Rúa Benito Corbal (Pontevedra)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°25′49″N 8°38′27″O / 42.43022381446, -8.6408642792965

Rúa Benito Corbal
Rúa Benito Corbal, tramo peonil
Tipoloxíarúa
Dimensións
Lonxitude0,48 km
Formatopeonil (primeiro tramo), un carril e dúas beirrarúas (segundo tramo)
Localización
InicioPraza da Peregrina, Praza da Ferrería
FinRúa Doutor Loureiro Crespo, Rúa Cobián Areal, Rúa José Millán

A rúa Benito Corbal é unha rúa de Pontevedra situada no ensanche da cidade. É unha das súas rúas principais, coñecida como a milla de ouro.[1]

Orixe do nome[editar | editar a fonte]

A rúa está dedicada desde 1928 ao empresario e político pontevedrés Benito Corbal (1853-1926). A el debeuse o traslado do campo da feira á praza de Barcelos e a construción de máis do 80% dos edificios da rúa que leva o seu nome (entre eles o seu propio domicilio no número 34).[2][3][4]

Historia[editar | editar a fonte]

As orixes da actual rúa Benito Corbal están no trazado do novo camiño ou estrada cara a Ourense que substituíu en 1844 o Camiño Vello de Castela como principal saída da cidade cara á meseta. Esta nova entrada á cidade, cuxa parte máis céntrica corresponde a actual rúa Benito Corbal, chegaba ata as proximidades da igrexa da Virxe Peregrina.[5]

En 1868 derrubouse o tramo da antiga muralla de Pontevedra entre a porta de Trabancas e o convento de San Francisco para abrir o paso desde a praza da Ferrería á nova estrada de Ourense.[6]

A rúa converteuse no eixo principal de desenvolvemento da cidade, acaparando a maior parte da actividade construtora. Por ese motivo, o 28 de abril de 1894 a corporación municipal de Pontevedra acordou denominala rúa do Progreso, desde a praza da Ferrería ata o Hospital Provincial de Pontevedra, que se acababa de empezar a construír.[2]

En 1909 inaugurouse no número 21 da rúa o Hotel Progreso nun singular edificio de pedra de nova construción de tres andares e bufarda. Foi un dos referentes da vida social da cidade e acolleu durante medio século grandes vodas e homenaxes ata a súa derriba en 1974.[7]

En 1915 ante o incremento do tránsito na rúa, inaugurouse nun soar que albergaba antes unhas cocheiras o Edificio Gran Garaje como parada de carruaxes.[8][9]

En 1926 despois da morte de Benito Corbal, o presidente da Sociedade Patronal de Pontevedra, apoiado por máis de dous terzos dos veciños da rúa solicitou que se lle dese o nome de Benito Corbal á rúa Progreso por ser un home laborioso e amante de Pontevedra. O cambio de nome da rúa produciuse o 18 de abril de 1928.[10][4]

Primeiro tramo da rúa na beira do centro histórico.

En 1938 naceu na rúa o restaurante Calixto (pechado en 1992), xa que os seus fundadores pensaron que había que dar para comer a quen paraba na súa posta de cabalos. Foi o primeiro restaurante de Pontevedra citado na guía Michelín.[11][12]

En 1943 abriuse no número 15 da rúa Benito Corbal un dos cinemas máis importantes da cidade con capacidade para 1200 espectadores, o Cinema Victoria, que pechou a finais de marzo de 2002 coa proxección da película francesa Amélie.[13][14][15]

En 1951, debido ao incremento de automóbiles e do tráfico rodado, inaugurouse a coñecida gasolineira Costa Giráldez no número 49 da rúa. O soar foi cedido por Valentín Costa Giráldez ao concello. O local, que era aparcadoiro, taller e gasolineira, estivo aberto ata finais de 2017.[16][1]

En 1958 inaugurouse o emblemático Hotel Universo na esquina da rúa Benito Corbal coa rúa Sagasta. O seu xardín chegaba ata a confluencia da rúa Cruz Gallástegui. Foi un referente da vida social pontevedresa coa súa cafetería, o seu restaurante, a súa boîte (sala de festas) e os seus salóns de té e marcou unha época na cidade. O hotel pechou en 1977.[17]

