Alameda de Pontevedra

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°25′50″N 8°38′58″O / 42.430555555556, -8.6494444444444

Entrada oeste da Alameda de Pontevedra.

A Alameda do arquitecto Sesmero, coñecida popularmente como a Alameda, é un parque urbano situado no centro da cidade de Pontevedra. É o maior espazo verde do centro da cidade, xunto co Parque das Palmeiras. A Alameda está situada ao oeste do casco antigo, preto do antigo barrio de pescadores da Moureira.

Historia[editar | editar a fonte]

A Alameda de Pontevedra tomou a súa configuración actual a finais do século XIX no marco dun ambicioso proxecto de ampliación da cidade cara a terreos situados fóra das antigas murallas de Pontevedra.

Antigamente este espazo era coñecido como o Campo da Verdade (lugar de execución dos reos) e o Campo das Rodas[1] xa que neste lugar fabricábanse cordas e aparellos para a pesca. Tras a construción do convento de Santo Domingo e pola súa influencia, pasou a ser coñecido como o Campo de Santo Domingo.

Alameda de Pontevedra en 1898

En 1648 os dominicos transformaron a horta do seu convento nun lugar de paseo. Dous séculos máis tarde, en 1846 procedeuse a levantar un muro de contención, a nivelar o terreo, a plantar árbores e a colocar os primeiros bancos de pedra.[2] En 1847, estaba pechado con muros de pedra parte dese campo que corresponde á actual Alameda. A alameda tiña cinco anchas rúas delimitadas por árbores en fila recta e un espazoso paseo. Nela había 57 carballos e 91 acacias e unha magnífica vista sobre a ría de Pontevedra e o mar. Por ela paseaban sobre todo nas noites de verán os veciños máis elegantes da cidade para respirar a brisa mariña.[3]

Foi coa expansión urbanística de finais do século XIX, que fixo efectiva o arquitecto Alejandro Sesmero, cando se completou a configuración deste emblemático espazo.[4]

Sesmero deseñou un proxecto para a Alameda de Pontevedra no marco da expansión burguesa da cidade e presentouno oficialmente o 29 de abril de 1879. Nos seus primeiros anos, a Alameda estaba dividida lonxitudinalmente en varios paseos paralelos que, dentro dunha sociedade de clases, estaban reservados ao uso de cada clase social. O paseo máis próximo á actual Gran Vía de Montero Ríos estaba reservado ás aias e criadas, o adxacente á clase media ou artesá e os dous restantes, xunto ao actual café El Cafetín, ás clases burguesas e nobres.[5]

León de pedra na entrada oeste da Alameda co escudo da cidade

En 1886 encargouse ao arquitecto Alejandro Sesmero o deseño e orzamento do palco da música, como parte da urbanización da Alameda e a Gran Vía. A principios do século XX, en 1904, inaugurouse o palco para acoller concertos de músicos ou artistas ao crearse a banda municipal. O palco da música ten unha base de pedra e unha cuberta de ferro e cristal e en 1907 dotóuselle de luz eléctrica.[6][7]

Posteriormente, en 1927, o Concello encargou ao arquitecto municipal, Emilio Salgado, un proxecto para embelecer a parte occidental da Alameda cunha vista privilexiada do mar. Salgado realizou un proxecto claramente influenciado polo Art Decó e en 1928 inaugurouse unha magnífica escaleira de pedra, decorada con dous grandes piares de seis metros de altura, rematados con efixies de leóns de pedra que sosteñen o escudo da cidade. Nos anos 50, estes piares reducíronse considerablemente ata a altura da balaustrada. Os leóns de pedra que os coroaban foron substituídos por copóns en forma de macetas. En 2010, os piares e os leóns volveron á súa posición e deseño orixinais.[8]

O actual bar-restaurante El Cafetín, situado no lado norte da Alameda, lembra un antigo café de principios do século XX, que en realidade non era máis que un pequeno quiosco que ofrecía bebidas e outros produtos relacionados. En 1987 inaugurouse El Cafetín coa súa estética actual.[9]

Durante o franquismo levou o nome de Alameda de José Antonio.[Cómpre referencia]

Descrición[editar | editar a fonte]

A Alameda do Arquitecto Sesmero ten unha superficie oblonga ou oval que vai desde as inmediacións da Casa Consistorial de Pontevedra na praza de España en dirección a San Roque (antigas Moureiras). Liñas de árbores divídena lonxitudinalmente en varios paseos paralelos. Xunto coa Gran Vía de Montero Ríos, ten unha superficie de 21.000 m2.

