Convento de San Francisco de Pontevedra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Convento de San Francisco de Pontevedra
Vista xeral
PaísEspaña
LocalizaciónPontevedra
Coordenadas42°25′53″N 8°38′35″O / 42.431266, -8.643133Coordenadas: 42°25′53″N 8°38′35″O / 42.431266, -8.643133
DioceseArquidiocese de Santiago de Compostela
editar datos en Wikidata ]

O convento de San Francisco é un convento franciscano de Pontevedra, situado no centro da vila. Na actualidade está ocupado por catro frades[1].

Historia[editar | editar a fonte]

Segundo a tradición, o convento foi fundado por Francisco de Asís, que parou en Pontevedra mentres facía a ruta Portuguesa do Camiño de Santiago. A chegada da orde franciscana á cidade tivo lugar posiblemente no último terzo do século XIII. Un dato historicamente comprobado é que a fundación existía xa en 1274, segundo consta no Arquivo Nacional e en papeis do mosteiro de Armenteira, testamentaría de Arias Fernández[2]. A edificación contou coa axuda económica dos herdeiros de Paio Gómez Chariño nun soar da casa de Soutomaior, naquela época aínda fóra do perímetro da muralla da cidade.

A opulencia desta construción provocou envexa nos membros da orde dominica instalados na cidade, que remataran a súa igrexa dez anos antes, e que decidiron iniciar en 1380 a construción doutra igrexa maior que a franciscana, con cinco ábsidas. En 1362 iniciouse a construción da cabeceira da igrexa das monxas clarisas na cidade, similar á de San Francisco, pero de menor tamaño. Ademais destas tres construcións, a igrexa parroquial de San Bartolomeu fora ampliada entre 1337 e 1339. Este grande apoxeo na construción debeuse ó gran número de doazóns económicas procedentes de familias pudentes, temorosas da morte procedente da peste bubónica que asolagou Europa nesa época.

A igrexa é de estilo gótico tardío ou oxival, e foi declarada monumento histórico-artístico en 1896. Ten planta de cruz latina, con nave única, cruceiro, cuberta de madeira e cabeceira con tres ábsidas poligonais, cubertas con bóvedas de crucería.

O edificio que ocupa a Delegación de Facenda foi construído en 1800, e inclúe a porta de Santo Domingo da antiga muralla da cidade, do século XIII.

Sartego de Pai Gómez Chariño

No seu interior están os sartegos de Pai Gómez Chariño, Xoán Feijoo de Soutomaior, e Paio de Montenegro.

Logo da desamortización de Mendizábal o recinto quedou deshabitado, sendo propiedade do concello. O 15 de xaneiro de 1909, o pai Luis María Fernández Espinosa e 5 relixiosos máis volveron habitar o recinto, cun contrato de alugueiro de 25 anos, a 250 pesetas por ano. En 1930 o templo foi cedido por Real Orde.

Nunha noite de verán de 1995 o templo sufriu un incendio, sendo restaurado pouco tempo despois.

Neste convento está o comedor de San Francisco, que de luns a sábado dá de comer a un bo número de necesitados.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]