Rúa Sarmiento (Pontevedra)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°25′58″N 8°38′35″O / 42.432861111111, -8.6430555555556

Rúa Sarmiento
A rúa Sarmiento en 2023
Tipoloxíarúa
Dimensións
Lonxitude0,29 km
Formatopeonil
Localización
InicioRúa Real
FinRúa Cobián Roffignac

A rúa Sarmiento é unha rúa da cidade de Pontevedra situada en pleno centro histórico da cidade.

Orixe do nome[editar | editar a fonte]

A rúa toma o nome de Frei Martín Sarmiento (1695-1772), escritor e erudito que pasou a súa infancia e parte da súa mocidade en Pontevedra.[1] O Padre Sarmiento estudou de neno no antigo colexio xesuíta da rúa que leva o seu nome.[2][3]

Historia[editar | editar a fonte]

A rúa Sarmiento é unha das rúas máis antigas de Pontevedra, documentada xa en 1437 no libro do Concello Vello.[4] Era o eixo principal do casco antigo pontevedrés xunto á rúa Isabel II en torno ao cal se estruturaron outras rúas secundarias formando un exemplo clásico de vila medieval con plano en espiña de peixe.[5]

Na Idade Media o tramo onde se localiza o pazo de García Flórez ata a rúa Gregorio Fernández denominábase rúa de Nuño Fatel e formaba parte da última ampliación da muralla da cidade realizada no século XV.[6] O outro tramo da rúa denominábase rúa da Feira.[4] A entrada no recinto amurallado dos viaxeiros procedentes de Castela realizábase pola rúa Sarmiento.

En 1561 parte da rúa conservaba aínda o nome de Nuño Fatel, que desapareceu no século seguinte, quedando englobado dentro do nome xenérico de Feira Vella,[4] denominación coa que se identificaba a praza da Verdura.

A partir de 1653 a rúa recibiu o nome de rúa da Compañía, feito motivado pola construción do colexio da Compañía de Xesús no seu tramo final[4] e a instalación dos xesuítas nel. En 1854 a rúa pasou a denominarse definitivamente rúa Sarmiento.

Descrición[editar | editar a fonte]

A rúa Sarmiento segue un eixo oeste-este e atópase localizada entre a rúa Real e a confluencia das rúas Cobián Roffignac e Padre Amoedo.[7] O seu trazado transcorre polo lado norte das prazas de Méndez Núñez[8] e da Verdura.

É unha rúa peonil empedrada de 290 metros de lonxitude, cun trazado lixeiramente sinuoso e unha suave pendente cara ao centro do trazado, en pleno centro do casco antigo de Pontevedra. Nela conflúen rúas como Don Gonzalo, César Boente ou Pasantería.[9] A súa anchura media é de 3,60 metros.

É a rúa transversal de oeste a leste máis importante do casco antigo da cidade xunto coa rúa Isabel II. Nela atópanse diferentes establecementos comerciais, establecementos hostaleiros e edificios monumentais como a igrexa de San Bartolomeu, o colexio da Compañía de Xesús, o pazo de García Flórez pertencente ao museo de Pontevedra ou o palacete ecléctico decimonónico de Bernardo López Abadín[10] no soar da antiga casa da familia Bermúdez de Castro coñecida como casa da Misericordia.[11]

Edificios destacados[editar | editar a fonte]

Na rúa Sarmiento destaca a igrexa barroca de San Bartolomeu, construída entre 1695 e 1714, pola Compañía de Xesús, segundo os planos da Igrexa do Gesù de Roma. É a igrexa do Colexio anexo a ela que os xesuítas posuíron na cidade entre 1650 e 1767.[12][13] É un dos poucos exemplos existentes da arquitectura barroca italiana en Galicia, coa que se introduciu o barroco internacional.[14] Na súa fachada, as 6 grandes columnas dóricas, as torres e o frontón superior son características da barroco xesuíta. Nela atópase tamén o escudo de armas da familia Pimentel e na parte superior un gran escudo da Coroa de Castela en pedra.[15]

