Casa de Correos e Telégrafos de Pontevedra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Pazo de Correos e Comunicacións de Pontevedra
Edificio
TipoEdificio de correos
Estilomodernista
LocalizaciónPontevedra
Coordenadas42°25′48″N 8°38′42″O / 42.43, -8.6449Coordenadas: 42°25′48″N 8°38′42″O / 42.43, -8.6449
PropietarioConcello de Pontevedra
Construción
Inicio1915
Remate1929
Dimensións
Plantas5 (planta baixa + 2 andares + semisoto + faio)
Equipo
Arquitecto(s)Carlos Gato Soldevilla
ContratistaCándido Casalderrey
editar datos en Wikidata ]

O Pazo de Correos e Telecomunicacións é un edificio histórico da cidade de Pontevedra, situado entre as céntricas rúas da Oliva e García Camba, en pleno corazón comercial e financeiro da cidade. Dende a súa construción foi sede principal da compañía estatal de Correos e Telégrafos e alberga a Xefatura Provincial de Correos de Pontevedra. Diante da súa fachada principal atópase unha oliveira, árbore da que tomou o seu nome nas súas orixes á rúa da Oliva pontevedresa.

Historia[editar | editar a fonte]

No século XIX Pontevedra necesitaba unha sede central de correos acorde coa súa condición de capital de provincia. En 1908, o ministro da Gobernación, Juan de la Cierva Peñafiel, anunciou a construción dun novo edificio de correos na cidade. En 1910 iniciáronse as xestións para a procura de terreos para o edificio. En 1911, o Consello de Ministros aprobou a construción e elixiuse un terreo entre as rúas Oliva e García Camba proposto polo Marqués de Riestra, un polígono irregular de seis lados cunha superficie de 800 metros cadrados.[1]

No ano 1912 o concello de Pontevedra comprou os terreos ao Marqués de Riestra por 115 000 pesetas e cedeunos ao estado. As bases do concurso para a construción do edificio fixéronse públicas en 1913 e elixiuse o proxecto modernista do arquitecto madrileño Carlos Gato Soldevilla (autor de edificios art nouveau como o pavillón do Ministerio de Fomento de Madrid). A construción do edificio adxudicouse en 1915 ao contratista Cándido Casalderrey por 348 967 pesetas. As obras comezaron ese mesmo ano.[1]

As obras duraron varios anos e interrompéronse en varias ocasións debido á falta de pago por parte do Estado e á débeda acumulada co contratista. En 1926 destináronse 200 000 pesetas para terminar a construción, que estaba paralizada desde 1923. O Pazo de Correos e Telecomunicacións de Pontevedra inaugurouse en 1929,[2] ano no que se colocaron os emblemáticos leóns na fachada sur do edificio como caixas de correos para o estranxeiro e España.[3] En maio de 1930 amoblouse o edificio.[1]

Por mor do seu valor histórico, a comezos do século XXI encargouse ao arquitecto tamén madrileño Enrique Solana de Quesada a redacción do proxecto de rehabilitación do inmoble.[4] Tras a súa rehabilitación reabriuse ao público en xullo de 2003.[5]

Construción e estilo[editar | editar a fonte]

O edificio pertence ao estilo modernista que imperaba nos primeiros anos do século XX. O arquitecto expúxoo inspirándose nos edificios do Norte de Europa. Arelaba expresamente unha descrición coa Renacenza flamenga, coa distinción galega da construción en pedra.

A construción, do mesmo xeito que a maioría dos edificios de Correos españois está artellada ao redor dun atrio central de operacións sobre un vestíbulo público. Existe outro atrio máis pequeno e do redor destes atrios articúlanse todas as dependencias. O último dos tres andares dos que consta fica baixo unha cuberta crebada con lucernarios.[4]

O edificio está realizado en granito e ten semisoto, planta terrea, dous andares e faio con lucarnas no aproveitamento baixo cuberta. Os vans do primeiro andar levan saínte nos linteis e os do último teñen linteis en arco de cortina con arco de círculo duplo. Hai un gran friso á altura do teito da planta baixa.

A entrada principal preséntase no canto a xeito de chafrán con arcos repousando en columnas clásicas e escaleiras de pedra que dan acceso a un ástrago de entrada elevado. Consta de decoración de figuras xeométricas de pedra na fachada especialmente no nivel do faio, e xanelas xeométricas en cada un dos niveis. Coroando o nivel superior por riba da entrada principal atópase o escudo en pedra da cidade.[6]

Na fachada sur hai dous leóns de bronce (os únicos orixinais en Galicia) cuxas bocas serven de caixas para a introdución do correo para o estranxeiro e para España e representan a garda e a seguridade tanto do edificio como da correspondencia.[3]

O interior, dunha gran luminosidade, combina o uso de materiais como o vidro, a madeira e a escaiola, salientando a magnífica bóveda acristalada en cores,[4] que conta como elemento central o escudo de Pontevedra coa súa ponte, cruceiro, antigo castelo e torre ameada. Na cuberta da sala grande na que se desenvolve a vida pública do edificio atópase unha fermosa vidreira que recolle mediante a técnica da grisalla o escudo da cidade. Son 2452 pezas de vidro que chegan a formar unha superficie de 98 m².

O escudo heráldico da cidade mide 4 metros de alto por 2,52 metros de largo e vese arrodeado por un riberete con vinte rosetóns. Rehabilitado no ano 2003, recuperou grazas ao labor da firma coruñesa Azpilcueta, todo o seu esplendor. A técnica empregada para debuxar o escudo sobre o vidro é a grisalla, na que se actúa por extirpación do pigmento, xa que a cor achégaa ao propio vidro. Ademais esta técnica procura deter a luz que atravesa o vidro creando novas sensacións no espazo.

Na decoración do vestíbulo central empregouse a pintura ao óleo en xeral e en imitacións ao bronce, o dourado, o mosaico, a cerámica e a vidreira artística.

En 1916, o arquitecto da sede central de correos de Pontevedra, Carlos Gato Soldevilla, deseñou tamén o edificio da sede central de correos de Burgos.[7]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 "La Casa de Correos, la obra interminable". Diario de Pontevedra (en castelán). 25 de agosto de 2019. 
  2. "A Correos sí, pero sin bebé". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de xaneiro de 2013. 
  3. 3,0 3,1 "Guardias de la correspondencia". La Voz de Galicia (en castelán). 12 de xuño de 2003. 
  4. 4,0 4,1 4,2 "El edificio de Correos volvió a la luz". Diario de Pontevedra (en castelán). 14 de maio de 2013. 
  5. "Correos trasladaba su sede de A Oliva para su reforma". La Voz de Galicia (en castelán). 20 de xullo de 2019. 
  6. Fontoira Surís, Rafael, 2009, Pontevedra Monumental, Pontevedra, Deputación de Pontevedra, p. 431
  7. "75 aniversario ETSAM" (PDF). ETSAM (en castelán). 15 de maio de 2011. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Fontoira Surís, Rafael (2009): Pontevedra monumental, páx. 431. Pontevedra: Deputación de Pontevedra. ISBN 978-84-8457-327-2

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]