Tamén en 1958 inaugurouse no número 47 da rúa un edificio propio para a Xefatura Provincial do Movemento, que coa chegada da democracia reformouse por completo. Converteuse a finais dos anos 70 en sede da Delegación Provincial do Ministerio de Cultura na provincia de Pontevedra. O 30 de xuño de 1986 tras unha reforma integral interior e exterior pasou a ser a sede da Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra e abriu as súas portas o 20 de outubro de 1986. En 2018 acometeuse unha reforma integral do edificio e reinaugurouse o 17 de xuño de 2019.[18][19][20]

O 15 de novembro de 2013 inaugurouse a peonalización do primeiro tramo da rúa Benito Corbal, entre a rúa Daniel de la Sota e a rúa Sagasta.[21]

O 10 de marzo de 2022 a cadea de supermercados Gadis abriu despois dunha reforma integral do antigo edificio de Costa Giráldez, o seu supermercado máis grande de Galicia nun centro urbano, con dúas plantas e 2.200 metros cadrados de superficie de venda.[22]

Descrición[editar | editar a fonte]

É unha rúa en pleno centro da cidade cun trazado de medio quilómetro en liña recta e predominantemente chaira. Ten unha anchura media de 12 metros.

É unha rúa céntrica no ensanche da cidade, peonil entre a praza da Peregrina e a praza da Ferrería na beira do centro histórico de Pontevedra[23] e a rúa Sagasta e cun carril de circulación e dúas beirarrúas desde a rúa Sagasta ata a rúa Cobián Areal. Toda a rúa está arborizada[24] lonxitudinalmente no seu lado norte con sóforas.

No seu trazado conflúen múltiples rúas, de oeste a leste: Daniel de la Sota, Cobián Roffignac, Xenaro Pérez de Villamil (baixada á praza de Barcelos), Sagasta, Vasco da Ponte, Lepanto (peonil),[25] Blanco Porto e Javier Puig.

É unha das rúas principais da cidade e un dos centros neurálxicos da mesma, onde se atopa a superficie comercial máis ampla da cidade con múltiples comercios e franquías nacionais e internacionais.[3][26]

Edificios destacados[editar | editar a fonte]

Na rúa Benito Corbal había numerosos edificios modernistas de principios do século XX que se perderon ao ser demolidos como consecuencia do desenvolvismo e da especulación inmobiliaria dos anos 70 e 80 do século XX na cidade.[9]

Edificio modernista Gran Garaje no número 8.

O inicio da rúa coincide coa parte traseira da Igrexa da Virxe Peregrina, un dos edificios máis simbólicos de Pontevedra, Ben de Interese Cultural. Trátase dun templo barroco circular con elementos neoclásicos e planta de cuncha vieira, terminado de construír en 1792.[27]

Os edificios dos números 1, 5 e 9 da rúa, na beira do centro histórico da cidade, moi preto da igrexa do convento de San Francisco datan do século XIX.[28]

No número 8 da rúa atópase o Edificio modernista Gran Garaje. Foi construído en 1915 e é unha das mostras que se conservan de edificios modernistas na cidade. Destaca pola cor branca da súa fachada e a decoración na mesma. Na actualidade acolle unha tenda da cadea de roupa Mango.[9]

No número 17 atópase o Edificio Domínguez, un edificio de pedra de catro andares obra do arquitecto José Barreiro Vázquez, construído entre 1947 e 1949.[29] No número 11 da rúa coa esquina da rúa Cobián Roffignac sitúase outro edificio de pedra de cinco andares, o Edificio Martínez, deseñado en 1948 polo arquitecto Juan Argenti Navajas.[30]

No número 47 da rúa sitúase un dos edificios da Xunta de Galicia na cidade, que fora nas dúas últimas décadas do século XX a súa sede principal en Pontevedra. A finais dos anos 70 foi sede provincial do ministerio de Cultura e en 1986 reformouse totalmente. Reformouse novamente por completo en 2019, adquirindo a súa característica cor azul no exterior.[31][18][19][32]