Palco da música

O lado occidental da Alameda está delimitado por un miradoiro que termina nunha escaleira de pedra. Esta escaleira está flanqueada por dúas columnas de seis metros de altura sobre as que se atopan as efixies de dous leóns de pedra co escudo da cidade. Nos muros circulares que delimitan esta parte sur hai mosaicos de Azulexos realizados por Carlos Sobrino. No lado da Alameda da Gran Vía de Montero Ríos atópase o palco da música.

Carlos Sobrino creou vinte e tres mosaicos para a Alameda de Pontevedra con diferentes paisaxes e escenas, tanto rurais como urbanas, pintados en 1927 e realizados en Sevilla. Estes mosaicos foron completamente restaurados no marco das obras de rehabilitación que se levaron a cabo na contorna do parque en 2010.

Mosaicos de azulexos de Carlos Sobrino

As escenas ilustran os costumes e a arquitectura tradicional: persoas con traxes típicos, os hórreos de Combarro, a ermida da Nosa Señora da Lanzada ou a Praza da Leña no casco antigo da cidade, entre outros.[10]

A Alameda está delimitada no seu lado oriental polo monumento aos heroes de Ponte Sampaio, deseñado por Julio González-Pola y García en 1911 con motivo do primeiro centenario da batalla de Ponte Sampaio contra os franceses.[11]

A Alameda mantense fiel ao seu deseño e trazado orixinal do século XIX. Conserva o chan de terra con camiños delimitados por cinco fileiras de árbores, principalmente álamos, chopos, plátanos, tileiros, amieiros, carballos e dous espiños brancos, bancos de pedra e un palco da música octogonal.[12][13] A entrada oriental está presidida por un piñeiro de Norfolk, unha árbore duns 30 metros de altura, a maior da alameda.[14] A Alameda está separada do bulevar pavimentado chamado Gran Vía de Montero Ríos por tramos de escaleiras de pedra.[15]

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "La Alameda recupera su pasado". Faro (en castelán). 31 de xaneiro de 2010. 
  2. Fortes Bouzán 2011, p. 388.
  3. González Zúñiga 1848, p. 6-7
  4. "Retrospectiva de la Alameda pontevedresa". La Voz de Galicia (en castelán). 10 de abril de 2010. 
  5. "José Luis Fernández Sieira: "La maldad no está en lo que dices, sino en cómo lo dices"". Diario de Pontevedra (en castelán). 14 de xuño de 2015. 
  6. "Un templete con historia". La Voz de Galicia (en castelán). 23 de xuño de 2001. 
  7. "Jóvenes talentos subirán al Palco de la Música de la Alameda". La Voz de Galicia (en castelán). 13 de marzo de 2018. 
  8. "Los leones de piedra regresan a la Alameda". Faro (en castelán). 6 de febreiro de 2010. 
  9. "Comienza a funcionar el Cafetín de la Alameda". La Voz de Galicia (en castelán). 12 de maio de 2017. 
  10. "Las obras de restauración de la Alameda se inauguran el viernes". La Voz de Galicia (en castelán). 24 de maio de 2010. 
  11. "La fuente luminosa de la Alameda ya es historia". La Voz de Galicia (en castelán). 29 de xuño de 2010. 
  12. "Los árboles de la Alameda, 'a talleres'". Pontevedra Viva (en castelán). 24 de febreiro de 2016. 
  13. "Los tesoros verdes de Pontevedra". La Voz de Galicia (en castelán). 12 de maio de 2013. 
  14. "La araucaria de 30 metros de la Alameda vuelve a iluminar la Navidad pontevedresa como hace tres décadas". Pontevedra Viva (en castelán). 1 de decembro de 2020. 
  15. "Pontevedra recuperará la "majestuosidad" de la Alameda del siglo XIX". Faro (en castelán). 13 de xaneiro de 2020. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]