Saltar ao contido

Monumento á tertulia


Monumento á Tertulia
O monumento na praza de San Xosé
Presentación
LocalizaciónPontevedra
DirecciónPraza de San Xosé
Estruturabronce e granito negro
EstiloEscultura conmemorativa
TipoGrupo escultórico
Construción
Data da construción2006
Remate13 de xaneiro de 2006
Equipo
EscultorCésar Lombera

O Monumento á Tertulia tamén denominado Círculo Literario no Café Moderno é un grupo escultórico creado polo escultor César Lombera situado en Pontevedra. Atópase na praza de San Xosé, fronte ao Café Moderno[1] e o edificio central da antiga Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra e foi inaugurado o 13 de xaneiro de 2006.[2]

Durante os séculos XIX e XX, Pontevedra foi escenario de innumerables faladoiros de intelectuais, como os celebrados na casa dos Muruais (ós que asistía Valle-Inclán), nos cafés Carabela e Savoy e na casa de Concepción Arenal.[3]

Nas primeiras décadas do século XX, Pontevedra era un importante centro social e cultural e o epicentro dos intelectuais galegos que se reunían en animadas reunións políticas, literarias e culturais na cidade. O lugar de encontro por excelencia era o Café Moderno, situado nos baixos do edificio modernista máis importante da praza de San Xosé.[4]

Estas reunións e debates na cidade centrábanse, entre outras cousas, nos contidos culturais e políticos da revista Nós ou na política galega e local. Foi nunha mesa de mármore do desaparecido Café Méndez Núñez, situado na praza da Peregrina, onde Vicente Risco e Castelao concibiron a revista Nós, que se publicaría durante un tempo na imprenta Poza da rúa Michelena.

As reunións eran animadas e reservábase tempo para elas. Os numerosos funcionarios que asistían saían cedo da oficina e os poetas ou escritores non tiñan un horario esixente. Todos estaban interesados en comentar a actualidade literaria ou en facer pequenas reflexións políticas.

Os faladoiros do Café Moderno, que tiveron lugar sobre todo nos anos 20 e 30 do século XX, foron orixinalmente reunións literarias que se converteron en políticas. Despois de febreiro de 1936, estas reunións foron sempre multitudinarias porque Castelao traía información directa do Congreso, e foi no contexto deste debate onde se desenvolveu o movemento do Estatuto de Autonomía de Galicia.[5]

Ademais da súa función como punto de encontro da vida cidadá e como espazo de intercambio de opinións sobre narrativa, poesía ou ensaio, estes faladoiros en Pontevedra eran verdadeiros centros de poder porque influían directamente na vida política.

Descrición

[editar | editar a fonte]

Estas reunións culturais e políticas na cidade vense reflectidas neste grupo escultórico que recrea unha das máis importantes reunións de intelectuais galegos da época no Café Moderno, protagonizada polo violinista Manuel Quiroga co seu violín; nela aparecen os escritores e intelectuais Castelao, Ramón Cabanillas, Carlos Casares, Valentín Paz Andrade e o político Alexandre Bóveda.

O grupo escultórico está colocado sobre unha base circular de granito negro pulido. É de bronce e mostra aos tertulianos sentados en cadeiras ao redor de dúas mesas.[6] Pesa dúas toneladas. O bronce das figuras ten pátinas que lle dan diferentes acabados e matices.[7]

Ao redor das dúas mesas sentan Alexandre Bóveda, Castelao, Valentín Paz Andrade e Ramón Cabanillas. O máis novo do grupo, Carlos Casares, apóiase nestes dous últimos, observando a escena, mentres todos os participantes na reunión contemplan a actuación do violinista pontevedrés Manuel Quiroga.

As cadeiras baleiras xunto aos protagonistas convidan os cidadáns a sentar e facerse fotos, de modo que o grupo escultórico establece un diálogo coa cidade.

No interior do Café Moderno, nunha das súas salas, atópase outro grupo escultórico do Monumento á Tertulia. Neste caso, a réplica do grupo estatuario é de bronce policromado.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]
  • Aganzo, Carlos (2010). Pontevedra. Ciudades con encanto (en castelán). Madrid: El País-Aguilar. p. 99-100;128-129. ISBN 978-8403509344. 
  • Riveiro Tobío, Elvira (2008). Descubrir Pontevedra (en castelán). Pontevedra: Edicións do Cumio. p. 51-52. ISBN 9788482890852. 

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]