Praza Alonso de Fonseca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 42°26′01″N 8°38′51″O / 42.433583333333, -8.6475555555556

Praza Alonso de Fonseca
Praza co cruceiro do século XVI
Tipoloxíapraza
Dimensións
Lonxitude25 m
Largura48 m
Área1000 m2
Localización
LocalidadePontevedra
Código postal36002
Construción
Comezoséculo XII

A Praza Alonso de Fonseca é unha praza medieval situada no centro histórico da cidade de Pontevedra, diante da Basílica de Santa María a Maior.[1]

Orixe do nome[editar | editar a fonte]

A praza recibe o seu nome do arcebispo Alonso de Fonseca, que foi nomeado párroco da antiga igrexa de Santa María de Pontevedra a principios do século XVI, durante o Renacemento. Alonso de Fonseca promoveu a construción, financiada polo Gremio de Mareantes, da nova basílica de Santa María, que conserva na súa memoria na parte posterior un escudo coas cinco estrelas dos Fonseca.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

Na Idade Media Pontevedra contaba cunha praza dentro do primitivo recinto amurallado xunto a unha das igrexas máis relevantes da vila, unha igrexa románica que foi substituída séculos despois pola basílica de Santa María a Maior. Esta zona na cota máis alta do centro histórico foi o núcleo da antiga Pontevedra, onde naceu a cidade.[3] Esta praza era un espazo aberto coñecido xa desde o século XIII co nome de praza da Eyra ou campo da Eyra.[4]

Na Pontevedra baixo medieval a praza converteuse no atrio e cemiterio de Santa María. Posteriormente esta praza foi lugar de reunión para a Confraría do Corpo Santo (fundada no século XIII)[5] do gremio de Mareantes, que financiaron co seu traballo a construción da Basílica de Santa María a Maior.[6] A construción da nova basílica cambiou radicalmente o aspecto da praza, dominada pola presenza do templo, da Casa Reitoral e da Fortaleza e das Torres Arcebispais.[7] En 1778 procedeuse á apertura dunha xanela lateral na fortaleza arcebispal que daba á praza de Santa María. En 1873 as torres arcebispais foron demolidas, cambiando o aspecto das inmediacións da praza.[8]

En 1954 (despois de pasar por varios lugares dos arredores) instalouse no centro da praza un cruceiro gótico flamíxero do século XVI que procedía da antiga capela de Santiago do Burgo, situada antes de ser demolida á beira da ponte do Burgo.[9][10]

A praza foi coñecida durante séculos como praza de Santa María ata que en 1950 recibiu o nome do Arcebispo Alonso de Fonseca en recoñecemento ao seu labor na cidade.[2]

Descrición[editar | editar a fonte]

É unha praza de forma triangular irregular, situada nun cerro da antiga vila, peonil coma o resto do centro histórico da cidade. Está empedrada e conserva o ambiente medieval de outrora.

Está dominada pola fachada sur da Basílica de Santa María a Maior, en cuxo lateral se atopa a porta de entrada habitual ao templo. No lado este da praza atópase a Casa Reitoral de Santa María.[9]

A praza está presidida no centro por un cruceiro do século XVI. Presenta na parte superior do fuste nunha cabeceira cuadrangular o escudo de Pontevedra, o escudo do arcebispo Alonso de Fonseca, dúas áncoras cruzadas e unha cuncha de vieira. Está coroado por unha cruz gótica flamíxera cos seus extremos decorados con pétalos de flores. Nela están as imaxes de Cristo por unha banda e da Virxe co Neno en brazos por outra. Ao pé da cruz sitúanse catro figuras, unha delas do Apóstolo Santiago.[10][11] A tradición mandaba que as mulleres embarazadas rezasen ante o cruceiro, á beira da ponte do Burgo, despois de verter auga do río sobre o seu ventre.[12] Ao cruceiro engadíuselle un fuste e pedestal con escaleiras en 1950.

