castelán). 8 de xuño de 2013. 
  16. Riveiro Tobío 2008, p. 74.
  17. "Podan los eucaliptos del Mirador de Monte Porreiro". Faro (en castelán). 9 de xuño de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]