Saltar ao contido

Edificio do Colexio Oficial de Aparelladores e Arquitectos Técnicos de Pontevedra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Edificio do Colexio Oficial de Aparelladores e Arquitectos Técnicos de Pontevedra
Pontevedra Editar o valor en Wikidata
Imaxe
 Instancia de
Implicados
 Arquitecto/a
Datas
 Fundación / creación
1931 Editar o valor en Wikidata
Historia
 Acontecementos importantes
Localización
 Situado en
 Localización
 Enderezo
Rúa Enfesta de San Telmo, 23 Editar o valor en Wikidata
 Coordenadas
Códigos e identificadores
Código postal36002 Editar o valor en Wikidata
Wikidata C:Commons

O edificio do Colexio Oficial de Aparelladores e Arquitectos Técnicos de Pontevedra é unha casa señorial de principios do século XX na cidade de Pontevedra.

Localización

[editar | editar a fonte]

O edificio está situado no número 23 da rúa Enfesta de San Telmo, no centro histórico de Pontevedra, con fachadas para a praza do Peirao e a rúa do Barón.[1] Está en fronte do pazo dos Condes de Maceda, actual Parador de Turismo de Pontevedra.[2]

Existen referencias dun edificio nesta localización desde o século XV.[3] Nun plano da cidade de 1856 do cartógrafo e tenente coronel de enxeñeiros Francisco Coello de Portugal y Quesada xa se recolle a existencia dunha construción neste espazo. A casa pertenceu ao empresario e filántropo Casimiro Gómez Cobas.[1] No ano 1931 engadíuselle un piso a outro xa existente, pero non foi ata mediados dos anos 50 do século XX cando, segundo o proxecto do arquitecto Juan Argenti Navajas, engadíuselle un andar máis cun faiado baixo a cuberta, que configurou a súa estrutura actual.

En 2002, o Colexio Oficial de Aparelladores e Arquitectos Técnicos de Pontevedra comprou o edificio e adxudicou a súa restauración ao arquitecto Celestino García Braña. As obras empezaron en marzo de 2004[4] e o edificio inaugurouse como sede do Colexio de aparelladores da provincia de Pontevedra o 25 de maio de 2005[2][5] para prestar servizo aos colexiados de toda a provincia.[6]

Descrición

[editar | editar a fonte]

O edificio ten unha superficie de 1800 metros cadrados, divididos en planta baixa, dous andares e faiado.[1]

É un edificio exento[7] de pedra de planta rectangular. A fachada exterior presenta unha gran cheminea de pedra na parte dereita da fachada norte e arcos rebaixados nas fiestras do primeiro e segundo andares. Na fachada da rúa Barón presenta no primeiro piso un balcón ao longo da fachada e no segundo piso un balcón no centro e dúas galerías nos extremos.[4] Na planta baixa as xanelas e portas están protexidas con elementos de aceiro corten, que amosan un deseño de acuñados en forma de folla de carballo que achegan luminosidade ao interior. No tellado, a cuberta de tellas está rematada nos laterais das fachadas sur e norte con prominentes gárgolas de cobre.

No interior o edificio está presidido por unha bóveda invertida azul a 12 metros de altura que coroa o oco das escaleiras do edificio[2][3] e onde os focos simulan un aspecto estrelado.[8] As escaleiras terminan nun espazo libre na planta baixa no que conflúen as dúas entradas. No faiado ábrese unha xanela na fachada norte que ilumina diagonalmente o interior. Os chans son de madeira e o formigón á vista e a madeira constitúen a base da estrutura.[3] Os tabiques interiores están pintados ao óleo e as varandas das escaleiras están realizadas en cristal. A planta baixa alberga unha sala de exposicións e unha área de atención ao público, a primeira despachos e biblioteca,[9] a segunda sala de xuntas, aulas de formación e despacho do decano do colexio e o baixo cuberta un arquivo.[3]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Varios autores. Sede del Colegio Oficial de Aparejadores y Arquitectos de Pontevedra. Ed. COAAT. Pontevedra 2006.

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]