Como continuación da praza atopábase o Eirado das Torres Arcebispais (actual avenida de Santa María), onde está unha fonte de ferro do século XIX e deseño francés de 1887. No soar das derruídas Torres Arcebispais sitúase o Palacete das Mendoza, terminado en 1880 e o Palacete do antigo Sanatorio de Santa María, proxectado polo arquitecto Juan Argenti Navajas en setembro de 1946.[13] O Eirado das Torres posuía unha función defensiva, a de evitar os danos que puidese efectuar a artillaría inimiga.[14]

Edificios destacados[editar | editar a fonte]

Na praza destaca a fachada sur da Basílica de Santa María a Maior. A construción da basílica foi financiada pola poderosa confraría do Gremio de Mareantes, que vivía no barrio da Moureira, aos pés da súa fachada. A basílica data do século XVI e foi construída en estilo gótico tardío e renacentista con influencias manuelinas. A fachada principal, de estilo plateresco, obra de Cornielles de Holanda[15] e do portugués João Nobre, é o mellor exemplo de retablo en pedra de Galicia. A fachada sur, que dá á praza, destaca pola súa elaborada cristería gótica e polos seus relevos didácticos con escenas de historia sacra e fábulas, así como representacións da cidade coas súas murallas. No interior destacan as bóvedas de crucería en forma de trevo de catro follas. A basílica é chamada a perla da arte galega pola pureza dos seus elementos góticos.[16][9][17][18]. Á beira da entrada da fachada sur está o Cristo da Boa Viaxe, ao que os mariñeiros acudían a encomendarse antes de partir ao mar.[19]

No lado este da praza atópase a Casa Reitoral de Santa María.[20] É unha casa renacentista que data do século XVI e é coetánea da basílica de Santa María a Maior. Foi unha casa-torre nas súas orixes que formaba parte do primeiro complexo defensivo-relixioso de Pontevedra. Na porta destaca o arco de medio punto e cinco doelas de grandes dimensións propias do Renacemento, así como o escudo de armas na doela central coas armas dos Menelau ou Menelao. Na fachada da casa existe unha inscrición que lembra que na cidade viviu Alonso de Fonseca: A Don Alonso de Fonseca 1473-1534, Cura de esta feligresía, Arzobispo de Santiago y de Toledo, Patrono magnífico de Ciencias, Letras y Artes. La ciudad de Pontevedra de la que fue confesor. Año MCMLIX .[9][21][22].

No oeste da praza atópase unha casa barroca do século XVIII, en cuxa planta baixa as portas e xanelas están separadas por pilastras con capiteis clásicos.[23].

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "El Concello explica con imágenes la reforma del entorno de Santa María". La Vanguardia (en castelán). 24 de abril de 2010. 
  2. 2,0 2,1 "Cuando Alonso de Fonseca fue párroco de Pontevedra". Diario de Pontevedra (en castelán). 26 de decembro de 2021. 
  3. Aganzo 2010, p. 74.
  4. Álvarez Pérez 2021, p. 122.
  5. "El Gremio de Mareantes divulga el peso que tuvo en la historia de Pontevedra". Diario de Pontevedra (en castelán). 22 de xuño de 2013. 
  6. Armas Castro 1992, p. 95.
  7. Fernández Martínez 2013, p. 388.
  8. "La sociedad más antigua de Pontevedra". Diario de Pontevedra (en castelán). 13 de setembro de 2018. 
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 "El eirado de Santa María: Historia y curiosidades". Pontevedra Viva (en castelán). 27 de maio de 2021. 
  10. 10,0 10,1 Fontoira Surís 2009, p. 531.
  11. Riveiro Tobío 2008, p. 27.
  12. Aganzo 2010, p. 75.
  13. "Sale a la venta el antiguo Sanatorio Santa María, valorado en 2,6 millones". Diario de Pontevedra (en castelán). 21 de abril de 2022. 
  14. "Las Torres Arzobispales y el arzobispo Sanclemente". Faro (en castelán). 11 de agosto de 2012. 
  15. "Cornelis de Holanda, el escultor de Santa María". Diario de Pontevedra (en castelán). 2 de maio de 2021. 
  16. Aganzo 2010, p. 75-78.
  17. Riveiro Tobío 2008, p. 26-27.
  18. Fontoira Surís 2009, p. 214-218.
  19. "Santa María busca fondos para restaurar el Cristo del Buen Viaje". Faro (en castelán). 17 de decembro de 2021. 
  20. "Santa María prosigue su plan de obras por la Casa Rectoral". Diario de Pontevedra (en castelán). 19 de outubro de 2016. 
  21. Aganzo 2010, p. 74-75.
  22. Fontoira Surís 2009, p. 213.
  23. Fontoira Surís 2009, p. 524.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]