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Setenta años de una esquina emblemática de la milla de oro de Pontevedra: de la primera gasolinera urbana a un hipermercado". La Voz de Galicia (en castelán). 11 de marzo de 2022. 
  2. 2,0 2,1 "El punto neurálgico de la ciudad". Pontevedra Viva (en castelán). 30 de xuño de 2017. 
  3. 3,0 3,1 "Quién fue Benito Corbal, el gran creador de empleo de Pontevedra". El Español (en castelán). 25 de abril de 2021. 
  4. 4,0 4,1 "Benito Corbal Estévez y "el progreso"". Diario de Pontevedra (en castelán). 7 de xuño de 2020. 
  5. Durán Villa 2000, p. 90.
  6. "1852-2012: Del derribo de la muralla a su recuperación". La Voz de Galicia (en castelán). 30 de decembro de 2012. 
  7. "El Hotel Progreso". Faro (en castelán). 3 de novembro de 2019. 
  8. "La «milla de oro» recupera al Gran Garaje como superficie comercial". La Voz de Galicia (en castelán). 4 de maio de 2017. 
  9. 9,0 9,1 9,2 "Uno de los últimos vestigios de la época dorada del modernismo en la ciudad". La Voz de Galicia (en castelán). 7 de febreiro de 2016. 
  10. "Benito Corbal". Pontevedra Viva (en castelán). 19 de novembro de 2013. 
  11. "El Méndez Núñez y el Calixto, pioneros en la publicación". La Voz de Galicia (en castelán). 14 de xullo de 2013. 
  12. "Una madraza dicharachera que regentó junto a su marido el restaurante Calixto". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de xuño de 2019. 
  13. "Cuando la oscuridad era un paraíso". Diario de Pontevedra (en castelán). 2 de outubro de 2022. 
  14. "«Amélie» puso fin al cine Victoria". La Voz de Galicia (en castelán). 17 de marzo de 2017. 
  15. "1999: De cuando el cine en Pontevedra duplicaba el número de sus salas". La Voz de Galicia (en castelán). 31 de agosto de 2021. 
  16. "El adiós del garaje que vio pasar los primeros coches de Pontevedra". La Voz de Galicia (en castelán). 9 de marzo de 2022. 
  17. "«El Hotel Universo marcó una época en la sociedad pontevedresa»". La Voz de Galicia (en castelán). 12 de xaneiro de 2020. 
  18. 18,0 18,1 "La huella de la jefatura del Movimiento". Faro (en castelán). 3 de xullo de 2011. 
  19. 19,0 19,1 "El edificio administrativo de Benito Corbal comienza su "segunda vida"". Pontevedra Viva (en castelán). 17 de xuño de 2019. 
  20. "La Casa de los Calzoncillos". Faro (en castelán). 10 de novembro de 2019. 
  21. "Una "fiesta ciudadana" da la bienvenida a Benito Corbal al área peatonal de la ciudad". Pontevedra Viva (en castelán). 15 de novembro de 2013. 
  22. "Gadis abre en Pontevedra su supermercado más grande en un centro urbano". Diario de Pontevedra (en castelán). 10 de marzo de 2022. 
  23. Durán Villa 2000, p. 96.
  24. "La milla de oro poda sus árboles". Diario de Pontevedra (en castelán). 17 de agosto de 2018. 
  25. "La humanización de la calle Lepanto concluirá esta semana". Pontevedra Viva (en castelán). 29 de outubro de 2019. 
  26. "Benito Corbal, el escaparate preferido". La Voz de Galicia (en castelán). 30 de xaneiro de 2019. 
  27. "Decreto 202/2011, de 13 de octubre, por el que se declara bien de interés cultural, con la categoría de monumento, el Santuario de Nuestra Señora del Refugio La Divina Peregrina, en el término municipal de Pontevedra." (pdf). Boletín Oficial del Estado (en castelán). 9 de decembro de 2011. 
  28. Fontoira Surís 2009, p. 528.
  29. Abelleira Doldán 2016, p. 41.
  30. Abelleira Doldán 2016, p. 44.
  31. "Una empresa coruñesa completará la reforma de la sede de Benito Corbal". Diario de Pontevedra (en castelán). 20 de febreiro de 2020. 
  32. "Azul metálico, el antiguo edificio de la Xunta en Benito Corbal muestra su color". Pontevedra Viva (en castelán). 28 de decembro de 2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]