Á beira da igrexa de San Bartolomeu localízase o colexio da Compañía, tamén barroco.[16] No exterior, o edificio de dous pisos presenta unha longa e sobria fachada de granito con numerosas xanelas simétricas, á que posteriormente se engadiu a parte máis próxima á rúa Cobián Roffignac. Destaca a porta alintelada da esquina contigua á igrexa, que está decorada con placas e pilastras e sobre ela hai un grande escudo de España tallado en pedra nun medallón.[17]

O Pazo de García Flórez é un pazo barroco do século XVIII situado entre a rúa Sarmiento e a praza da Leña. A fachada principal da rúa Sarmiento ten un pórtico de tres arcos sobre grandes columnas.[18] No primeiro piso ábrense tres portas, rodeadas na súa parte inferior por volutas, e no segundo dúas portas con balcóns que se prolongan ata as fachadas adxacentes, entre as que se atopa un grande escudo de pedra coroado por un gran helmo, orixinalmente dourado e policromado, rodeado por cinco medallóns. No interior do escudo están representadas as liñaxes dos Estévez, Suárez, Fariña e Flórez. Nas esquinas da parte superior da fachada hai dúas gárgolas.[19]

No número 43 da rúa atópase o palacete de Bernardo López Abadín, de estilo ecléctico afrancesado do século XIX. Moitos dos seus elementos decorativos foron traídos de París como as carpinterías interiores, os vidros impresos, as escaiolas ou as ferraxes. O palacete foi deseñado polo arquitecto Ricardo de Arístegui en 1870 e foi promovido por Manuel Durán. No exterior destacan as galerías nas fachadas, a cornixa da parte superior con motivos circulares e a cheminea. No interior o vestíbulo dá acceso a unha escaleira iluminada por un biolo piramidal precedida por unha porta enreixada de fundición. Nunha das camas con dosel do palacete durmiu a raíña Vitoria Uxía de Battenberg nunha visita a Pontevedra.[10][20]

Na parte oeste da rúa, a casa do número 8 data do século XVII e ten na fachada do andar superior un escudo de armas coas liñaxes dos Moscoso e dos Mendoza.[21]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "El edificio Sarmiento, un viaje por la historia de la provincia de Pontevedra". Diario de Pontevedra (en castelán). 31 de agosto de 2013. 
  2. Aganzo 2010, p. 24.
  3. "Conoce las singularidades del Edificio Sarmiento a través de #aportapechada del Museo". Pontevedra Viva (en castelán). 23 de novembro de 2020. 
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 Juega Puig 2000, p. 112.
  5. Saavedra 2011, p. 37.
  6. Fontoira Surís 2009, p. 452.
  7. "El primer jabón de Galicia se fabricó en Pontevedra en 1763". Diario de Pontevedra (en castelán). 8 de outubro de 2023. 
  8. Nieto González 1980, p. 24.
  9. Aganzo 2010, p. 56.
  10. 10,0 10,1 Aganzo 2010, p. 57.
  11. "El Pazo de Mugartegui". Diario de Pontevedra (en castelán). 30 de xullo de 2017. 
  12. "Tres siglos de historia del templo de San Bartolomé". La Voz de Galicia (en castelán). 11 de marzo de 2014. 
  13. "El retablo roto de San Bartolomé ya cuenta con un proyecto de restauración". La Voz de Galicia (en castelán). 22 de maio de 2018. 
  14. "Tricentenario de la iglesia de San Bartolomé". Pontevedra Viva (en castelán). 27 de febreiro de 2014. 
  15. "Iglesia de San Bartolomé, Pontevedra". Guía Repsol (en castelán). 11 de xaneiro de 2015. 
  16. "El séptimo edificio del Museo se hará en Valdecorvos". Diario de Pontevedra (en castelán). 13 de novembro de 2019. 
  17. Aganzo 2010, p. 61.
  18. "Las mejoras de los edificios Castro Monteagudo y García Flórez del Museo saldrán a licitación el próximo mes". Faro (en castelán). 4 de maio de 2014. 
  19. "Pazo García Flórez, edificio Castro Monteagudo: hoy un bello museo. Memorando Civitatem Duo Pontes.". Pontevedra Viva (en castelán). 26 de febreiro de 2011. 
  20. "«Restaurar la casa familiar de la calle Sarmiento nos llevó dieciséis años»". La Voz de Galicia (en castelán). 5 de abril de 2008. 
  21. Fontoira Surís 2009, p. 509.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]