Casa dos Fonseca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Casa dos Fonseca
Pontevedra capital Casa de los Fonseca Archivo Histórico Provincial de Pontevedra.jpg
Fachada principal no Paseo de Colón
Edificio
TipoPazo urbano
EstiloNeoclásico
LocalizaciónPaseo de Colón, Pontevedra, Galicia
Coordenadas42°25′51″N 8°39′03″O / 42.4307, -8.6509Coordenadas: 42°25′51″N 8°39′03″O / 42.4307, -8.6509
PropietarioDeputación de Pontevedra
Uso(s)Sede do Arquivo Histórico da Provincia de Pontevedra
Construción
InicioFin do século XIX
Remate1910
Dimensións
Plantasplanta terrea e sobrado
Equipo
ContratistaEulogio Fonseca
editar datos en Wikidata ]

A Casa dos Fonseca é unha construción situada no Paseo de Colón na cidade de Pontevedra. É un dos edificios históricos máis impactantes da cidade, que salienta pola súa arquitectura neoclásica e por dúas esfinxes de pedra e dúas altas palmeiras canarias que flanquean a súa entrada. Na actualidade é a sede do Arquivo Histórico da Provincia de Pontevedra.[1]

Historia[editar | editar a fonte]

O edificio foi construído a finais do século XIX e foi rematado no ano 1910. Foi encargado por Eulogio Fonseca, un dos ricos empresarios de Pontevedra de principios do século XX, ao que a serra ou a casa de baños aínda presente en vellas fotografías da Moureira déronlle prestixio e diñeiro. Nas súas orixes foi a sede da loxa masónica máis importante da cidade. Na sala nobre, xusto detrás do frontispicio, reuníanse os membros da Loxa Marco Aurelio, ligados tanto á masonaría como á teosofía.

En 1955 o edificio é adquirido polo Ministerio de Educación para albergar dende 1960 o Arquivo Histórico e a Biblioteca Pública Provinciais. Foi reformado polo Ministerio de Cultura entre os anos 1993 a 1996.

Unha das esfinxes que enmarcan a fachada.

Construción e estilo[editar | editar a fonte]

É unha gran mostra sobria e elegante do estilo neoclásico. Desde o paseo accédese ao edificio por unha escalinata de pedra, aos costados da cal se atopan dúas esfinxes que custodian a entrada. Con reminiscencias do eclecticismo e historicismo, no edificio apréciase unha estraña conxunción de formas e elementos.

En canto á composición do edificio, este representa o atrio dun típico templo de orde clásica. A fachada é neoclásica, cun gran pórtico de oito columnas toscanas romanas, ao estilo dun templo romano, que sosteñen un gran frontón aberto por unha xanela semicircular; no alto, e a cada banda do frontón, remátano dous grifóns alíxeros, que lle dan un ar afrancesado ou napoleónico. O edificio consta de dous andares e ático, en cuxas dependencias destaca a sala nobre, detrás do frontispicio. Os depósitos atópanse acaroados na parte traseira da construción.[2]

A cada banda da entrada do edificio atópanse unhas esfinxes de influxo exipcio acompañadas de altas palmeiras que enmarcan a escalinata e o pórtico clásico de entrada. O edificio erixiuse a imitación dun templo clásico, como a igrexa da Madeleine de París ou o Parlamento de Washington. Posúe todos os elementos deste período: grande escalinata de acceso, columnata na fachada de orde toscana que sostén un entaboamento que funciona como apoio dun frontón triangular.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Aganzo, Carlos, 2010, Pontevedra.
  2. "Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra". Visit Pontevedra. Consultado o 10 de maio de 2013. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]