Capela da Virxe Peregrina de Pontevedra
Capela da Virxe Peregrina de Pontevedra | |
---|---|
Fachada da Capela da Peregrina, declarada Monumento histórico-artístico en 1982 | |
Datos xerais | |
País | España |
Tipo | Capela |
Advocación | Virxe Peregrina (Virxe do Camiño) |
Localización | Pontevedra |
Coordenadas | 42°25′51″N 8°38′37″O / 42.4308, -8.64361 |
Culto | |
Culto | Católico |
Diocese | Santiago de Compostela |
Arquitectura | |
Construción | 1778-1792 |
Estilo | Barroco, Neoclásico |
Páxina web | https://vivecamino.com/pontevedra/iglesia-de-la-virgen-peregrina-3358/ |
[ editar datos en Wikidata ] |
A capela da Virxe Peregrina é un templo relixioso situado en Pontevedra, declarada Ben de Interese Cultural. Foi construída a partir do 18 de xuño de 1778, seguindo un proxecto de Antonio Souto costeado pola confraría da súa advocación. A primeira misa celebrouse o 2 de agosto de 1794.
Historia
[editar | editar a fonte]A orixe da capela remóntase a 1753, ano no que se fundou unha congregación dedicada ao culto da Virxe do Camiño, que posteriormente deu lugar na Congregación da nosa Señora do Refuxio a Divina Peregrina.
En 1757 elaborouse un altar para a imaxe da Virxe Peregrina na capela da Virxe do Camiño, o que se traduciu na aparición de problemas propios de ter dúas imaxes con diferente tutela (recollida de esmolas, repique de campás...).
A xustiza e o goberno municipal, por estes e outros motivos, ordena sacar a imaxe e o retablo do templo, que se trasladan a unha nova capela de madeira nun soar extramuros, xunto á Porta de Trabancas. Dous anos máis tarde, ao abrirse unha canteira nun monte propiedade dun dos membros da congregación en Santo Amaro de Moldes ponse a primeira pedra do santuario. A súa construción remata en 1792, ano no que se penduran as campás, a porta, as vidreiras e máis tarde o adro, consagrado dous anos máis tarde.
Cara a 1795, debido a unha treboada que causa graves danos ao templo, derrúbase parte da súa torre norte, e non será arranxada até 80 anos despois (1873), intre no que se instalan tamén dous pararraios. Non só a Capela sufriu mudanzas. A contorna no que nun inicio situouse a capela tamén mudou. A cidade sufriu unha importante remodelación urbanística desde mediados do século XIX, e o adro substituíuse por unha grande escalinata.
En 1981 lévase a cabo a primeira restauración do Santuario para reparar danos estruturais importantes (había grandes fendas no edificio producidas por un desprazamento dos alicerces). Foi levada a cabo por César Portela e Xosé Bar Boo.
O templo foi sometido a unha profunda rehabilitación entre 2007 e 2008, dado que debido ao peso da construción e a carencia de contrafortes, así como ao impacto de diversos raios, a edificación sufría serios danos. Tamén se restauraron as vidreiras, muros, a pintura e o reloxo da torre entre outros elementos.
No ano 2011 foi declarada Ben de Interese Cultural[1][2].
Arquitectura
[editar | editar a fonte]Ten planta de cuncha de vieira, símbolo dos peregrinos, con remate en cruz. É de estilo barroco tardío con formas neoclásicas, así como o seu retablo maior, de 1789. A imaxe central da patroa é do século XIX. A fachada, con tres fornelos coas figuras de san Roque, Santiago Apóstolo e santa María, ten dúas torres e unha alegoría da fe.
Na entrada hai unha cuncha, que serve de pía de auga bendita, traída polo mariño Casto Méndez Núñez do océano Pacífico. O reloxo da torre foi instalado en 1896, procedente do Hospital de San Xoán de Deus. O chan de mármore foi instalado en 1964, por unha doazón de Manuel Durán.
No seu adro hai unha fonte cunha estatua de Teucro.
Galería de imaxes
[editar | editar a fonte]- Artigo principal: Galería de imaxes da capela da Virxe Peregrina.
-
Retablo maior
-
Pía de auga bendita traída por Casto Méndez Núñez
-
Parte posterior da capela.
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ DECRETO 202/2011, do 13 de outubro, polo que se declara ben de interese cultural, coa categoría de monumento, o Santuario da Nosa Señora do Refuxio A Divina Peregrina, no termo municipal de Pontevedra, na provincia de Pontevedra. DOG. nº 27 do 28/10/2011.
- ↑ "O Santuario da Peregrina, BIC" Arquivado 06 de setembro de 2012 en Archive.is, artigo na web do concello de Pontevedra.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Capela da Virxe Peregrina de Pontevedra |
Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Fernández Arruti, M. C.: La Capilla de Nuestra Señora del Refugio La Divina Peregrina; estudio histórico-artístico. Deputación de Pontevedra, 1988.